Monforte de Lemos, 9 de febreiro de 2022. O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, acompañado pola 1ª Tenente de Alcalde, Gloria Prada e o Concelleiro de Obras, Medio Rural e Servizos, José Luís Losada, anunciou hoxe en rolda de prensa unha decisión que “sen dúbida, vai contribuír a mellorar significativamente a oferta de terreo industrial no Polígono no Industrial de O Reboredo”.
O Alcalde aclarou que “se trata do acordo tomado na Xunta de Goberno do pasado luns 7 de febreiro sobre a reversión das parcelas do Polígono industrial do Reboredo, que se venderan no ano 2007 e que non cumpriron cos pregos daquel concurso, e que tal e como establecen ditos pregos, deben reverter ó Concello”.
A decisión levará consigo, unha vez lles sexa comunicada ás empresas implicadas a revocación dos seus contratos e remate o prazo de alegacións, que o Concello saque un novo concurso para poñer a estas parcelas a disposición das novas empresas que estean interesadas en adquirir chan industrial e instalarse no Polígono.
Tal como sinalou o Alcalde, “as 9 parcelas que poremos a disposición de todas estas empresas interesadas, suman un total de 11.749,56 metros cadrados, ós que hai que sumar outras 2 parcelas de titularidade municipal, unha de 1.076,95 m2 e outra 1.150,91 m2, o que suma en total 13.977,42 m2, o que creo que é unha superficie certamente importante que contribuirá a seguir aumentando o listado das empresas que conforman este polígono”.
Antecedentes
O Alcalde, explicou o proceso que levou a tomar esta transcendental decisión e que suporá un aumento significativo da oferta de chan industrial do Polígono do Reboredo.
No ano 2006, o Concello de Monforte era dono dunha parcela ubicada na zona sur do Polígono do Reboredo, na zona onde está o actual punto limpo.
Tratábase dunha parcela que contaba cunha superficie total de 27.524 metros cadrados, dos cales 5.420 metros cadrados correspondían a superficie vial e 22.104 metros cadrados eran os que estaban destinados a chan industrial.
Nese ano 2006, o Concello monfortino, reparcelou esta bolsa de suelo, subdividíndoa en parcelas máis pequenas e de diferentes tamaños, co obxecto de ofertalas a empresas que tivesen interese en instalar os seus negocios nas mesmas. Da reparcelación resultaron 17 parcelas.
Tras os acordos tomados pola Xunta de Goberno Local con datas 30 de decembro de 2006 e 7 xullo de 2007, levouse a cabo a adxudicación dalgunhas destas parcelas a diferentes empresas interesadas na súa adquisición.
Cumpridas por parte das empresas adxudicatarias as obrigas sinaladas para a adquisición de cada parcela, asináronse os correspondentes contratos mediante outorgamento de escritura pública, autorizados ante notario.
O contrato asinado entre o Concello e cada unha destas empresas para a adquisición de parcelas industriais no Reboredo levaba aparelladas unha serie de condicións e obrigas que cada empresa debía cumprir, “e que como veremos a continuación, non o fixeron, salvo 3 empresas que si cumpriron co contrato”, explicou o Alcalde.
En concreto, as cláusulas que debían cumprir as empresas asinantes eran entre outras as seguintes.
A cláusula 20, apartados a), b) e c) do Prego de cláusulas administrativas particulares, aprobado pola Xunta de goberno local do 16.11.2006, e transcrita literalmente na escritura pública de compravenda na Disposición 6ª establecía o seguinte:
“(...) Cláusula 20.- Serán obrigas do adxudicatario das parcelas do presente concurso:
- Implantar o proxecto empresarial correspondente, solicitando no prazo máximo de 6 meses, a contar dende a data de formalización da escritura de compravenda, as preceptivas licencias urbanística/obra/actividade aportando a tal fin a documentación que sexa necesaria de acordo ca normativa vixente.
- Construír no prazo máximo de 2 anos, dende que se outorgue a licencia, a edificación ou instalación industrial ou comercial autorizada cas determinacións contidas no proxecto empresarial presentado e de acordo co disposto na normativa urbanística e sectorial que sexa de aplicación.
