Monforte de Lemos, 11 de maio de 2022. O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, informa dunha nova petición chegada ó Concello, na que outro familiar da sra. Foggia reclama a súa herdanza.
En concreto, a petición foi rexistrada con data 5 de maio de 2022, e a persoa que a subscribe declara ser familiar en cuarto grado de Lucrecia Foggia Vázquez. Esta petición súmase á rexistrada o pasado 29 de abril, na que outro familiar tamén de cuarto grado, manifestaba a mesma intención de reclamar a herdanza.
Neste último caso presentado o pasado xoves, a manifestación é moi similar á presentada polo anterior familiar: “manifiesto que si la ley lo permite y ante las discrepancias del Sr. Cela, albacea designado por nuestra prima con ese Concello, reclamaré la herencia que me pueda corresponder por medio de letrados que se designarán, a partir del año 2026”.
Deste xeito, dende o Concello insístese en lamentar as declaracións irresponsables e irrespectuosas da sra. Concelleira e Voceira do Partido Popular, Dª Katy Varela, fixera no seu día en relación con este asunto, especialmente dirixidas tanto contra o Alcalde como contra o Secretario do Concello. Afirmacións feitas dende o descoñecemento, o que a leva a incorrer en falsidades de xeito permanente.
Á vista destas dúas manifestacións destes familiares de cuarto grado da sra. Foggia, o Alcalde, José Tomé Roca, tiña razón cando manifestaba a posibilidade que que algún familiar lonxano da Sra. Foggia reclamase a herdanza.
Dende o Concello, non se descarta que poidan seguir aparecendo familiares, o cal reafirma as sospeitas manifestadas polo rexedor municipal.
Á vista do que acontece, dende o Concello insístese en que a Sra. Voceira do Partido Popular, Dª Katy Varela, debería pedir desculpas ós monfortinos e monfortinas e debería pedir perdón ó Sr. Secretario do Concello, polas acusacións que verteu contra a súa profesionalidade en relación con este tema.