O Alcalde informa da actuación de mellora do firme da rúa Río Sil, na que inviste máis de 18.000€

Monforte de Lemos, 15 de decembro de 2023. O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, informa do desenvolvemento das obras de mellora do firme doutra das rúas incluídas no plan desenvolto polo seu Executivo para rúas de titularidade municipal, en concreto, trátase da rúa Río Sil, na zona do Morín.

José Tomé Roca, destaca que “neste novo mandato continuamos so desenvolvemento dun ambicioso programa de melloras de infraestruturas viarias da nosa cidade e das nosas parroquias, porque este é un compromiso que eu como Alcalde teño adquirido cos monfortinos e coas monfortinas, e no que non esquecemos a ningunha parroquia, nin a ningún barrio de Monforte de Lemos”.

 

Melloras da rúa Río Sil

A rúa Sil presentaba un firme deteriorado dende facía moitos anos que aconsellaba unha actuación completa de renovación do mesmo, sendo necesario proceder ó fresado da superficie de dita vía, previamente á colocación dunha nova capa de rodadura de aglomerado en quente.

Trátase, polo tanto, dunha renovación completa do pavimento ó longo de 290 metros lineais, cun ancho medio de 5 metros, e unha superficie total de 1.455 m2. O orzamento destinado a esta actuación supera os 18.000 euros (18.054,61€).

Así, procedeuse ó barrido do firme coa aplicación da base de aglomerado en quente tipo D-12 de 5 cm de espesor e ó recalce de tapas de rexistro en calzada con dado de formigón. Unha vez remate o asfaltado está previsto o pintado da marca vial continua e discontinua reflexiva de 12 cm. con pintura reflexiva e microesferas de vidrio.

O rexedor monfortino indicou que “as actuacións iniciáronse no día de onte, debido a que a climatoloxía acompañou, logo dunhas semanas con chuvias constantes que impedían este tipo de actuacións” e engadiu que “a actuación na rúa Río Sil segue a completar as actuacións na zona da Estación e do Morín, xa que nos pasados meses asfaltamos a rúa Mato, e tamén está prevista arranxar, xa llo dicimos agora ós veciños, a rúa Ramón Cabanillas.”