O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, ven de anunciar a apertura de prazos para solicitar a participación na XIX Feira Medieval de Monforte

Monforte de Lemos, 1 de febreiro de 2023. O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, ven de anunciar que dende hoxe está aberto o prazo para solicitar a participación na XIX Feira Medieval de Monforte. Deste xeito, fanse públicas as bases para a solicitude de participación na Feira Medieval que se celebrará o sábado día 8 e o domingo 9 de abril de 2023.

O Alcalde salienta que “con esta convocatoria seguimos traballando na organización das actividades propias do calendario de eventos anual do noso Concello, neste caso a Feira Medieval, que constitúe un dos maiores eventos da cidade a nivel cultural e comercial, xa que representa un atractivo turístico e axuda a atraer visitantes a Monforte e o conxunto da Ribeira Sacra.”.

Prazos e requisitos de inscrición

As bases recollen o procedemento de solicitude, documentación que se debe achegar, así como aspectos relacionados coas características dos postos, a decoración dos mesmos,  a utilización de materiais nas súas estruturas, o prezo e os horarios de apertura e peche.

Segundo se especifican nas citadas bases, o 28 de febreiro remata o prazo de inscrición, e o día 15 de marzo publicarase na páxina web municipal (www.monfortedelemos.es) a listaxe de admitidos e admitidas, data na que tamén se indicará a forma de facer efectivo o prezo de inscrición.

A organización da XIX Feira Medieval admitirá tres modalidades de postos: alimentación, artesanía e comercio. E, do mesmo xeito, darase prioridade ás solicitudes de vendedores e vendedoras de Monforte, así como aqueles postos de artesanía con carta de artesá ou artesana.

O prezo dos postos de artesanía e comercio será de 41,19 € para os que midan ata 3 metros de longo e de 51,54 € para os que pasen desta medida. Os postos gastronómicos deberán ingresar 61,89 € independentemente do seu tamaño.

No transcurso da Feira Medieval, o horario de apertura dos postos inscritos será ás 10:00 horas e o peche dos mesmos será entre as 21:00 e 23:00 horas, en función do público participante.

Na Sede Electrónica da entidade (sede.monfortedelemos.es) pódese realizar a inscrición on line. Para elo deberá de dispoñer do certificado dixital ou DNI electrónico. O procedemento de inscrición atópase na área de Tramitación (modalidade: Cultura).

Máis información na Oficina de Promoción Económica e Emprego do Concello (Casitas da Compañía), nos teléfonos: 698181551 e 982884775 e no correo: feiramedieval@concellodemonforte.com.

Tras o anuncio desta convocatoria, nos vindeiros días, dende o Concello daranse a coñecer máis detalles en torno a esta feira que é a protagonista no fin de semana de Semana Santa en Monforte, e que ano a ano, avanza para acadar a declaración de Feira de Interese Turístico Galego.

 

DOCUMENTOS DE DESCARGA:

Bases definitvas participación XIX Feira Medieval 2023

Regulamento XIX Feira Medieval 2023

Solicitude Participación XIX Feira Medieval 2023