Monforte de Lemos, 8 de novembro de 2023. O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, acompañado pola Tenente de Alcalde, Gloria Prada, e o Concelleiro de Obras e Servizos, José Luis Losada, anunciou hoxe en rolda de prensa a mellora nunha das vías urbanas da cidade, a rúa Abeledos, no Barrio do Hospital.
O Alcalde explicou que dende o Concello acométese con este proxecto “outra das obras inacabadas despois de case 20 anos é, a urbanización da rúa Abeledos na marxe dereita, entre a rúa Irmáns Dapena e a Ronda María Emilia Casas Baamonde, incluída no Estudo de Detalle da urbanización “Las Acacias”, que foi promovida por “CYCS01 CONSTRUCCIONES Y REHABILITACIÓN S.L.”, e que aínda está pendente de realizar as obras”.
Neste senso, José Tomé, subliñou que esta acción enmárcase dentro da súa folla de ruta como Alcalde, que dende 2015 acomete “a mellora do urbanismo da nosa cidade, e por iso nestes últimos 8 anos transformamos todos os barrios de Monforte e mesmo obrigamos a rematar obras de urbanización que estaban ligadas a algún edificio en construción e que estaban sen facer despois de moitos anos”. Ademais da citada rúa Abeledos, José Tomé, puxo outro exemplo de obra inacabada o que ocorría na rúa Ferrol, a cal finalmente acometeu o construtor cando o Concello ía facer a execución subsidiaria das obras pendentes na vía pública da citada rúa Ferrol.
Polo tanto, a mellora da marxe dereita da rúa Abeledos levarase a cabo por execución subsidiaria, é dicir, que o Concello levará a cabo esta actuación e a empresa que tiña que ter levado a cabo no seu día estas obras de mellora e urbanización será a que teña que asumir os custes da mesma.
Antecedentes
O expediente do Estudo de Detalle da urbanización “Las Acacias”, que inclúe a urbanización da rúa Abeledos na marxe dereita, foi promovido por “CYCS01 CONSTRUCCIONES Y REHABILITACIÓN S.L.”, e aprobado polo Pleno da Corporación o día 18 de maio de 2004, que estaba formado por 6 edificios, dos que solo se construíron 4, tres que dan á ronda María Emilia Casas Baamonde, e un que da á rúa Irmáns Dapena.
O Alcalde explicou que para aprobar no seu día o Estudio de Detalle e posterior licencia de obra, o técnico de Urbanismo do Concello daquel momento, emitiu informe de data 24 de marzo de 2004, no que di literalmente: “Se encuentra completamente urbanizada con respecto a la Calle Hermanos Dapena y parcialmente urbanizada con respecto a las tres calles. Esta urbanización deberá ser completada por el interesado previamente a la futura edificación o simultáneamente con ella”.
Do mesmo xeito, no punto 3.6. da Normativa das Normas Subsidiarias Municipais vixentes dise o seguinte:
“3.6. CONDICIONES DE UNA PARCELA DE SUELO URBANO PARA SER EDIFICADA.
En el suelo urbano sólo podrán edificarse cuando los terrenos reúnan la condición de solar o se asegure simultáneamente la urbanización y la edificación.
[...]
El compromiso de urbanizar alcanzará a las siguientes partes:
a) A los terrenos cedidos gratuitamente hasta el enlace con la vía frontal urbanizada.
b) A la vía frontal en toda la longitud del frente del terreno sobre el que se pretende construir, cuando el mismo conecta con las redes generales de servicios y viarias en funcionamiento.
c) A las infraestructuras necesarias hasta el punto de enlace con los sistemas generales”.
Neste contexto, o Alcalde informou que o 10 de agosto de 2010, o promotor renunciou á licencia para non construír os edificios pendentes do conxunto da urbanización que faltan por edificar.
Dado que non se cumpría coas obrigas establecidas na aprobación do expediente, “o Concello requiriu ó promotor para que executara as obras pendentes e tamén a retirada da grúa instalada nese solar dado que, despois da renuncia, xa non conta con licencia para seguir construíndo e polo tanto non é necesaria a grúa alí instalada”.
