O Concello ampliará en 16,5 hectáreas máis a superficie do Polígono do Reboredo, un 44,50% da superficie actual

Monforte de Lemos, 26 de agosto de 2023. O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, informou na mañá de hoxe en rolda de prensa ante os medios de comunicación, dunha importante nova que supón un paso máis na folla de ruta de melloras que este Equipo de Goberno está levando a cabo no Polígono Industrial do Reboredo, cuxa promoción e mellora é “un dos piares da miña acción de goberno, dende que cheguei á Alcaldía”.

Trátase dun proxecto que suporá a ampliación en 164.846 m2 da superficie actual do Polígono do Reboredo, case 16,5 ha., “o que supón un incremento do 44,50% da superficie do actual, é dicir, case aumenta a metade, dado que o actual ten unha superficie aproximada de 370.600 m2” sinalou o Alcalde. A ampliación levarase a cabo pola parte noreste, incluíndo algunha parcela máis que se adquirirá neste procedemento para completar a superficie urbanizable sinalada de 164.846 m2.

Neste senso, José Tomé, explicou que, o resultado da promoción e mellora constantes levadas a cabo dende o Concello desde o ano 2015, foi que “se venderan moitas parcelas, a tal punto que están todas vendidas e polo tanto, cunha proxección de que a medio prazo, o polígono existente terá todas as parcelas edificadas dentro da edificabilidade permitida legalmente”.

Deste xeito, o “éxito de promoción e venta das parcelas existentes, levou ó Concello a solicitar á Deputación Provincial de Lugo a cesión das parcelas que había comprado no seu día para que se implantase Pacadar, e que o Concello non permitiu a través dun informe do anterior Alcalde, dicindo que non se podían depurar as augas residuais desa empresa, e por iso non se puido instalar”.

 

O Concello inicia o proceso para levar a cabo a ampliación do Polígono

Toda vez que a Deputación de Lugo atendeu a solicitude do Concello e cedeu gratuitamente eses terreos para destinalos a fins industriais, o Alcalde explicou que dende o Equipo de Goberno convocouse o concurso para a “Redacción da Modificación das Normas Subsidiarias de Planeamento e do Plan Parcial do Polígono Industrial do Reboredo”, co obxecto de comezar a dar os pasos necesarios para a súa ampliación. Dito concurso foi adxudicado á empresa “Oficina de Planeamento, S.A.”, por un importe de 204.490 €, sendo asinado o contrato, o día 13 de decembro de 2022.

Con data 31 de xullo do presente ano, a empresa, enviou por sede electrónica o borrador do Plan, formado por dous documentos:

-    Memoria Xustificativa.

-    Documento Ambiental Estratéxico.

 

Nestes dous tomos recóllese a situación de partida e a proposta de futuro, incluíndo as modificacións que houbo no polígono actual, pero que non están reflexadas documentalmente.

Despois da tramitación municipal e en plenas Festas Patronais, na Xunta de Goberno do día 14 de agosto, o Concello aprobou o borrador do proxecto de Modificación das Normas Subsidiarias de Planeamento e do Plan Parcial do Polígono foi enviado o día 23 do presente mes de agosto á Dirección Xeral de Calidade Ambiental, Sostenibilidade e Cambio Climático, da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda da Xunta de Galicia.

Esta Dirección Xeral é o órgano substantivo para a tramitación do Planeamento urbanístico e recaba outros informes sectoriais (por exemplo, a Confederación Hidrográfica do Miño-Sil) que sexan necesarios, dado que implica un cambio normativo de 16,48 has., equivalente ó 0,08% da superficie do termo municipal.

Neste aspecto, o Alcalde aclarou que “dado que o regato do Carballo ten moita zona de Policía de Cauce, de 100 metros, limita o crecemento do Polígono cara a ese lado, polo que planteamos unha reorganización xeral das zonas verdes, que permita unha correcta utilización de solo industrial e ó mesmo tempo superamos as esixencias de zonas verdes, facendo unha zona ampla de esparcemento entre as traseiras da nova rúa e o cauce do Carballo”

No mesmo senso, o borrador contempla tamén a posible permuta de ubicación de zona verde por ampliación de zona industrial e tamén varía a posibilidade de superficie para usos deportivos e novos viais para conectar o actual polígono coa posible ampliación cara o suroeste, “que temos solicitado que sexa acometida polo SEPES (SEA), o que lle permitiría comunicarse por tres lugares diferentes co obxecto de ter un Polígono industrial ben intercomunicado”.

José Tomé concluíu destacando que “para min como Alcalde, con estas actuacións, imos facer aínda máis atractivo o noso Polígono, con máis solo industrial, máis oportunidades para as empresas, mellor comunicado e con mellores servizos para a implantación de empresas, para xerar riqueza e xerar postos de traballo”.

      

 

 

    

 

Aposta decidida do Concello de Monforte pola mellora do Polígono industrial do Reboredo

Cabe recordar que recentemente o Alcalde supervisou os traballos de mellora do firme da estrada provincial que vai dende Monforte ó polígono industrial de O Reboredo, en concreto, a estrada LU-P-3205,  para o que se destinou un orzamento de 315.000€.

A esta última actuación das levadas a cabo no Polígono do Reboredo cabe engadir as desenvoltas polo Concello monfortino nos últimos anos, como a nova vía de medio quilómetro construída na zona oeste, na que o Concello aportou 235.627,16€, e as actuacións de reforma dunha nave municipal que foi convertida na sede do primeiro Viveiro de Empresas industrial que ten o Concello de Monforte, e no que investiu 235.913,45€.

A aposta dedicida do Equipo de Goberno monfortino por esta polígono empresarial do Reboredo, tradúcese nas inversións realizadas no período 2016-2022, que superan o 1,1M€ (concretamente, 1.108.949,26 €).

E recentemente, o Alcalde tamén anunciou unha inversión de preto de 5.000.000 € para unha nova depuradora no Polígono.

O éxito do polígono tradúcese no interese crecente de empresas por implantarse no mesmo, grazas á promoción que ven facendo o Concello nos últimos anos, como o caso anunciado da farmacéutica KernPharma, que construirá unha planta de produtos inxectables, cun investimento de máis de 60M€ e con máis de 100 empregos, ou a ampliación e mellora das instalacións da empresa de produtos lácteos Oviganic Ibérica, e novos proxectos industriais que están en fase de anteproxecto.