Monforte de Lemos, 1 de marzo de 2022. O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, recibiu hoxe, acompañado pola 1ª Tenente de Alcalde, Gloria Prada, e o Concelleiro de Obras e Servizos, José Luís Losada, a Eduardo Iglesias, piloto monfortino de motos que participou na última edición do Rally Dakar, disputado en Arabia en xaneiro deste ano 2022 e que rematou no posto 78.
Durante a recepción o Alcalde aproveitou a ocasión para felicitar ó piloto monfortino “pola súa participación e logros acadados nesta importante competición deportiva, e por ter rematado a proba nas tres edicións consecutivas nas que participou”.
Na visita, o piloto monfortino, acompañado por Jesús Veloso, membro do seu equipo, fíxolle entrega ó Alcalde dunha camiseta conmemorativa, unha fotografía enmarcada e asinada, así como o dossier no que se recollen todos os aspectos da súa participación na última edición do Rally Dakar: fotografías, presencia nos medios de comunicación nacionais e internacionais, ou detalles técnicos, entre outros aspectos. E, do mesmo xeito, o dossier recolle o proxecto para o que sería a cuarta participación consecutiva neste rally, no ano 2023.
Cabe recordar que Eduardo Iglesias, na súa terceira participación consecutiva nesta emblemática carreira, acadou o posto 78, mellorando o posto acadado en 2020, no que acadou o 94. Na edición de 2021 finalizou no posto 53 da xeral de motos. Ademais, foi o único piloto galego de motos que conseguiu rematar esta dura proba.
O Concello de Monforte foi un dos patrocinadores destacados, xunto coa Deputación de Lugo, do piloto monfortino. Deste xeito, a imaxe da cidade e da provincia de Lugo estiveron presentes no uniforme e na moto do piloto, significando unha importante proxección internacional das mesmas, dada a repercusión que ten a que é a proba de motor máis importante do mundo, tanto en medios de comunicación nacionais e internacionais como nas diferentes canles dixitais e redes sociais.