Monforte de Lemos, 30 de xuño de 2022. O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, ven de informar que as empresas interesadas xa poden solicitar ás axudas para a contratación de alumnos e alumnas do Obradoiro de Emprego Arquivo Dixital- Tics Monforte, logo de que este martes 28 de xuño saíra publicada a convocatoria das mesmas no Boletín Oficial da Provincia (BOP).
Todas as empresas interesadas en solicitar estas axudas, terán 20 días de prazo, a contar dende onte mércores 29 de xuño e ata o 18 de xullo, para formalizar as súas solicitudes.
Trátase de axudas de 1.500 euros destinadas fomentar a contratación por parte de empresas de alumnos e alumnas do módulo de “Operacións de gravación e tratamento de datos e documentos”, que participaron no Obradoiro dual de emprego do Concello, e que rematarán a súa formación o vindeiro 14 de xullo de 2022.
Para poder recibir estas axudas, as empresas deberán formalizar os contratos cos/as alumnos/as antes de que finalice o mes de xullo, e os contratos deberán ser de alomenos 3 meses.
“Deste xeito”, sinala o Alcalde, “dende o Equipo de Goberno do Concello, dentro das nosas políticas sociais e económicas, seguimos fomentando a creación de emprego, e neste caso, para facilitar a incorporación ó mercado laboral dos alumnos que veñen de formarse no Obradoiro de Emprego da Pinguela, onde os alumnos recibiron unha interesante formación durante nove meses en Dixitalización e Arquivo, realizando unha gran labor en canto a dixitalización de documentación histórica do arquivo municipal e cultural.”
A estas axudas poderán optar entidades, calquera que sexa a forma xurídica que adopten, incluídas as persoas autónomas, as sociedades civís e as comunidades de bens, aínda que carezan de personalidade xurídica, cuxa actividade estea directamente relacionada coa formación impartida nos obradoiros duais de emprego, e que contraten traballadoras ou traballadores por conta allea para prestar servizos en centros de traballo radicados en Galicia.
Documentos para descarga: