O Alcalde e o Delegado do Goberno supervisan o acabado das obras de mellora da igrexa de San Vicente do Pino, nas que o Estado investiu 700.000€

Monforte de Lemos, 16 de outubro de 2023. O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca,  e o Delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, supervisaron o acabado das obras de restauración e mellora da igrexa de San Vicente do Pino, nas que o Goberno de España investiu arredor de 700.000 euros. Na visita, ambos mandatarios estiveron acompañados pola Subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez, así como a 1ª Tenente de Alcalde, Gloria Prada, e o Concelleiro de Obras, Medio Rural e Servizos, José Luis Losada.

Tamén estiveron presentes o Vicario xeral e Deán da catedral de Lugo, Mario Vázquez, o director do departamento histórico-artístico da Diócese, Jesús Álvarez,  o Delegado episcopal de liturxia, relixiosidade e patrimonio histórico-artístico, José Antonio Ferreiro, o párroco de San Vicente, Rafael Mella, así como as Camareras da Virxe.

O Alcalde destacou que, “tras o inicio das obras de restauración en 2019, e tras solicitar dende o Concello unha axuda para a instalación dunha nova iluminación no templo, finalmente hoxe estamos visitando o final de obra, polo cal é un día importante para Monforte. Así, nos vindeiros días, a igrexa abrirá de novo ó culto e para ser visitada polos turistas que se achegan ata a nosa terra.”

As xestións levadas a cabo polo Alcalde ante o Ministerio de Cultura, fixeron posible a obtención das axudas que permitiron desenvolver as obras de conservación e alumeado da Igrexa. Con esta intervención, o Goberno de España exemplifica o seu compromiso pola conservación dos patrimonios da provincia e de Galicia, facéndoa máis atractiva a través da restauración de pezas e edificacións cunha gran riqueza histórica.

En concreto, fixéronse actuacións nas pinturas murais do presbiterio, a nave central e muro norte do cruceiro, o retablo maior e o retablo en pedra do cruceiro do Mosteiro de San Vicente do Pino. O proxecto sacou á luz unha pintura mural en bo estado de conservación, intervindo e documentando esta decoración inédita cun gran interese histórico e documental. Estas actuacións de intervención, conservación e restauración contaron cun investimento de 646.319 euros.

Por outra banda, o Alcalde tamén solicitou ó Ministerio axudas para a reforma da iluminación interior do templo, para a cal foron concedidos 41.000 euros.

En total, o Goberno de España apostou pola historia do municipio de Monforte cunha obra de mellora no patrimonio dun custo de case 700.000 euros.

O delegado do Goberno afirmou que “Galicia conta cunha xerencia histórica  innegable e de gran importancia e por iso investimos, nos últimos anos, máis de 125 millóns de euros para este tipo de obras, reformas e operacións de conservación e posta en valor do patrimonio galego”.

O conxunto destas actuacións permite a apertura deste templo para os monfortinos e monfortinas, así como para os turistas que pasen polo municipio, a cal producirase nos vindeiros días. Neste senso, José Tomé anunciou que o vindeiro domingo 29 de outubro, está prevista a cerimonia relixiosa de apertura da igrexa de San Vicente, presidida polo bispo de Lugo, á que previamente o Concello colaborará no traslado das imaxes de San Brais e a patroa de Monforte, a Virxe de Montserrat, que actualmente están na igrexa de A Régoa.

“Grazas á colaboración entre administracións, permitimos que as provincias da Comunidade poidan facer gala dunha riqueza histórica e patrimonial, o que aporta gran valor cultural e prestixio a Galicia”, salientou Pedro Blanco.

 

Inversións en Monforte do Goberno de España

O Goberno de España vén de investir neste ano preto de 12 millóns de euros no municipio. Entre as actuacións expostas, o delegado subliñou o Programa Único – Banda Ancha para levar fibra de alta velocidade a 1.640 empresas e vivendas a través de 271 proxectos a Monforte de Lemos; así como as axudas para rexeneración e renovación de edificacións urbanas ou proxectos en eficiencia enerxética, entre outros.