Monforte de Lemos, 20 de setembro de 2022. A primeira Tenente de Alcalde de Monforte, Gloria Prada, participou hoxe na presentación da Carreira contra o Cancro que a Asociación lucense desta entidade organiza en Monforte e que se celebrará o domingo 2 de outubro.
O Equipo de Goberno monfortino colabora activamente na organización desta carreira, tal e como indicou Prada: “O Concello colaborou coa Asociación contra o Cancro no deseño do percorrido da carreira, no que participaron tanto o técnico de deportes como a Policía Local. E tamén colaboraremos con persoal municipal o propio día da proba, tanto co control de tráfico por parte da Policía local como de axentes da cidadanía ”.
Este evento deportivo e solidario celebrarase o domingo 2 de outubro ás 12 do mediodía, nun circuíto urbano de Monforte cun percorrido de 5 quilómetros.
A primeira Tenente de Alcalde, animou ós veciños e veciñas a participar neste evento, cuxo prazo de inscrición permanecerá aberto ata o 29 de setembro.
O prezo para a inscrición, que inclúe camiseta, é de 10€, e os fondos recadados irán destinados á investigación na loita contra o cancro.
Tamén está dispoñible un dorsal cero para aqueles que non poidan participar pero que si queiran contribuír.
Esta carreira popular e urbana, é de carácter benéfico contará con categorías masculina e feminina cun primeiro, segundo e terceiro premio para cada unha.
Tamén recordou Gloria Prada na súa intervención, a colaboración constante do Concello de Monforte coa Asociación Española contra o Cancro en Lugo, “a través da cesión dun local na cidade dende o que se atenden a enfermos e familiares relacionados con esta enfermidade, e dende o que esta Asociación desenvolve unha importante labor de investigación e asesoramento”.