Monforte de Lemos,9 de decembro de 2022. O Concello de Monforte abrirá as portas, mañá sábado 10 de decembro, do Mercado de Nadal- Circuítos de Artesanía e Música Galega, unha proposta de animación, con actividades para nenos e nenas, e propostas musicais para todos os públicos, á vez que se potencia o comercio e a artesanía.
A actividade encádrase no proxecto “Circuítos de artesanía e música galega” que o Concello organiza co financiamento do programa Territorio Cultura, ó amparo dos fondos de NextGenerationEU e o Mecanismo de recuperación e resilencia do Regulamento (UE)2021/241, concedido a través da Axencia Galega das Industrias Culturais da Xunta de Galicia.
Abre o Mercado de Nadal de Monforte
Deste xeito, o Mercado de Nadal de Monforte, abrirá as súas portas na Praza de Abastos monfortina mañá sábado 10 de decembro, en horario de 11:00 a 14:00 e de 17:00 a 20:30 horas. O domingo día 11 abrirá de 11:00 a 14:00 horas. Este mercado celebrarase durante tres fins de semana consecutivas neste mes de decembro, concretamente os días, 10, 11, 17, 18, 23 e 24.
No Mercado de Nadal, o visitante poderá atopar unha ampla oferta de produtos para agasallos e gastronomía navideña, a oferta de artesáns e artesás de olería, complementos, cosmética natural, madeira, bixutería, entre outras disciplinas artísticas, ademais dun amplo abanico de produtos gastronómicos gourmet e de produtores locais de alta calidade. Esta fin de semana, o Mercado de Nadal contará con 14 expositores.
Programación para todos os públicos
Ademais da oferta comercial, o Mercado de Nadal contará con un variado programa de actividades dirixido a toda a familia e que se celebrará na propia Praza de Abastos.
O sábado 10 ás 12 da mañá, celebrarase o espectáculo “Un saco de contos” de Ángeles Goás. Trátase dunha sesión onde son os propios nenos e nenas os que lle axudan a ir sacando contos dun saco máxico que pide trabalinguas ou recitados a cambio de amosar os contos que garda no seu interior.
Pola tarde, de 18 a 20 horas, terá lugar un Obradoiro artesanal có artesán Noe do Taller RioMao Estudio Creativo para nenos e nenas. Neste obradoiro, os participantes farán a montaxe e decorado de pezas únicas que poderán utilizar como agasallos, ben en madeira, espellos... As inscricións serán por orde de chegada, ata cubrir 10 prazas, tendo a posibilidade de facer dous grupos, un tras o outro; a idade mínima para participar será de 8 anos.
O domingo 11 de decembro ás 12 horas, a Praza acollerá o espectáculo “Maxia Familiar” co Mago Deimi. Este mago é natural de Ribadavia (Ourense) e vive a maxia dende ben cativo, unha afección que non deixou de cultivar ata a actualidade. O espectáculo de maxia que trae a Monforte é moi variado e divertido, onde predomina o seu dinamismo cun estilo cómico e desenfadado. Ofrece ó público familiar unha variedade de xogos: cartomaxia, manipulación, escapismo, mentalismo, maxia bizarra, levitacións, aparicións, maxia con lume, desaparicións, transformacións... Todo acompañado de gags, moi bo humor e música de fondo para marcar o ritmo da maxia e a participación activa do público. Ó facer partícipe a este, o espectáculo de maxia faise máis crible e inesquecible para os asistentes.
Actuacións na rúa do Cardenal para animar ó comercio e á hostalería
Cada fin de semana, e como complemento a este Mercado de Nadal, terá lugar a actuación diversos grupos musical nun escenario ubicado na rúa Cardenal, que animarán ás rúas comerciais e os negocios de hostalería.
O sábado 11, a partir das 20:30 horas, o grupo Dixie Kings sairá dende a praza de Abastos, para facer un pasarrúas polas zonas comerciais e finalizar no escenario navideño instalado na rúa do Cardenal, no que, sobre as 21:15 horas fará a súa actuación navideña.