Este xoves Monforte acolle unha nova representación teatral para público adulto coa peza Tabú, da compañía Tarabela Creativa

Monforte de Lemos, 4 de abril de 2022. O teatro volve esta semana a Monforte, dentro da programación da Rede Galega de Teatros e Auditorios, este xoves 7 de abril ás 20:15 no Edificio Multiusos coa posta en escena da obra para adultos Tabú, da compañía Tarabela Creativa, obra composta e dirixida por Carmen Conde Gaute e cun elenco artístico de Carmen Conde Gaute, Nastasia Zürcher e Su Garrido Pombo.

O prezo da entrada xeral para esta obra será de cinco euros e tres para desempregados, xubilados e estudantes.

A venta de entradas farase dende unha hora antes da actuación e a entrada o salón de actos realizarase media hora antes do comezo da obra.

A venta de entradas será ata completar a capacidade do local seguindo a normativa sanitaria no momento da actuación.

 

Sinopse

"Tabú" é o novo espectáculo de Carmen Conde, que nace froito das conversas recollidas con mulleres de entre 70 e 95 anos no Valmiñor, o Morrazo, o Courel, a Mariña Lucense, a Costa da Morte e o Couto Mixto sobre a súa vida erótica e sexual de xuventude.

Un show de narración oral coa misión de transmitir as historias de confusión, segredismo, amor, picaresca e sexualidade (a máis cruel e a máis desexada) das mulleres que son cimento da nosa terra, as que poden explicar o que somos agora nós: fillas do Tabú.

 

Elenco artístico

Carmen Conde Gaute

Carmen Conde é filóloga segundo a USC, dramaturga segundo a ENERC (Buenos Aires). Contadora con funcións nas dúas beiras do Atlántico. Autora de relatos breves para nenos e para adultos, humorista de comedia unipersoal con varios espectáculos ("Las Muñecas Rusas", "Trinidad","El Efecto Kuleshov" e "Contos Ultramarinos".) Narradora oral autora de "Premios Darwin"— gañadora do premio a Mellor Comedia por parte de Hipócrita Teatro— e de “Tabú”, actualmente en xira. Guionista en Dama Negra Films (curtametraxes de ficción) e en Falperra Producciones (longametraxe documental). Mestra de teatro no centro de Dano Cerebral de A Coruña ADACECO ata xaneiro de 2019. Co-organizadora do micro aberto Serpes na Cachola dende 2017. Cofundadora de Tarabela Creativa xunto a Diego Gallego, con quen produce a serie da que é autora: “Premios Darwin”, ademais do espectáculo “Tabú”. Dende 2009 imparte obradoiros de relato breve, poesía, micorrelato e narración oral. Gañadora do Slam de Poesía Oral Zona Norte en Buenos Aires (2015). Gañadora da I edición do Slam Poetry Compostela (2018). Gañadora do Slam do II Festival "Alguén que Respira", celebrado en Compostela.

Nastasia Zürcher

Cantante e compositora galego-suiza, é galardoada e dúas veces nominada aos Premios Martín Códax da Música (Galician Music Awards) nas categorías "Blues, Funk & Soul" e "World Music". Ten dous álbumes publicados, My Flight (2015) e BEAT (2017), e é premiada en Holanda polo seu tema galego "Espertos" no festival de linguas minorizadas LIET INTERNATIONAL (2018).

Graduada en Canto, Interpretación e Técnicas de Escenario "na Escuela Internacional de Artistas e Jesús Yanes (Madrid), cursou también varios anos do“Diploma Profesional de Voz en Jazz e Música Moderna” en Estudio, Escola de Música (Santiago de Compostela), onde é profesora de canto e técnica vocal dende o ano 2010.

Su Garrido Pombo

Con estudos en guitarra e en Historia da Arte entre Vigo, Santiago de Compostela, Salamanca, Granada e Florencia, formou parte dos grupos “Lembranzas Galegas”, co que xirou por Galicia, España, Inglaterra, Francia e Canadá; e tamén “Sonhos”, agrupación que amosa o seu album debut en Radio3 e que xira por Holanda e por España. 2º posto no concurso Internacional de música MAPFRE Viveparacumplirlo International Music Competition co seu tema “Linda”. 4º posto co seu tema “Extraña María”. 3er posto no concurso Gz crea.

En 2013 comeza a súa carreira en solitario en Dublín e xira por México durante varios meses.

En 2015 forma o dúo“TREME”, cuxo álbum debut se presenta en Radio3. Gañan o I Premio no concurso Música Xove 15 ao mellor grupo galego.

En 2018 forma Son Trío, grupo nominado aos Premios Martín Códax da Música Galega. Grupo gañador do primeiro posto no II Concurso Celso Emilio Ferreiro de poemas musicados co seu tema Un día.

En 2018 lanza o seu primeiro disco en solitario“Quedo a vivir aquí”con xira por Galicia, Portugal e Irlanda. Obten como solista o primeiro posto no concurso Fran Narf concedido pola Diputación da Coruña. En 2019 faise co Premio Martín Códax da Música Galega na categoría "Canción de autora”.

 

A seguinte obra do ciclo de teatro para público infantil e familiar programado polo Equipo de Goberno do Concello de Monforte será Quixote da compañía Pedras de Cartón que terá lugar o xoves 28 de abril no Edificio Multiusos ás 18 h.