Monforte de Lemos, 30 de outubro de 2023. O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, fixo entrega, na xornada de hoxe, dos diplomas acreditativos e certificados de formación ós 20 alumnos e alumnas que participaron en dous obradoiros municipais, o Obradoiro de Arquivo Dixital e o Obradoiro de Traballos de carpintería e moble.
José Tomé salientou que “con este obradoiro de emprego creamos 24 postos de traballo durante 12 meses, pois o grupo estivo formado por 20 alumnos e alumnas, 2 docentes, un director e unha administrativa”.
Este obradoiro de emprego celebrouse dende o mes de novembro de 2022 e ata finais deste mes de outubro de 2023 nas instalacións da Escola Taller de A Pinguela, rehabilitada en dous obradoiros de emprego municipais anteriores, e que pasou a ser o lugar de traballo dos novos obradoiros desenvoltos polo Concello.
Na visita, o Alcalde estivo acompañado pola Tenente de Alcalde, Gloria Prada, o concelleiro de Servizos, José Luis Losada, a Directora do Obradoiro, Olga López Sesto, representantes da Xunta de Galicia e membros da Corporación municipal.
O obradoiro, que contou cun orzamento que superou o medio millón de euros (503.987€), estivo promovido polo Concello de Monforte e subvencionado polo Goberno de España.
Especialidade Traballos de carpintería e moble
Neste obradoiro, impartido a 10 alumnos e alumnas, o Concello de Monforte, actuou, dunha banda, na recuperación de pequeno mobiliario urbano que estaba deteriorado pero que reunía unhas características de calidade e de deseño que se volveron recuperar e restaurar, e que permiten que volvan a ser usados.
E doutra banda, tamén se traballou na recuperación de material antigo propiedade municipal e provinte da antiga Casa de Socorro, materia que foi retirado no momento en que este edificio foi baleirado, logo de que o Concello llo cedera ó Ministerio do Interior, para a instalación no mesmo das dependencias da futura Comisaría da Policía Nacional.
Especialidade de Gravación e tratamento de datos e documentos
Este obradoiro, tamén impartido a 10 alumnos e alumna, foi a continuación do Obradoiro Arquivo Dixital, impartido na pasada edición de 2021-2022. Esta segunda parte deste obradoiro centrouse na organización e informatización de arquivos de expedientes de diferentes oficinas de Servizos Municipais, de documentación do Arquivo histórico do Concello de Monforte, así como de documentación administrativa de interese e a disposición do cidadán. Incluíu a ordenación, identificación, clasificación e descrición destes documentos, co obxectivo de cargar estes expedientes na aplicación de xestión documental do Concello.
Así, foron dixitalizados libros de actas consistoriais, documentación histórica e documentación administrativa. As tarefas desenvoltas incluíron a captura de documentos orixinais e a súa edición e implementación de metadatos, coa finalidade de cargar estes arquivos no repositorio documental electrónico do Concello de Monforte de Lemos, segundo os requirimentos técnicos fixados polo mesmo.
A través de esta especialidade o obxectivo foi dinamizar o patrimonio documental de carácter histórico do Concello de Monforte de Lemos, fomentando a súa xestión mediante a aplicación das TIC, cun tratamento específico para favorecer a súa preservación de cara o futuro e mellorar a súa difusión e acceso por parte do conxunto da cidadanía, á vez que se impulsa a administración electrónica.
Con este tipo de obradoiros, o Concello de Monforte contribúe á mellora da empregabilidade de alumnos interesados de acceder con formación ó mercado laboral e da solución á demanda das empresas de persoal laboral cualificado.
“O obxectivo final” subliñou o Alcalde “é que estes alumnos poidan quedarse definitivamente nas empresas que os están a contratar a través dunha axuda do Concello, de 1.500 € por alumno que convocamos a mediados do pasado mes de setembro, logo da súa formación no obradoiro de emprego.”
O rexedor monfortino pechou a súa intervención felicitando ós participantes nos obradoiros polo bo traballo desenvolto ó longo do ano, e desexoulles sorte na súa incorporación ó mercado laboral.