O Alcalde supervisa o inicio das actuacións de mellora en oito rúas da cidade, nas que o Concello inviste 170.000 €


                                             O Alcalde, José Tomé Roca, supervisa as actuacións na rúa Pontevedra, xunto á 1ª Tenente de Alcalde e o Concelleiro de Obras

Monforte de Lemos, 8 de agosto de 2023. O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, informa do inicio das obras de mellora do firme de oito rúas da cidade incluídas no plan desenvolto polo Equipo de Goberno para rúas de titularidade municipal, en concreto, a Travesía da Veiga, o Camiño lateral ó Museo do Ferrocarril, e as rúas Irmandiños, Mato, Pontevedra, Ribeira, Curros Enríquez e Caneiro.

Neste senso, o Alcalde supervisou o inicio do asfaltado da rúa Pontevedra, acompañado pola 1ª Tenente de Alcalde, Gloria Prada, e o Concelleiro de Obras, Medio Rural, Servizos e Medio Ambiente, José Luís Losada.

O investimento total para estas 8 actuacións de mellora ascende a 170.000 euros (169.556,91€).

As actuacións enmárcanse dentro do proxecto de obras de mellora en 13 vías de  urbanas e rurais que deu a coñecer hai unhas semanas o Alcalde, e que contan cun investimento total próximo ós 300.000€ (297.800,63 €.).

José Tomé Roca, destaca que “iniciamos así neste novo mandato o desenvolvemento dun ambicioso programa de mellora de infraestruturas viarias da nosa cidade e das nosas parroquias, porque este é un compromiso que eu como Alcalde teño adquirido cos monfortinos e coas monfortinas dende o principio do meu mandato, e non esquecemos a ningunha parroquia, nin a ningún barrio de Monforte de Lemos”.

“Deste xeito” engadiu o Alcalde, “o Equipo de Goberno deste Concello segue a desenvolver actuacións para seguir mellorando Monforte tal como vimos facendo dende que chegamos ó Goberno fai 8 anos, e que seguiremos facendo para cumprir o compromiso que temos con todos os monfortinos e monfortinas”.

 

Melloras das rúas Curros Enríquez, Pontevedra, Ribeira e Caneiro

Un primeiro grupo de melloras correspóndense coas rúas Curros Enríquez, Pontevedra, Ribeira e Caneiro que presentaban un firme da vía algo deteriorado e polo tanto aconsellábase unha actuación completa de renovación do firme de todas elas.

Para elo lévase a cabo o fresado de toda a superficie da vías, previamente á colocación dunha nova capa de rodadura de aglomerado en quente e por último, o pintado de marcas viais, de símbolos e cebreados.

Nestas catro rúas, o firme vaise facer a base de aglomerado en quente tipo D-12 de 5 cm de espesor e as marcas viais reflexivas de 12 cm con pintura reflexiva e microesferas de vidrio. Esta misma pintura será utilizada para as marcas viais de símbolos e cebreados.

Ademáis  disto, na Rúa Caneiro, farase un recalce das tapas de rexistro na calzada con dado de formigón, para nivelar a rasante e colocar novas rexillas para a captación de pluriais.

Trátase polo tanto dunha renovación completa do pavimento destas 4 rúas nun total de 852 metros lineais (297 metros na Rúa Curros Enríquez, 328 metros nas rúas Pontevedra e Ribeira e 227 m. na Rúa Caneiro).

O investimento por rúa é de 37.706,45€ na rúa Curros Enríquez, 39.929,93€ na rúa Caneiro e un total de 41.164,11€ para as rúas Pontevedra e Ribeira.

 

Camiño lateral ó Museo do Ferrocarril

Esta vía presentaba un firme que aconsellaba unha actuación completa de renovación do mesmo, sendo necesario proceder ao fresado dos entronques iniciais e finais das vias mencionadas previamente á colocación dunha nova capa de rodadura de aglomerado en quente.

Así, vaise proceder ao fresado do firme, ao barrido do firme nas zonas afectadas por medios mecánicos, e o firme farase con aglomerado en quente tipo D-12 de 5 cm de espesor e tamén se realizará o recalce das tapas de rexistro en calzada en dado de formigón.

Trátase polo tanto dunha renovación completa do pavimento deste Camiño, nun total de 367 metros, e conta cun orzamento de 23.831,89 €.

 

Travesía A Veiga

Nesta rúa procédese á renovación completa do firme, procedéndose neste caso á apertura da caixa, á colocación dunha base de pedra en toda a superficie e ó extendido dun triple rego asfáltico.

Estamos a falar dunha intervención en 131 metros lineais e conta cun orzamento de 10.852,90 euros.

 

Rúas Irmandiños e Mato

En ambas rúas estase a proceder á renovación completa do firme, unha delas vaise fresar nos entronques iniciais e finais pero a outra vaise fresar completa previamente á colocación da nova capa de rodadura de aglomerado en quente tipo D-12 de 5 cm de espesor.

A intervención de mellora afecta a 183 metros lineais da Rúa Irmandiños e 90 metros na Rúa Mato, e supón un orzamento total de 16.071,63 €

 

O rexedor monfortino resalta que “estas 8 novas actuacións en rúas da cidade supoñen a continuidade do desenvolvemento dun ambicioso programa de melloras de infraestruturas urbanas e da rede viaria da nosa cidade e das nosas parroquias, porque este é un compromiso que eu como Alcalde teño adquirido cos monfortinos e coas monfortinas e que veño de renovar tras o respaldo acadado nas recentes eleccións municipais, e no que non esquecemos a ningunha parroquia, nin a ningún barrio de Monforte de Lemos.”