Monforte de Lemos, 14 de xuño de 2022. A primeira Tenente de Alcalde de Monforte, Gloria Prada Rodríguez, inaugurou na mañá de hoxe o Curso de Verán, que leva por título “Cultura, Cultivo e Culto: A Ribeira Sacra” e que está organizado pola Universidade de Santiago de Compostela (USC) en colaboración coa Deputación de Lugo e o propio Concello Monfortino
No acto inaugural, celebrado no salón de actos do Centro Cívico, a 1ª Tenente de Alcalde estivo acompañada pola directora deste curso de verán, María Esther Olveira Olveira, e os alcaldes de Sober e Ferreira de Pantón. O curso celébrase dende hoxe e ata o vindeiro venres 17 de xullo.
Na súa intervención, a representante municipal salientou que “a temática arredor da que xira este curso fai que teña todo o sentido a súa celebración na nosa cidade, porque Monforte é a capital da Ribeira Sacra, que como todos saben xa é Reserva da Biosfera e aspira a ser Patrimonio da Humanidade pola UNESCO”.
Neste senso, Glori Prada destacou a importancia actual da Ribeira Sacra “que é paisaxe e natureza únicos, é a maior concentración de Románico de Europa -precisamente a través da Deputación de Lugo, estamos dentro da Transrománica do Consello de Europa-; a Ribeira Sacra é excelente gastronomía, é viticultura heroica que produce excelentes caldos, é turismo sustentable, tranquilo de calidade e de experiencias, en definitiva, é un dos maiores tesouros escondidos da Península Ibérica”.
A 1ª Tenente de Alcalde recordou que Monforte de Lemos e a Ribeira Sacra son actualmente un dos destinos turísticos máis solicitados de Galicia, “o que da boa mostra do noso potencial e do actual incremento da afluencia turística que estamos tendo nos últimos anos. Proba diso, é que a Ribeira Sacra ocupa o primeiro posto no ranking dos 10 lugares únicos en Galicia”.
Tamén incidiu na súa intervención no enorme potencial cultural, gastronómico, patrimonial e turístico da Ribeira Sacra, e destacou que “Monforte de Lemos e a Ribeira Sacra están de moda, froito dun traballo intenso e ben feito dende hai anos, e cursos coma este tamén contribúen a dar a coñecer os importantes valores que posúen estas terras”.
Finalmente, Gloria Prada desexou ós asistentes que “os que non coñezan a Ribeira Sacra, espero que a descubran, non só grazas ó completo e variado programa teórico que conforma estas xornadas, senón tamén a través das viaxes formativas que levarán a cabo estes días. Estou seguro de que entenderán porqué, como eu sempre digo, a Ribeira Sacra é un anaco do paraíso no interior de Galicia. Espero que este curso que estades a piques de iniciar faga de vós embaixadores da nosa Ribeira Sacra e que a descubrades e apreciedes como nós a apreciamos”.
O programa deste Curso de Verán da USC está composto por charlas e sesións lúdico-formativas a cargo de docentes, investigadores e profesionais de diversas áreas como son a cultura tradicional, a conservación do patrimonio etnográfico e arqueolóxico, a paisaxe, a gastronomía e a viticultura.
Ademais das charlas formativas, tamén está previsto a realización dunha viaxe pola Ribeira Sacra, que incluirá unha viaxe en catamarán dende Belesar, a visita a Adegas Lareu e ó Mosteiro de Santo Estevo de Ribas de Sil.