O Consello Municipal de Saúde acorda por unanimidade reclamar á Xunta de Galicia que solucione a crítica situación do Centro de Saúde e do Hospital de Monforte

Monforte de Lemos, 22 de novembro de 2022. O Salón de Plenos do Concello de Monforte acolleu onte ás oito e media da tarde unha sesión extraordinaria do Consello Municipal de Saúde, co obxecto de analizar a situación sanitaria do Concello en relación co Hospital Comarcal e o Centro de Saúde.

A xuntanza foi presidida pola primeira Tenente de Alcalde, Gloria Prada, e nela estiveron tamén presentes Pilar Espinosa, Concelleira de Sanidade e vicepresidenta do Consello, e os vogais do Consello:  Emilio Sánchez, concelleiro do BNG, Germán Vázquez, concelleiro de Esperta Monforte, Katherinie Varela, concelleira do PP, Elia Fernández, do Colexio Oficial de Enfermería, Sagrario Ferreira, do Colexio Oficial de Psicoloxía, Francisca Vázquez, pedánea de Bascós, Miguel Ángel Pino, presidente da Asociación de veciños da zona do Hospital, Antonio González, pedáneo de San Xillao de Tor, e representando á Plataforma en defensa da sanidade pública-PLADESAPLU asistiu Manuela Fuentes.

O punto central que se abordou nesta xuntanza extraordinaria do Consello Municipal de Saúde foi a análise da situación sociosanitaria do concello de Monforte en relación crítica situación pola que atravesa tanto o Centro de Saúde como ó Hospital Comarcal, nos que non se cobren as baixas de persoal sanitario, nin as vacacións ou xubilacións, tanto do corpo médico como de enfermería.

Logo das intervencións dos diversos participantes na xuntanza, decidiuse consensuar un texto e sometelo a votación para instar á Consellería de Sanidade e ó Sergas “a que corrixan as deficiencias tan graves, en materia sanitaria, que estamos padecendo no Centro de Saúde, no Hospital e na Unidade Asistencial de Drogodependencias do Concello de Monforte de Lemos”, sinalou Gloria Prada. 

 

O acordo, que foi aprobado por unanimidade, e que será remitido á Consellería de Sanidade, foi o seguinte:

 “Instar á Consellería de Sanidade e ó Sergas para que procedan á cobertura inmediata das vacantes existentes, nas prazas de Médicos de Atención Primaria do Centro de Saúde da nosa cidade, e nas especialidades médicas de Cardioloxía, Neuroloxía, Dixestivo, Rehabilitación e dous Cirurxiáns do Hospital Comarcal de Monforte de Lemos.

Así como que, no Hospital Comarcal de Monforte de Lemos se proceda á cobertura definitiva das vacantes existentes de Enfermería (DUE), abandonando a práctica de proceder a constantes acúmulos de tarefas e contratacións temporais que non palían a situación e supoñen un detrimento á atención sanitaria recibida polos pacientes e usuarios.

Poñer de manifesto a situación da Unidade Asistencial de Drogodependencias de Monforte de Lemos, que carece de médico psiquiatra dende 2021”.