Monforte de Lemos, 26 de outubro 2022.- O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, e a Subdelegada do Goberno en Lugo, Isabel Rodríguez, mantiveron unha reunión hoxe mércores con empresarios do municipio para informarlles sobre o Kit Dixital e animalos a solicitar os bonos do Goberno.
José Tomé Roca salientou a importancia destas axudas para adaptarse á dixitalización dos mercados, e salientou a participación nesta xuntanza dos principais colectivos e asociacións empresariais de Monforte.
A Subdelegada avanzou que máis de 400 pequenas empresas da provincia, o 60% do total, de entre 10 e 49 traballadores, xa solicitaron o bono de 12.000 euros do Kit Dixital para dixitalizar os seus negocios. “Son un total de 4,8 millóns de euros os que o Goberno leva inxectado na provincia a través deste programa de axudas para transformar o noso tecido produtivo e facelo máis competitivo”, destacou Rodríguez.
“O noso obxectivo é seguir transformando dixitalmente ao maior número de empresas pequenas da provincia, fomentando novas oportunidades de expansión e abríndose a novos mercados”, subliñou a subdelegada, quen lembrou que o Goberno destina un orzamento de 3.067 millóns de euros dos fondos Next Generation para dixitalizar a preto dun millón de pemes e autónomos en todo o territorio nacional os próximos tres anos".
Isabel Rodríguez explicou que estas subvencións do Goberno teñen como finalidade avanzar na dixitalización de áreas crave como presencia na internet, deseño da web, venda electrónica, xestión de clientes e provedores, oficina dixital, redes sociais, xestión e automatización de procesos e ciberseguridade.
Na reunión, celebrada na casa consistorial, participaron representantes da asociación de empresarios do Polígono do Reboredo, da Delegación da Asociación Provincial de empresarios de hostalería e turismo da zona sur, do Centro Comercial Urbano, así coma outras empresas monfortinas.
3 liñas de axudas do Kit Dixital
O Goberno ten abertas as 3 convocatorias do programa de dixitalización. Por unha banda, está a liña dirixida a empresas de entre 10 e 49 empregados. Debido á boa acollida da iniciativa, a Secretaría de Estado de Dixitalización e Intelixencia Artificial do Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Dixital decidiu ampliar seis meses máis o prazo de solicitude para esas empresas (segmento I), que poden solicitar o bono de 12.000 euros ata o 15 de marzo de 2023.
Por outra banda, o prazo para as empresas do segmento II (de 3 a 9 empregados) está aberto dende o pasado 2 de setembro durante doce meses. Estas micropemes teñen acceso a un bono de dixitalización de 6.000 euros.
Por último, o programa complétase cunha terceira convocatoria para negocios de menos de tres empregados e autónomos (segmento III), que poden solicitar un bono de 2.000 euros ata o 20 de outubro de 2023.
Solicitude dixital
As empresas interesadas poden solicitar as axudas na sede electrónica de Red.es. Baixo o lema “cero papeis”, Red.es deseñou un sistema de tramitación moi innovador que axiliza o proceso usando ferramentas de robotización e intelixencia artificial, polo que se pode solicitar a axuda sen achegar ningunha documentación, xa que será suficiente con que o empresario autorice a Red.es a consultar de oficio os requisitos e obrigacións requiridos para obter a condición de beneficiario. O catálogo de solucións de dixitalización pódese consultar na web www.acelerapyme.es