Monforte de Lemos, 14 de marzo de 2022. O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, reuniuse na tarde de hoxe co director xeral de SEPES, Entidad Pública Empresarial de Suelo, Fidel Vázquez, e a xerente de Suelo Empresarial do Atlántico (SEA), Beatriz Sestayo, así comoa primeira Tenente de Alcalde, Gloria Prada, e o Concelleiro de Obras, Medio Rural e Servizos, José Luís Losada, para avaliar a situación do Polígono Industrial de O Reboredo, que é un dos 13 que gestiona SEA en Galicia, así como para coñecer a demanda empresarial da cidade e da comarca de Lemos.
O director xeral de SEPES, que visitaba por primeira vez Galicia, realizou tamén unha visita, acompañado do Alcalde e da xerente de SEA, ó Polígono Industrial monfortino, e valorou positivamente esta primeira “toma de contacto” para coñecer de primeira man a situación industrial de Monforte de Lemos.
Neste senso, o Alcalde agradeceu a visita dos máximos mandatarios de ambas entidades, “nunha reunión moi fructífera na que valoramos as distintas posibilidades de cooperación entre as tres administracións, co obxectivo de darlle un impulso novo ó polígono de cara ó futuro”.
Pola súa banda, a xerente de SEA puxo en valor o “importante dinamismo do polígono de Monforte para a creación de emprego e de riqueza no concello e na comarca”.
O polígono de Reboredo conta cunha superficie total de 365.675 metros cadrados de superficie, dos que se destinan a chan neto (o que se comercializa) 275.235 metros cadrados.
Nos últimos anos, logrouse impulsar de forma decidida a implantación de novas empresas nesta área industrial e a consolidación doutras, como Oviganic, dedicada á comercialización de produtos lácteos infantís, que fixeron de Monforte de Lemos un polo importante de xeración de emprego na comarca. Entre outras empresas, conta con compañías instaladas como Lincold Ibérica, de tratamento de augas ou Queserías Prado.
O polígono do Reboredo está de moda
A boa marcha do polígono constatouse co feito de que só queden dispoñibles tres parcelas, “demanda que fai que sexa necesario amplialo, proxecto que o Concello xa ten en marcha”, indicou o Alcalde.
No pasado ano 2021 chegáronse a adxudicar ata 51.073 metros cadrados de chan industrial, oito parcelas, por un importe total de 1,2 millóns de euros, o que repercutirá a curto e medio prazo nunha importante xeración de emprego, no marco dos obxectivos de recuperación do Goberno de España.
O Alcalde salientou a importancia crecente deste Polígono Industrial do Reboredo, “froito do traballo de promoción constante que levamos desenvolvendo ó logo dos últimos anos, un parque empresarial que está sendo e vai ser moito máis aínda, o motor da dinamización económica do noso Concello e constitúese nun escenario esencial para a creación de emprego”.
E en relación coa oferta destinada á instalación de novos negocios a cargo de emprendedores, o rexedor municipal anunciou que xa está a piques de rematar a creación dun Viveiro de Empresas municipal neste polígono, o cal estará destinado á implantación inicial e á consolidación de novas empresas.