Tras elo, O promotor contestou ó Concello que el xa non era o titular, dicindo que o titular actual da empresa (“CYCS01 CONSTRUCCIONES Y REHABILITACIÓN S.L.”) era outro, un parente del.
O Concello púxose en contacto co actual titular da empresa, o 24 de outubro de 2022, para requirirlle a execución das obras pendentes, sen recibir resposta.
Tendo en conta que se trata dunha parcela única, visto que a parcela foi edificada, que agora mesmo non existe ningunha licenza en vigor por renuncia do promotor, e que a urbanización non foi rematada en toda a fronte da parcela, dende o Concello considérase que deben levarse a cabo as obras necesarias para completar a urbanización do espazo público, resultante no Estudo de Detalle aprobado con data 18 de maio de 2004, en toda a fronte da parcela.
En concreto, deberíase urbanizar a parte que falta na fronte da parcela cara a Rúa Abeledos nas mesmas condicións e coas mesmas características que a parte xa urbanizada.
Con respecto á grúa instalada no interior da parcela, tendo en conta que agora mesmo non existe ningunha licenza de obra en vigor, e que fai anos que dita grúa non se utiliza, considerando a posibilidade de perigos á seguridade das persoas e bens, ademais do impacto que produce, estímase que sería convinte proceder á súa retirada nun prazo non superior a tres meses”.
Mellora da marxe dereita da rúa Abeledos por execución subsidiaria
A vista de todo o exposto, o Alcalde explicou que encargou un informe actualizado ao Servizo de Urbanismo do Concello, o cal recolle a necesidade de realizar as obras pendentes e tamén a retirada da grúa na marxe dereita da rúa Abeledos.
“Feitos todos os trámites legais pertinentes e co informe do técnico de urbanismo municipal na man, o Concello encargou un proxecto para urbanizar a marxe dereita da rúa Abeledos entre irmáns Dapena e a Ronda María Emilia Casas Baamonde, que foi aprobado pola Xunta de Goberno en data 23 de outubro de 2023.
O proxecto afecta a unha lonxitude de 98 metros lineais por 5,53 metros de ancho, o que supón unha superficie de 542 m2.
O custe do proxecto de licitación é de 75.606,89€ que serán repercutidos ó titular da urbanización, o que tamén hai que sumar o custe da desmontaxe da grúa, que quedará depositada na propia parcela onde está ubicada, e ten un custe de 5.445€, sumando en total o proxecto 81.051,89€.
O Alcalde tamén aclarou que “para entrar á parcela para desmontar a grúa, é necesario solicitar autorización xudicial, que xa llo temos encargado ós servizos xurídicos da Deputación Provincial de Lugo”.
As obras a realizar consisten na apertura da caixa para a dotación de servizos de saneamento, abastecemento, alumeado e comunicacións, o peche da parcela lindeira con bloques de formigón de cara vista, a construción da beirarrúa peonil con bordo e baldosas de formigón, sobre soleira e zahorra, e dotación de firme no carril lindante coa beirarrúa coa colocación dunha nova capa de rodadura de aglomerado en quente, tipo D-12 de 5 cm de espesor. Por último, procederase ao pintado de marcas viarias, de símbolos e cebreados.
O anuncio de licitación foi publicado hoxe mércores 8 de novembro, unha vez remate esta rolda de prensa, polo que o prazo para que as empresas presenten as súas propostas rematará o luns 4 de decembro.
A mesa para a apertura do sobre 1 e 2 celebrarémola o luns 18 de decembro ás 10:30 horas, e a mesa para a apertura da oferta económica será o martes 26 de decembro ás 19:00 horas.
José Tomé rematou salientando que “con esta actuación, quedará rematada toda a urbanización que corresponde ó proxecto de “LAS ACACIAS”, e polo tanto quedará mellorado todo o barrio do Hospital. Está claro que este Equipo de Goberno defende o interese público, por riba de calquera interese particular”.