Monforte de Lemos, 23 de agosto de 2023. O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, inaugurou na tarde de hoxe a 24ª edición da Feira do Libro de Monforte. No acto estivo acompañado polo representante da Federación de Librarías de Galicia, Jacobo Rodríguez Agrasar, o Director Xeral de Cultura da Xunta de Galicia, Anxo Lorenzo, o Vicepresidente da Deputación de Lugo, Efrén Castro, así como diversos membros do Equipo de Goberno e da Corporación do Concello.
O pregón correu a cargo do escritor lucense, Francisco Javier Fernández Narla, autor de novelas históricas e de misterio.
José Tomé Roca destacou, na súa intervención, que “dende o Equipo de Goberno do Concello de Monforte, seguimos colaborando decididamente con esta festa da literatura porque consideramos que con ela conseguimos achegarlle á cidadanía unha parte fundamental da nosa cultura, como son os libros, e polo tanto, contribuímos á súa divulgación. Ó mesmo tempo, tamén ofrecemos o noso apoio a un sector tan importante como é o editorial”.
O Equipo de Goberno apoia ano a ano este evento, coorganizado entre o Concello e a Federación de Librarías de Galicia, dada a importancia que ten o sector editorial en Galicia.
“Este evento cultural que estamos a inaugurar, e que forma parte do programa do Verán Cultural do Concello, sérvenos para que todos poidamos encontrarnos coa literatura na rúa, e sérvenos para render unha merecida homenaxe ós libros, ós seus escritores e escritoras, e tamén ós editores e libreiros e libreiras, que son os encargados de facernos chegar as obras ós lectores”, indicou o mandatario municipal.
O Alcalde destacou a presenza de varios escritores e escritoras da Ribeira Sacra, e tamén do resto de Galicia. A través deles, “potenciaremos e daremos a coñecer o talento literario que temos na nosa comarca e tamén no conxunto da provincia de Lugo e de Galicia”.
O rexedor monfortino tamén fixo referencia ó lema do cartel deste ano, “Vivir os libros”, un lema moi acaído porque “a través dos libros podemos vivir outras culturas e países, podemos meternos na pel dos personaxes, vivir experiencias e, en definitiva, os libros axudan a completar e enriquecer a nosa vida”.
Finalmente, José Tomé animou na súa intervención “a todos os monfortinos e monfortinas, así como ás persoas que nos visitan estes días, a que se acheguen á Feira do Libro, neste marco incomparable como é esta rúa do Cardeal, para coñecer as novidades literarias e adquirir novos libros que, de seguro, nos axudarán a descubrir novas historias apaixonantes, e ademais terán un desconto do 10% en todos os libros, que sempre é unha boa axuda para animarse a mercar”. E agradeceu a presencia tanto do pregoeiro, coma dos libreiros e libreiras na Feira, así como dos escritores e escritoras, que asinarán nestes días as súas obras.
Antes e tras o acto inaugural, tivo lugar a actuación do Grupo de Gaitas do Concello de Monforte. A continuación, a comitiva institucional encabezada polo Alcalde visitou as 6 casetas protagonistas desta 24ª edición da Feira do Libro de Monforte.
A Feira do Libro de Monforte está organizada pola Federación de Librarías de Galicia e o Concello de Monforte. Esta Federación de Librarías de Galicia é unha institución constituída sen fins de lucro, integrada actualmente por 147 librarías de toda Galicia, que leva 45 anos ó servizo do sector.
Francisco Narla, pregoeiro da XXIV Feira do Libro de Monforte
Na súa intervención, o Alcalde esbozou unha breve biografía do pregoeiro. Francisco Javier Fernández Narla é autor de novelas históricas e de misterio. Naceu en Lugo en 1978. Piloto aéreo de profesión, comezou a súa carreira literaria en 2009 cunha novela de terror, “Los lobos del centeno”, de ambiente galego que acadou un gran éxito en España e Latinoamérica, á que seguiu a novela negra “Caja negra”, en 2010..
Nas súas obras tamén aborda o xénero da novela histórica, ambientada en diversos períodos da historia española: a Hispania celta en “Breo”, a Hispania romana en “Donde aúllan las colinas”, e a España medieval en “Assur”, que narra os ataques vikingos á Península Ibérica. “Ronin” está ambientada no convulso Xapón medival, e “Laín. El bastardo”, é Premio Edhasa de Narrativas Históricas. Outras novelas son “Fierro” e “Balvanera”.
Dentro do seu campo profesional, é autor do tratado de aerodinámica “Canon de performance: masa y centrado, y planificación de vuelo”. Tamén publicou o libro de pesca “De hombres y ríos. Los secretos de la selección española. Trucos, artificiais e técnicas”.
Membro da Academia de Gastronomía Galega, tamén colaborou en distintos libros de cociña.
O Alcalde, referiuse a el coma “un excelente e polifacético pregoeiro, que nos honra coa súa presencia e que vai contribuír, estou seguro, a que esta 24ª edición da Feira do Libro de Monforte teñan uns bos resultados”.
