Monforte de Lemos, 17 de xullo de 2023. O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, inaugurou na tarde de hoxe a mostra que El Progreso expón en Monforte conmemorando os 115 anos de existencia deste xornal.
No acto, o Alcalde estivo acompañado polo director do medio, Alfonso Álvarez Riveiro, o director de publicidade, José María Álvarez Vilabrille, ademais da Tenente de Alcalde, Gloria Prada, o Concelleiro de Obras, Medio Rural, Servizos e Medio Ambiente, José Luís Losada, diversos membros da Corporación municipal, e responsables da empresa Gestagua, un dos patrocinadores da exposición.
Esta mostra conmemorativa e de carácter itinerante permanecerá exposta ó público no Campo de Santo Antonio, arredor do cruceiro, desde esta tarde e ata o día 31 de xullo. Está formada por 10 expositores triangulares de gran formato nos que se repasan os fitos máis destacados da historia de Lugo, da provincia e da Ribeira Sacra e Monforte de Lemos nos últimos 115 anos de historia. En concreto, son 15 portadas e 35 fotografías das máis significativas das publicadas por este xornal.
Esta exposición conta coa colaboración do Concello de Monforte de Lemos, a Deputación de Lugo, Gestagua e Ecoener.