Monforte de Lemos, 18 de outubro de 2023. O Concello de Monforte sumarase mañá xoves día 19 de outubro os actos conmemorativos do Día Mundial contra o Cancro de Mama.
Para elo, e como xesto simbólico e en sinal de apoio ás persoas afectadas por este tipo de cancro, o Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, informa que na noite do xoves 19 de outubro procederase á iluminación da Torre da Homenaxe de San Vicente de cor rosa.
Cada ano, o 19 de outubro celébrase o Día Mundial Contra o Cancro de Mama como recordatorio do compromiso de toda a sociedade na loita contra esta enfermidade, que é o tumor maligno máis frecuente entre a poboación feminina.
Deste xeito, o obxectivo desta conmemoración é concienciar á sociedade da importancia da investigación e o diagnóstico precoz desta enfermidade, que é o tipo de tumor máis frecuente en mulleres, así como apoiar e mellorar a vida de todas aquelas persoas que se senten máis vulnerables fronte ó cancro.
Neste senso, o Alcalde sinala que “dende o Concello de Monforte, sumámonos a esta iniciativa e queremos facela extensiva a toda a cidadanía iluminando de rosa a Torre da Homenaxe, pois cancro de mama é o tumor máis frecuente nas mulleres occidentais. España en 2023 diagnosticáronse 35.000 novos casos de cancro de mama”.
Segundo a OMS, cada 30 segundos nalgún lugar do mundo diagnostícase un cancro de mama, e segundo as estimacións unha muller morre no mundo de cancro de mama cada 53 minutos. Un cancro de mama detectado ó comezo do mesmo, diminúe un 25% a probabilidade de morte.
En España, aproximadamente o 30% dos cancros diagnosticados en mulleres orixínanse na mama. O cancro de mama é xa o tumor máis diagnosticado do mundo, superando por primeira vez ó cancro de pulmón, segundo datos publicados en 2021 polo Centro de Investigaciones sobre el Cáncer (IARC).
Por esta razón, o Concello de Monforte sumarse ó chamamento da Asociación Española contra o Cancro (AECC), asociación que dispón dunha serie de servizos e programas para a atención integral das persoas con cancro de mama. Dende a AECC destácase á necesidade de informar, xa que o cancro de mama é unha enfermidade grave, pero pódese curar si se detecta a tempo. A AECC tamén ofrece servizos como atención psicolóxica, atención social e acompañamento.
A campaña deste ano, #ElRosaEsMásQueUnColor, representa apoio, loita, investigación... e busca que a cidadanía se identifique co que realmente importa: as persoas con cancro de mama, coas súas necesidades, coas súas experiencias e coa súa supervivencia.