- Iniciar a actividade, previa solicitude e concesión das correspondentes autorizacións administrativas, no prazo de 3 anos.”
Do mesmo xeito, a cláusula 21 recolle as condicións resolutorias da compraventa de parcelas do contrato, e di o seguinte:
“O incumprimento polo adxudicatario de algunhas das obrigas sinaladas nas letras a) b) e c) da cláusula nº 20, que teñen a consideración de esenciais en orden e satisfacción do interese público determinante da venta de parcelas do Polígono Industrial do Reboredo, obxecto do presente Prego, considérase condición resolutoria expresa, producindo a resolución de pleno dereito da compravenda con transcendencia real, revertindo ó patrimonio municipal as parcelas con tódalas súas pertenzas e accesorios.
A presente condición resolutoria incorpórase expresamente a escritura pública de venta e inscribirase no rexistro da propiedade ó amparo do disposto no artigo 37.1 da Lei Hipotecaria.
A resolución da compravenda como consecuencia da condición resolutoria determinará a retención polo municipio da totalidade do prezo de venta en concepto de penalización por incumprimento, indemnización de danos e prexuízos e compensación polo tempo de utilización da parcela.”
Polo tanto, vistas ditas cláusulas o Alcalde subliñou que “si sumamos os períodos de tempo que figuran na cláusula 20 apartados a), b) e c), supoñerían algo máis de 5 anos, que era o tempo do que dispoñían as empresas para levar a cabo os seus proxectos industriais, tendo en conta que as escrituras se asinaron no ano 2007, o prazo remataba no ano 2012”.
Deste xeito, pasados ditos prazos establecidos as empresas Teydi SL, Gilberto Vidal Fernández, Climatecnic Confort SL, Modesto Pío Ojea García, CYCS01 Construcciones y Rehabilitación SL e Fertilemos SL, non cumpriron coas devanditas condicións contractuais.
Sesión extraordinaria do Pleno do 16 de marzo de 2017
Superado o prazo de 5 anos, “a situación ralentizouse no tempo, ata que o 16 de marzo de 2017 celebramos un Pleno extraordinario motivado pola petición dunha destas empresas, Teydi SL, na que solicitaba poder vender a unha terceira empresa as parcelas que eran da súa propiedade”.
Neste tempo, o Concello estableceu diversas reunións con todos os implicados, para conceder unha prórroga ós afectados, “dado o interese público que elo conlevaba, pero na mencionada sesión extraordinaria do Pleno atopámonos cun informe demoledor do por entón Secretario, D. José María Baños, que aludía ó cumprimento estrito da citada cláusula 20, e que polo tanto, impedía dita compra” explicou o Alcalde.
Nesta extraordinaria sesión do Pleno ”eu como Alcalde e o meu Equipo de Goberno, atopámonos co rexeitamento total da nosa proposta por parte da oposición, acusándonos algunha das voceiras de por aquel entón, e isto pódeno escoitar na gravación do Pleno, de que “podía haber prevaricación”, de que eu como Alcalde estaba “actuando de maneira cuestionable”, ou que non “tiña o máis mínimo interese en aprobar isto en solitario”.
Deste xeito, o Pleno nin aprobou a prórroga a estas empresas, nin autorizou a venta solicitada pola empresa Teydi SL.
Auxe do Polígono do Reboredo
No momento actual, o Polígono do Reboredo é un polígono con moitas posibilidades e ben comunicado, por atoparse a 1,5 Km da N-120 e tamén da futura autovía A-76, así como unha ubicación xeográfica que o pode facer atractivo para empresas de fora do ámbito territorial da comarca.
“Neste sentido, teño que dicir que na actualidade o Polígono Industrial do Reboredo goza de moi boa saúde, froito dunha promoción que viñemos facendo nos últimos anos e que está dando xustamente estes froitos que desexábamos, vendéndose moitas parcelas e estando en proxecto varias construcións para darlle ese uso industrial para o que están concebidas” remarcou o Alcalde.
