Monforte de Lemos, 24 de outubro de 2022. O teatro volverá ser protagonista da actividade cultural deseñada polo Concello de Monforte no segundo semestre do ano 2022, con unha nova peza teatral.
Deste xeito, dentro do Ciclo da Rede de Teatros e Auditorios da Xunta, este xoves 27 de outubro ás 20:15 no Edificio Multiusos terá lugar a posta en escena da obra para adultos Morgana en Esmelle, da compañía Sarabela Teatro, obra de Begoña Caamaño dirixida por Ánxeles Cuña Bóveda e interpretada por Fernando Dacosta, Fina Calleja, Sabela Gago, Quico Cadaval e Elena Seijo.
É unha obra dirixida a público adulto, cun prezo de 5 euros a entrada xeral e de 3 euros para estudantes, desempregados e xubilados.
Sinopse
Morgana, a medio irmá e amante de Artur entra na casa de Miranda en procura de respostas á súa infelicidade.
Coa súa dor e coas lembranzas de Merlín vaise tecendo o fío da memoria ata descubrir as razóns últimas da ruína de Avalon e da caída de Camelot.
Sacrificada na loita entre dúas concepcións do mundo, Morgana interróganos sobre a lexitimidade das nosas razóns; mais, acaso a súa condición de vítima faina máis inocente? Son os remorsos e as culpas sentimentos que nos acompañan toda a vida? Temos acaso dereito a esquecer os danos causados polas nosas decisións?.
Con preguntas semellantes, a chegada de Morgana racha a aparente serenidade coa que Merlín vive na fraga de Esmelle.
Unha obra que reescribe o mito cunha ollada contemporánea. Unha ollada diferente sobre o mundo artúrico e a Terra de Miranda.
Morgana en Esmelle é unha reflexión que xira ao redor da responsabilidade de asumir as consecuencias non desexadas de cada un dos nosos actos. Un debate sobre a necesidade de adoptar compromisos incómodos e implicarse nos momentos históricos.
A seguinte obra do ciclo de teatro para adultos programado polo Equipo de Goberno do Concello de Monforte será Morte accidental dun anarquista da compañía Talía Teatro que terá lugar o xoves 10 de novembro no Edificio Multiusos ás 20:15 h, sendo o prezo da entrada xeral de 5 euros e de 3 euros para estudantes, desempregados e xubilados.