O teatro volve a Monforte este xoves con Formigas no peto, da compañía Ítaca Teatro

Monforte de Lemos, 27 de setembro de 2022. O teatro volverá ser protagonista da actividade cultural deseñada polo Concello de Monforte no segundo semestre do ano 2022, unha vez rematado o programa do Verán Cultural.

Deste xeito, dentro do Ciclo Circuíto Teatro Profesional da Provincia de Lugo 2022 da Área de Cultura, Patrimonio Histórico Artístico e Normalización Lingüística da Deputación de Lugo, este xoves 29 de setembro ás 20:00 na Casa da Cultura Poeta Lois Pereiro terá lugar a posta en escena da obra para adultos Formigas no peto, da compañía Ítaca Teatro, obra dirixida por José Campanari e está representada por Carlos Rebolo.

É unha obra dirixida a público adulto, con entrada libre e gratuíta.

Sinopse

Formigas no peto é unha proposta innovadora e de calidade que mestura o teatro de imaxes, coa narración oral e co teatro de actor.

Trátase dun espectáculo unipersoal que fala da memoria individual e colectiva de tod@s nós e que, por medio de varios personaxes moi recoñecibles e familiares vencellados á nosa vida cotiá, dende as avoas ata nós mesm@s, vainos levando polo Bazar da Memoria do protagonista quen, dende alí mesmo, cóntanos, sinte e viaxa por momentos e emocións da súa patria que é, nin máis nin menos, que a súa infancia... ou a nosa.

“A miña memoria é unha mestura de momentos e lugares que me habitan: Pequenos anacos de historia gardados nos recunchos máis remotos da miña alma, que, de cando en vez, pasean polo meu corpo pousados no lombo das formigas que se agochan nos petos”.

 

A seguinte obra do ciclo de teatro para adultos programado polo Equipo de Goberno do Concello de Monforte será El caballero incierto da compañía Producciones Come y calla que terá lugar o xoves 6 de outubro no Edificio Multiusos ás 20:15 h, sendo o prezo da entrada xeral de 5 euros e de 3 euros para estudantes, desempregados e xubilados.