A Policía Nacional agradece e recoñece a labor do Alcalde, “pola súa continua e atenta colaboración con esta Comisaría de Monforte”

Monforte de Lemos, 2 de outubro de 2023. O Alcalde de Monforte de Lemos, José Tomé Roca, participou na mañá de hoxe nos actos conmemorativos do Día da Policía Nacional, festividade dos Santos Anxos Custodios.

O rexedor monfortino presidiu os actos litúrxicos e institucionais xunto ó novo Inspector Xefe da Comisaría de Policía, Tomás García, e a Xuíza Decana dos Xulgados de Instrución de Monforte, Mónica Ferreiro.

Polo Concello monfortino tamén acudiron a Primeira Tenente de Alcalde, Gloria Prada, así como o Concelleiro de Obras, Medio Rural, Servizos e Medio Ambiente, José Luis Losada, e diversos membros da Corporación municipal.

Os actos con motivo do Día da Policía Nacional deron comezo ás 12.00 horas, coa celebración litúrxica da festividade dos Santos Anxos Custodios na igrexa da Régoa, na que se fixo unha ofrenda ós caídos mediante a colocación dunha coroa de loureiro ó Santo Anxo.

 

Recoñecemento ó Concello de Monforte pola súa cooperación coa Policía Nacional

O Centro do Viño acolleu o acto institucional, no que a mesa presidencial estivo composta polo Alcalde de Monforte, o Inspector Xefe da Comisaría de Policía e a Xuíza Decana dos Xulgados de Instrución de Monforte.

Neste acto, como é habitual, foron impostas condecoracións a diversos funcionarios e entregouse un diploma de recoñecemento e de colaboración institucional.

En concreto, o Concello de Monforte, e especialmente o seu Alcalde José Tomé Roca, foi a entidade recoñecida este ano “pola súa continua e atenta colaboración con esta Comisaría de Policía, culminada coa cesión ó Ministerio do Interior do edificio da antiga Casa de Socorro, futura nova Comisaría de Policía de Monforte de Lemos”.

Ademais do diploma de recoñecemento ó Concello, tamén lle foi entregado outro, o subinspector Manuel Rodríguez Rodríguez, con motivo da súa xubilación. E impúxose a Medalla do Mérito Policial con Distintivo Blanco ó policía José Ramón Suarez Rojas, que lle foi entregada polo Alcalde de Monforte.

O Alcalde pechou o acto cunha intervención na que destacou “a inestimable labor deste corpo de Policía no día a día da nosa cidade, que sen dúbida, é unha labor decisiva para garantir a seguridade e a boa convivencia da nosa sociedade”.

Tamén, o Alcalde felicitou ó Inspector e ós axentes da Policía Nacional de Monforte, polo seu excelente traballo desenvolto ó longo do verán, e especialmente durante as pasadas Festas Patronais de agosto, e resaltou que “grazas á cooperación co corpo da Policía Nacional de Monforte,  podemos dicir que o noso é un Concello tranquilo e cun baixo nivel de delincuencia. Pero iso non significa que teñamos que baixar a garda ou que non teñamos algún caso que nos preocupe. Debemos seguir traballando conxuntamente para poder manter eses bos datos de baixa delincuencia, e acadar así unha cidade tranquila e segura para os nosos veciños e veciñas”.

Neste senso, incidiu o Alcalde, “a cooperación existente entre os axentes e mandos da Policía Nacional e da Policía Municipal de Monforte, quero salientar que é unha cooperación estreita, solidaria e moi eficaz, polo que quero reiterar o noso agradecemento dende o Concello por este bo facer, e desexar que esta colaboración siga sendo exemplar”.

O mandatario monfortino concluíu desexando que as condicións na prestación do servizo sexan as mellores posibles, e recordou que “fixen todo o posible para que Monforte teña a Comisaría de Policía que se merece. O edificio para albergala xa está cedido, e agora hai que levar a cabo as obras necesarias para facer realidade o desexo de todos, que é ter unha nova Comisaría en Monforte. Dende o Concello xa demos a licencia e agora xa depende da Secretaría de Estado”.

José Tomé manifestou que “é a miña vontade, como Alcalde de Monforte, seguir traballando conxuntamente para que siga habendo, entre os diferentes corpos de seguridade desta cidade, Policía Nacional, Garda Civil e Policía Municipal, a máxima cooperación e un total entendemento entre eles”.

Tras os actos institucionais, a xornada rematou coa celebración dun viño español.