O Concello inicia as obras de urbanización da Zona C

Monforte de Lemos, 18 de xaneiro de 2022. O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca,  ven de anunciar o inicio, na maña de hoxe, das obras de urbanización e dotación de servizos da Zona C, que comprende os terreos ubicados entre a rúa Rof Codina e o barrio de Cobas. Este proxecto construtivo foi adxudicado á empresa Misturas Obras e Proxectos S.A. por un importe de 915.225,85 euros (IVE engadido).

“Estas obras van permitir eliminar a balsa de maleza que existe dende o final da rúa Rof Codina ata a rúa Cobas e na rúa Fontecha, abrindo novos viais, creando novas parcelas para edificar e unha nova zona verde axardinada arredor da Gardería Municipal” destacou o rexedor municipal. “Con estas obras imos cambiar a fisonomía da cidade, mellorando a trama urbana e poñemos en valor, unha zona da cidade moi preto do monumento da Nosa Señora da Antiga, que sen dúbida vaille dar unha maior calidade urbana a esa parte de Monforte”.

Neste senso, os traballos que foron iniciados no día de hoxe, comezarán polo desbroce do terreo a través de maquinaria específica para esta actuación.

O proxecto conta cunha axuda de 300.000 euros aportados pola Deputación de Lugo, sendo o resto do orzamento aportado polo Concello monfortino, é dicir, 618.165,09 euros, un 67,33% do total.

O remate das obras está previsto que sexa, se todo avanza segundo os prazos determinados, estímase no verán deste ano 2022.


Foto da presentación polo Alcalde do proxecto de urbanización da Zona C, setembro 2021 

Proxecto de urbanización e dotación de servizos da Zona C

A superficie resultante, unha vez urbanizados estes terreos, quedará do seguinte xeito:

  • Para rúas novas, 6.323 metros cadrados.
  • Para espazos libres e axardinados, 8.982 metros cadrados.
  • E para solares, 5.785 metros cadrados.

O aproveitamento urbanístico destes 5.785 metros cadrados urbanizables é de 22.230 metros cadrados edificables, dos cales 4.744 metros cadrados serían baixos e 17.486 metros cadrados serán para vivendas.

As edificacións serán de baixo máis tres alturas, na marxe dereita con fachada e traseira e na marxe esquerda deberán ser dobre fachada, por contar con paseos peonís entre os edificios e a zona axardinada.

Os accesos á Gardería Municipal van ser peonís por seguridade dos nenos e das nenas que acudan a esta gardería, tendo a posibilidade de estacionar moi preto a ambos lados da Gardería, tanto no Parque dos Condes como na nova rúa que se vai construír.

Tanto as novas beirarrúas como o acceso peonil á Gardería, serán de lousas de granito, o que vai realzar a singularidade desta urbanización.

Nas rúas de nova creación, vanse crear 67 prazas de estacionamento e 3 para persoas con discapacidade, o que facilitará a mobilidade de todos os veciños e veciñas de Monforte.

“Con este proxecto melloraremos as comunicacións dende a Avenida de Galicia a través da rúa Rof Codina ó barrio de Cobas, dándolle unha solución urbanística de menor impacto ó final dos edificios da rúa Rof Codina, especialmente no remate da beirarrúa da esquerda e valorizando toda esa zona” recorda o rexedor monfortino.

Ademais de novas rúas e de parcelas edificables, tamén haberá unha nova zona axardinada duns 6.000 m2 aproximadamente arredor da Gardería Municipal e do borde ó longo do río Cabe, dándolle unha semellanza ó xardín do Parque dos Condes, quedando as dúas marxes do río Cabe como zonas verdes, poñendo en valor esa zona da cidade.

 

Antecedentes

O terreo, denominado “Zona C”, foi calificado como solo urbano non consolidado, polo Pleno do Concello de Monforte celebrado o 12 de abril do ano 2000, fai máis de 20 anos, sendo publicado no BOP de 26 de abril e publicado no DOG de 27 de abril dese mesmo ano. Mediante ese acordo plenario produciuse unha modificación das Normas Subsidiarias de Planeamento Municipal, que permiten urbanizar esas zonas e poñelas ó servizo da cidade de Monforte.

Para poder levar a cabo esta urbanización, o primeiro paso dado foi levar a cabo o Proxecto de Reparcelación da “Zona C”, desenvolto pola empresa MONSA Urbanismo, e aprobado inicialmente na Xunta de Goberno do Concello, en data 23 de novembro de 2020.

O 9 de decembro de 2020, iniciouse o proceso de  notificación ós donos das parcelas afectadas por este proxecto, notificación que foi realizada polos Axentes da Cidadanía do Concello, domicilio a domicilio.

O seguinte paso foi a exposición pública durante un mes, que empezou a contar dende a notificación ós afectados polas fincas que se reparcelan.

A aprobación do proxecto definitivo así como a resolución das alegacións presentadas tivo lugar en Xunta de Goberno deste Concello o pasado 16 de xuño de 2021.

Rematados estes trámites administrativos, dende o Concello procedeuse a elaborar o proxecto construtivo, que unha vez elaborado, foi presentado hoxe polo Alcalde xunto co anuncio da licitación das obras do citado proxecto. Unha vez adxudicado e contratada a empresa adxudicataria, esta realizará as obras de urbanización propiamente ditas, nun prazo estimado de 8 meses.

O Alcalde destaca que co inicio das obras de urbanización da Zona C “imos cambiar a fisionomía da cidade de Monforte, poñendo en valor unha zona que estaba abandonada e que dende o punto de vista da mellora urbana, supón un salto cualitativo moi importante, porque con proxectos coma este, Monforte, vai seguir avanzando”.

“O proxecto de urbanización da Zona C vai ser pioneiro en Monforte e en moitos outros concellos de Galicia, pois hai moi pouca experiencia neste tipo de urbanizacións, e a través del imos mellorar urbanisticamente unha zona sensible para a nosa cidade, que cada vez ten máis vida, como é a contorna do río, a proximidade do conxunto monumental de Nosa Señora da Antiga, máis coñecida como Escolapios, e o Barrio de Cobas”.