Monforte de Lemos, 22 de outubro de 2022. O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade conmemorou este venres en Nigrán os seus 25 anos de andaina, efeméride á que se sumou o Concello de Monforte, que forma parte desta entidade xunto a un cento de municipios e tres deputacións galegas.
Os integrantes do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade comparten un firme compromiso cos Dereitos Humanos e coa loita contra a pobreza e as desigualdades a nivel global.
Desde a súa constitución en 1997, o Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade ten apoiado preto de 200 proxectos en máis de 30 países, entre os que destacan Cabo Verde, Nicaragua, Cuba, Perú e, nos últimos tempos, Mozambique e Guinea-Bissau, amais dos campamentos saharauís. Auga e saneamento, vivenda, xénero, educación, saúde, infraestruturas comunitarias ou xestión de residuos son algúns dos sectores de actuación. Ademais, cómpre destacar os programas de cooperación técnica, que envían a persoal dos concellos galegos a traballar sobre o terreo cos parceiros no Sur Global.
Ao longo deste cuarto de século, o Fondo Galego promoveu tamén numerosas actividades para sensibilizar á cidadanía galega fronte as desigualdades, en forma de exposicións, concertos, contos, obradoiros, teatro, audiovisuais, charlas, certames, etc. Nestes intres, desenvólvense asemade diversas accións para implicar á xente nova na loita contra o cambio climático a través do proxecto europeo People & Planet.
Por outra banda, o Fondo Galego impulsa desde 2015 múltiples iniciativas para dar a coñecer os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS) e promover a implementación da Axenda 2030 no eido local, incluída a formación nesta materia de cadros políticos e técnicos locais e asistencias técnicas para elaborar plans municipais de localización dos ODS.
O labor do Fondo Galego de cooperación e solidariedade, que se desenvolve baixo o lema #oglobalélocal, foi recoñecido en 2020 co Premio Consello Social UVigo-Humana.
Algunhas cifras globais
Pese aos avances que se teñen acadado, aínda son moitos os retos que quedan por diante:
· 703 millóns de persoas viven na extrema pobreza, das que o 70% son mulleres.
· 1 de cada 10 persoas non sabe se poderá comer algún alimento no día de hoxe.
· 1/3 da poboación mundial non ten acceso á auga potable.
· O número de persoas que se vén obrigadas a fuxir dos seus fogares supera os 100 millóns nun ano, un lamentable máximo histórico.
Unhas cifras que confirman que a cooperación internacional segue a ser necesaria, tamén a impulsada polas nosas deputacións e concellos a través do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade.