O Concello de Monforte súmase mañá sábado 13 ós actos de conmemoración do bicentenario da Policía Nacional

Monforte de Lemos, 12 de xaneiro de 2024.  O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, informa que o Concello sumarase mañá sábado 13 de xaneiro ós actos de conmemoración do bicentenario da Policía Nacional.

“Atendendo a unha petición provinte da Xefatura Superior da Policía Nacional de Galicia, a través da Comisaría de Monforte, contribuímos a conmemorar esta importante efeméride,  iluminando na noite deste sábado 13 de xaneiro, a Torre da Homenaxe de San Vicente na cor azul corporativa propia da Policía Nacional”, explicou o Alcalde.

José Tomé tamén aproveita a ocasión, en nome de todos os monfortinos e monfortinas, para “felicitar á Policía Nacional polos seus 200 anos de historia, e en concreto, ós seus efectivos da Comisaría de Monforte de Lemos, pola importante labor que día a día desempeñan en defensa da cidade e dos monfortinos e monfortinas”.

Tamén recordou o rexedor monfortino o anuncio da licitación da obra para a futura comisaría da Policía Nacional en Monforte, do que deu conta o pasado mes de decembro, “obra que con esta licitación xa está en marcha e que fará que a cidade conte por primeira vez con un edificio propio para a Comisaría da Policía Nacional, que albergará a todos os seus efectivos, e que mellorará sen dúbida a atención que prestan ós nosos cidadáns”, cun investimento de máis de 3,8M€.

 

Dous séculos de historia

A Policía Nacional cumpre 200 anos ó servizo dos cidadáns. Foi a Real Cédula do 13 de xaneiro de 1824 a que creou a Policía General del Reino, o antecedente histórico desta institución policial, primeiro corpo policial con dimensión nacional coa función de «garantir o ben e a seguridade pública».

Este fito histórico marcou a orixe do que hoxe coñecemos como a Policía Nacional de España, polo que esta data posúe sen dúbida unha gran relevancia para o devir do país.

A Policía Nacional, que é o corpo estatal máis antigo de todas as Forzas e Corpos de Seguridade de España, soubo evolucionar e adaptarse ós desafíos de cada época, forxando nese longo percorrido uns principios e valores moi sólidos, nados do esforzo, sacrificio e mesmo heroísmo dos seus integrantes.

Nos seus dous séculos de historia, a Policía Nacional buscou dar resposta inmediata e eficaz ás demandas de todos os cidadáns, razón pola cal, é hoxe una das institucións máis queridas e valoradas pola sociedade.

Actualmente este Corpo de seguridade do Estado está formado por máis de 70.000 homes e mulleres. A súa natureza é de carácter urbano, contando con competencias en todo o territorio nacional.