Polo tanto, “á vista de todo o exposto, e dado que debemos cumprir tanto o que marca a lei como satisfacer a alta demanda de parcelas coa que contamos hoxe en día en relación a dito Polígono do Reboredo, dende o Equipo de Goberno do Concello determinamos, en acordo adoptado na sesión da Xunta de Goberno Local deste pasado luns 7 de febreiro, iniciar os correspondentes expedientes de resolución dos contratos da adxudicación das parcelas 32-A01, 32-A02, 32-A03, 32-A05, 32-A07, 32-A09, 32-A12, 32-A14 e 32-A15 de solo industrial do Polígono de O Reboredo, para recuperar ditas parcelas e podelas ofertar a novas empresas interesadas na súa adquisición, respondendo así ás necesidades do Polígono, debido á alta demanda de suelo industrial por parte das empresas, e que o Concello ten vontade de poñer ese suelo á súa disposición o antes posible”.
Notificación ás empresas implicadas da revocación dos seus contratos e novo concurso para a oferta de chan industrial
Unha vez tomado o acordo o pasado luns, a Secretaría do Concello procederá nos vindeiros días a comunicar a estas empresas a revocación dos seus contratos, e contarán cun período de 10 días naturais para presentar posibles alegacións.
Para elo, o Concello apoiase na Disposición 7ª, apartado A) do contrato establecido coas empresas, que establece a seguinte condición resolutoria:
“El incumplimiento por parte del adjudicatario de la parcela de alguna de las obligaciones señaladas en las letras a), b) y c), de la cláusula número 20, del Pliego de condiciones, que tienen la consideración de esenciales en orden a satisfacción del interés público determinante de la venta-adjudicación de parcelas del Polígono Industrial del Reboredo, objeto del Pliego de Condiciones, se CONSIDERA CONDICIÓN RESOLUTORIA EXPRESA, produciendo la resolución de pleno de derecho de la compraventa- adjudicación con trascendencia real, revertiendo al patrimonio municipal de las parcelas con todas sus pertenencias y accesiones.”
O Alcalde recalcou que “con esta decisión respostamos a un dobre obxectivo: actuar de acordo coa lei, e segundo o informe emitido polo Secretario deste Concello, e dar resposta ás necesidades de chan industrial que actualmente nos demandan no Polígono do Reboredo”
Tomé Roca tamén anunciou que, unha vez que rematado este proceso, o Concello sacará un novo concurso para poñer a estas parcelas a disposición das novas empresas que estean interesadas en adquirir chan industrial e instalarse no Polígono.
11.749,56 metros cadrados para destinar a chan industrial
As 9 parcelas que o Concello porá, a través o citado concurso, a disposición de todas as empresas interesadas na súa adquisición, suman un total de 11.749,56 metros cadrados, ós que hai que sumar outras 2 parcelas de titularidade municipal, unha de 1.076,95 m2 e outra 1.150,91 m2, o que suma en total 13.977,42 m2, “o que creo que é unha superficie certamente importante que contribuirá a seguir aumentando o listado das empresas que conforman este polígono”.
O Alcalde concluíu a súa intervención indicando que “mentres eu siga sendo Alcalde, apostamos e apostaremos claramente polo desenvolvemento deste polígono, tanto nas infraestruturas viarias, como nos servizos de mellora de alumeado, mellora de abastecemento de auga, e melloras no saneamento. Por iso, por parte do Concello, imos seguir traballando para levar a cabo novas actuacións de mellora moi relevantes, algunha das cales lles anunciaremos nun corto espazo de tempo”.
O rexedor monfortino recordou, neste senso, as melloras acometidas durante o seu mandato neste polígono, tales como a renovación da capa de rodadura nas súas principais rúas, a substitución de todo o seu alumeado con tecnoloxía LED, ou a construción dunha nova rúa de algo máis de medio quilómetro, que permitirá a futura ampliación deste polígono.
“Como xa dixen nalgunha outra intervención, Monforte volve a entrar nunha etapa de crecemento: crecemento industrial, crecemento económico, crecemento do emprego, e polo tanto, un crecemento socioeconómico no seu conxunto. Este Alcalde e este Equipo de Goberno, toman decisións para que Monforte siga avanzando, por difíciles que poidan resultar, porque solo así, poñendo sempre por diante o interese público, é como se pode avanzar para gañar o futuro, e Monforte vai ben".