Monforte de Lemos, 11 de setembro de 2023. O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, e o presidente da Confederación Hidrográfica Miño-Sil, José Antonio Quiroga, deron conta hoxe no Parque dos Condes, do inicio da 2ª Fase das obras de mellora na rede de saneamento urbano de Monforte, correspondentes ó proxecto de actuacións que o organismo de conca executará en varios colectores da cidade, en concreto, na galería baixo a Praza da Compañía e na rúa Carude, no colector das Malloadas e rúa Concepción Arenal, na rúa Rosalía de Castro e no Morín, na rúa Doutor Casares e na prolongación de Xoan Montes. No acto estiveron acompañados pola Tenente de Alcalde, Gloria Prada, e o Concelleiro de Obras, José Luis Losada.
“Hoxe é un días moi importante para Monforte porque iniciamos o Proxecto Construtivo de melloras na rede de saneamento da cidade cunha inversión próxima ós 1,8M€. A inversión, xa fala por si sola, da importancia das obras que se van realizar”. A obra foi adxudicada á empresa Misturas Obras e Proxectos, que pertence ó grupo Extraco.
As actuacións están cofinanciadas pola Confederación Hidrográfica do Miño-Sil que aporta o 80% da inversión, e polo Concello de Monforte, con unha porcentaxe do 20%.
Con estes traballos, tal e como explicou José Tomé, “vanse a subsanar as infiltracións que sobrecargan a rede e os alivios de augas residuais e abórdase tamén nesta mesma actuación, a mellora da rede de saneamento de varias rúas , por estar en mal estado na maioría dos tramos, causando un funcionamento deficiente”.
No Pleno da Corporación municipal celebrado o pasado 27 de febreiro de 2023, foi aprobado o Proxecto Construtivo correspondente a estas actuacións. Previamente realizouse unha análise do estado da rede e a EDAR actuais, modelizando o seu comportamento en tempo seco e de choiva co obxecto de detectar as súas deficiencias, problemática e necesidades para chegar a conclusións que permitisen establecer unhas liñas xerais de actuación para mellorar o funcionamento global do sistema de saneamento e depuración do municipio monfortino.
Estes estudos propuxeron a execución de varias actuacións de mellora nas infraestruturas existentes e foron integramente trasladadas ó Programa de Redución da Contaminación (PRC) redactado polo Concello de Monforte de Lemos.
Todas estas actuacións teñen como obxectivos principais, por un lado, a redución de augas brancas que se incorporan á rede de forma irregular por deficiencias construtivas e do estado de conservación dos pozos e dos colectores e por outro, levar a cabo reparacións estruturais da rede nas rúas mencionadas que precisan dunha intervención mais urxente.
Este proxecto ven a continuar coa labor de mellora no mal estado da rede de saneamento de Monforte, despois das melloras realizadas, nunha primeira fase, nas rúas Santa Clara, A Veiga, Chantada, Juan Montes e Padre Feijoó.
“Estamos a falar dunha inversión total nestes 3 últimos anos de case 4.000.000 € co obxectivo de mellorar o mal estado da rede secundaria, a eliminación de infiltracións e das entradas incontroladas de augas limpas que producen saturación na EDAR, así como a mellora da rede xeral que co desdobramento garantirá que a cidade non poida quedarse sen subministro de auga” salientou José Tomé.
O Alcalde e o Presidente da Confederación Hidrográfica Miño-Sil, amosáronse “satisfeitos que dean comezo estas obras na mellora do saneamento, que son moi importantes na rede de subministro, un proxecto de vital importancia para a cidade e que os cidadáns levan esperando dende fai moitos anos. Temos que lembrar que xa a Xunta de Galiza no ano 2013 emitiu un estudo demoledor no que se sinalaban graves problemas na rede. Pese a todo, esta, seguiu sen arranxarse e dez anos despois, faise un gran esforzo tanto económico como loxístico, para mellorar de forma moi significativa a rede de distribución da auga, sen que participe a Xunta de Galicia”.
Tomé amosouse orgulloso da xestión e convencido das melloras que aportarán estes proxectos tanto a nivel medioambiental como na calidade da vida dos monfortinos, asegurou que “é a primeira vez na historia da cidade, que se acomete un plan de acción desta envergadura e importancia”, e amosouse “tremendamente satisfeito de poder aportar as solucións aos problemas de subministro que tantas veces reclamou cando aínda non estaba no goberno”.
Ademais das actuacións en colaboración coa CHMS, o Concello ten en marcha outro proxecto fundamental para mellorar o saneamento da cidade, como é a instalación da nova tubería xeral de fundición na rede de abastecemento de auga, entre os depósitos do Cornado e os depósitos de San Vicente, que ten un investimento de 1,7M€, e que foi froito das negociacións do Alcalde coa empresa FCC Aqualia S.A.
Antecedentes
Con data de 29 de xuño de 2020, aprobárase un convenio entre a CHMS e o Concello de Monforte de Lemos, para financiar a redacción dun estudo de alternativas para a mellora integral do saneamento e depuración da rede de Monforte e tamén para financiar a II Fase das obras de mellora de saneamento urbano.
O importe total do convenio era de 2.400.000 €, aportando a Confederación Hidrográfica Miño-Sil o 80% e o Concello o 20%. Deste montante, 400.000€ estaban destinados a facer un estudo integral da rede de saneamento polo Ministerio de Transición Ecolóxica, o cal xa está rematado.
Precisamente, froito dos resultados dese estudo, xurdiu este Proxecto de mellora na rede de saneamento de Monforte, na galería baixo a Praza da Compañía e na rúa Carude, no colector das Malloadas e rúa Concepción Arenal, na rúa Rosalía de Castro e no Morín, na rúa Doutor Casares e na prolongación de Xoan Montes que comezou a desenvolverse no día de hoxe.
