Monforte de Lemos, 31 de marzo de 2022. Un ano máis, o Concello de Monforte de Lemos, municipio que pertence á Rede de Xuderías de España, pon en marcha o programa educativo Benjamín de Sefarad, “co obxectivo de estimular a curiosidade dos máis novos sobre a herdanza xudía dos nosos pobos e cidades e para dar a coñecer entre os escolares o legado material e inmaterial da cultura sefardí das 22 cidades que forman a Rede de Xuderías”, sinala o Alcalde, José Tomé Roca.
Nesta edición, o protagonismo recaerá no patrimonio inmaterial, clave para a transmisión e conservación da esencia da cultura sefardí, e no que a música sefardí ten un papel fundamental.
A Rede de Xudarías subministrará aos colexios que desexen participar na iniciativa unha colección de materiais lectivos gratuítos, como un concerto didáctico virtual sobre música sefardí a cargo da cantante de música antiga, medieval e sefardí Mara Aranda, e o especialista en instrumentos da tradición medieval española Jota Martínez, e un libreto, que recolle ligazóns e letras das cancións interpretadas na clase.
Todos aqueles colexios interesados en recibir os contidos desta campaña ou máis información sobre este programa e como poden levalo a cabo no seu centro educativo, poden poñerse en contacto a través da conta de correo electrónico comunicacion@redjuderias.org.
IV edición do Concurso de Microrrelatos
Ademais, e por cuarto ano consecutivo, dende o Concello tamén se convoca o IV Concurso de Microrrelatos da Rede de Xudarías de España, no que poderá participar calquera alumno de primeiro ou segundo da ESO.
O obxecto do concurso é dar a coñecer a actividade divulgativa da Rede de Xuderías de España en torno á cultura xudía no ámbito educativo, así como espertar a afección pola escritura, a imaxinación dos alumnos e a súa capacidade para describir as súas experiencias e contorna.
A temática da presente edición é a música sefardí. Valorarase que o microrrelato estea inspirado ou relacionado coa identidade, historia e cultura sefardí.
Os textos deberán ser inéditos e estar escritos en castelán, catalán, éuscaro ou galego. A extensión máxima será de 350 palabras (sen contar o título), e os relatos deberán mandarse de maneira individual, en formato .doc, ó correo electrónico concurso@redjuderias.org. Para envialos o prazo límite será ata o 10 de xuño de 2022.
O xurado seleccionará polo menos as 30 mellores obras que serán publicadas nun libro que editará Rede de Xuderías. A entrega do premio terá lugar nun acto público que organizarán os Concellos de onde procedan os premiados.
Existirán ademais tres premios valorados economicamente con 1.000 euros, 750 euros e 500 euros para o primeiro, segundo e terceiro relatos respectivamente que poderán usar para a realización dunha viaxe polas cidades integradas na Rede.