Programación da 24ª Feira do Libro de Monforte
A XXIV Feira do Libro de Monforte de Lemos poderá visitarse ata o sábado 26 de agosto. As casetas estarán abertas de 11 a 14 horas e durante a tarde de 19 a 22 horas. Serán catro xornadas de actividades nas que o público asistente poderá gozar de presentacións de libros e sinaturas das obras por parte dos seus autores.
As casetas presentes nesta edición son as de A Gata Tola (Santiago de Compostela), Libraría Cartabón (Vigo), A Librería da Proencia (Sober), o Servizo de Publicacións da Deputación de Lugo, Librería Agrasar (Monforte) e Librería Entre Libros (Monforte).
A Feira do Libro de Monforte conta cun completo programa de actividades, no que se inclúen Seis casetas, ducias de autores, eventos para toda a familia, sinaturas e presentacións. Coa Feira do Libro de Monforte, a Federación de Librarías de Galicia dará por rematada a tempada de feiras de 2023, e que ten 14 citas por toda Galicia.
A programación deste ano da Feira do Libro de Monforte inclúe a presencia de varios escritores da Ribeira Sacra, e tamén escritores do resto de Galicia. A través deles, potenciarase e darase a coñecer o talento literario existente na Ribeira Sacra e tamén en Galicia.
Todos os libros que se adquiran nesta Feira do Libro monfortina, contarán cun desconto do 10%.
Mércores 23 de agosto:
19:00 h.- Pregón a cargo do escritor Francisco Narla, e inauguración a cargo do Alcalde de Monforte, José Tomé Roca.
19:30 h.- Andrea Micc asina Crónicas de Vanusum I. El reino de los reinos na caseta da libraría Agrasar.
20:00 h.- O Leo presenta Libre de libro acompañado polo editor Antón Lopo (Chan da pólvora).
21:00 h.- Maite Mosconi presenta a biloxía Helheim (Editorial Vanir).
Xoves 24 de agosto:
11:00 h.- Inés Silva asina Las aventuras de Coco y Marvin e Elsa Benito y el mar na caseta da libraría Entre Libros.
12:00 h.- Henrique Egea asina Remover Roma por Santiago na caseta da Libraría Agrasar.
13:00 h.- Manuel Blanco asina Os versos do te na caseta da Libraría Agrasar.
19:00 h.- Espectáculo infantil musical Cadernos de cores e cancións con Magín Blanco (Galaxia).
19:00 h.- Brenda Mondelo asina O espello de Celia e Neve na caseta da libraría Entre Libros.
19:30 h.- Ana Meilán asina Non o fagas, Tarbi! na caseta da Libraría Agrasar.
20:00 h.- Brenda Mondelo asina Neve e O espello de Celia na caseta de A Libraría da Proencia.
20:30 h.- Chan da Pólvora Editora na Feira de Monforte. Presentación dos libros:
- Rimbaud [Seis poemas de inferno e adolescencia].
- As cunchas baleiras de Branca Novoneyra.
- Lupercais, do colectivo de poetas de Lugo.
Venres 25 de agosto:
11:00 h.- Andrea García Martínez asina Animais fantásticos de aldea na libraría Entre Libros.
12:30 h.- José María Lago asina La caja de Pandora e Santuario da Nosa Señora de Cadeiras na caseta de A Libraría da Proencia.
13:00 h.- Mirian Casas asina Ikal e Ikal 2 na caseta da Libraría Agrasar.
19:00 h.- Obra infantil Feo, por Caramuxo Teatro.
19:00 h.- Mar López Sotelo asina Esgrafiado galego na caseta da libraría Entre Libros.
19:00 h.- Óscar Guzmán asina Os segredos de Teresa na caseta de A Libraría da Proencia.
19:00 h.- Antón Lopo asina Diarios/1. Azul Monforte na caseta da Libraría Agrasar.
20:15 h.- Nazaret López presenta Pecados Veniais acompañada por Xosé Manuel Eyré (Xerais).
Sábado 26 de agosto:
11:00 h.- Andrea Micc asina Crónicas de Vanusum I. El reino de los reinos na caseta da libraría Entre Libros.
12:00 h.- Alba Lopez Paredes asina Nandidor e La leyenda de Noa na caseta da libraría A gata tola.
12:00 h.- Estefanía Padullés asina A pantasma do castelo. Porlier e a súa loita pola liberdade na caseta da libraría Agrasar.
12:30 h.- Actuación infantil A Ramona Pequena vai á Lúa de Pakolas (Galaxia).
12:30 h.- Yaiza Galán asina El suspiro del viento na caseta de A Libraría da Proencia.
19:00 h.- Contacontos O pesadelo de Mateo por Estefanía Padullés (Belagua).
19:00 h.- Yaiza Galán asina El suspiro del viento na caseta da libraría Entre Libros.
19:00 h.- Sonia Arias asina Manchas de frío na caseta da Libraría Agrasar.
19:00 h.- Alba Lopez Paredes asina Nandidor e La leyenda de Noa na caseta da libraría A gata tola durante toda a tarde.
19:00 h.- Andrea Micc asina Crónicas de Vanusum na caseta de A Libraría da Proencia.
20:00 h.- Martín Parga presenta A vida no Chairo (Toxosoutos).
21:00 h.- Samuel Merino presenta Con esta Hoz (Disbauxa). Ao rematar, recital MAN A MAN con Silvia Penas.