Os estudos que se fixeran en varias ocasións da rede de saneamento da cidade xa sinalaban deficiencias de gran importancia na rede:
- A cubeta aluvial presenta uns elevados niveis freáticos.
- A rede de saneamento da cidade é unitaria, antiga e está en mal estado na maior parte dos seus tramos producindo gravísimos problemas de infiltracións que sobrecargan a rede e a EDAR ocasionando que esta funcione de forma deficiente e
- A incapacidade dos colectores para tan elevado caudal circulante, provoca alivios de augas residuais sen tratar, en varios puntos, co conseguinte impacto negativo no medio receptor.
Unha vez analizados os problemas, prantexouse a necesidade de facer un proxecto para definir e valorar as obras necesarias de actuación na Fase II da mellora de saneamento de Monforte que corrixan os problemas detectados na rede de subministro. Fíxose, por tanto un estudo pormenorizado e detallado que revelou as seguintes conclusións:
- Un 50% do volume anual xestionado pola rede provén de infiltracións da capa freática mentres que a porcentaxe asociado a augas pluviais é de tan so un 15% ó ano.
- A capacidade limitada da EDAR de Piñeira que só é capaz de controlar o 46% do volume anual, produce alivios incontrolados con maior incidencia no Parque dos Condes. Neste senso, o Alcalde aclarou que “se somos capaces de eliminar as infiltracións, a depuradora podería funcionar con normalidade, dado que recibiría a metade das augas residuais”.
- Nesta zona ademais existe unha gran concentración de tubaxes e a pesar do elevado caudal hai unha única tubaria de saída que está agravado por unha capa de sedimentación que se detectou no tramo da Plaza da Compañía e que reduce á metade a sección útil do colector entre os pozos E1246 e E1242.
- A baixa capacidade do colector do Parque dos Condes, xenera un estrangulamento que impide o drenaxe correcto do caudal de entrada provocando vertidos frecuentes hacia o Río Cabe.
Actuacións de mellora na rede de saneamento de Monforte, Fase II
Tras a análise das conclusións enumeradas e a realización do citado Proxecto de Mellora, inclúese nel un plan de actuacións, que son as que se porán en marcha tras a presentación de hoxe a cargo de ambos mandatarios, e que suporán as seguintes accións.
1. Reparación do colector de Malloadas.
Tras apreciarse un caudal circulante excesivo, implantarase unha nova estación de bombeo de augas residuais e instalarase un pozo de bombeo prefabricado na ubicación do pozo de rexistro actual, para conducir as augas a outro ramal da rede de saneamento.
Déixase prevista unha partida para reparar o colector existente e actuarase repoñendo os firmes que resulten afectados.
2. Limpeza e reparación do interceptor na zona dos Escolapios.
Levarase a cabo unha limpeza da antiga galería existente baixo a Praza da Compañía e que se prolonga pola Rúa Carude mediante equipos mixtos de succión-expulsión.
No encontro da Rúa Carude e a Praza da Compañía, detectouse unha zona onde se desmoronou a antiga galería, polo que se procederá á súa reparación mediante a colocación dunha nova tubaxe de PVC (diámetro 1.200mm).
Na praza da Compañía fronte á Oficina de Rehabilitación levarase a cabo a reparación dun pozo que pode infiltrar ó terreo augas residuais e colocaranse dúas arquetas rebaixando o fondo en 50 cm para que poida actuar como areneiro ou decantador para previr depósitos na galería.
Como nesta zona se concentran as descargas de importantes cuncas da marxe esquerda do río, vanse desviar os aportes da rúa Escultor Francisco Moure por un novo colector hasta a arqueta de reunión AR-1 simplificándose o funcionamento desta zona.
3. Mellora das condicións de desaugue da zona do Parque dos Condes
Neste caso, levarase a cabo a execución parcial das actuacións inicialmente previstas de execución dun pozo areneiro e a conexión da rúa.
4. Rúa Doutor Casares-Morín.
Na rúa Doutor Casares, levarase a cabo a renovación dos colectores de saneamento existentes ó final da rúa Dr. Casares (entre a gasolineira e o Cruce con Río Seco) mediante novos tubos de PVC (630mm).
Instalarase unha nova tubaxe e todas as acometidas tanto de pluviais como de residuais que irán conectadas ós novos pozos de rexistro.
Renovaranse os imbornais dispoñendo uns novos con sifón para evitar posibles olores da rede unitaria.
Finalizadas as obras repoñeranse os bordillos, pavimento das aceras, sinalización vertical e alumeado público. Ademais procederase ao fresado da capa de rodadura da calzada.
5. Rúas Rosalía de Castro e Concepción Arenal.
O proxecto de mellora levou a cabo o deseño dunha rede separativa nas dúas rúas. Instalaranse así novos colectores substituíndo á condución unitaria.
Na rúa Concepción Arenal instalarase un separador hidrodinámico como dispositivo de tratamento das augas pluviais que dará saída ás pluviais ao río Seco.
6. Reparación de pozos na prolongación da rúa Juan Montes.
Nas obras de mellora da rede levadas a cabo nas rúas Santa Clara, A Veiga, Chantada, Xoán Montes e Padre Feijoo, certificouse a imposibilidade de reparar cinco pozos de rexistro (JM25,JM33,JM31,JM34 Y JM36) e a través do presente proxecto de mellora vanse demoler e proceder á súa substitución por pozos prefabricados de formigón armado. Estas actuacións levaranse a cabo no lugar de O Campo (prolongación da rúa Juan Montes).