Monforte de Lemos, 13 de abril de 2022. O Alcalde de Monforte e Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, presentou este mércores no Centro de Interpretación do Viño de Monforte de Lemos o programa Reiníciate, encamiña o teu futuro ante adegueiros e adegueiras da Ribeira Sacra. Unha iniciativa de formación e emprego da institución provincial e a Escola de Organización Industrial (EOI) enmarcada no Plan de Impulso de Economía da Provincia que pretende nutrir ó tecido produtivo de man de obra cualificada a través da formación de persoas desempregadas de longa duración.
Acompañaron ó Alcalde, o Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, a xefa de Emprego da Deputación, Julia Vázquez Silvarrey, así como a primeira Tenente de Alcalde de Monforte, Gloria Prada, o Concelleiro de Obras, Medio Rural e Servizos, José Luís Losada.
Tomé Roca explicou que poderán acollerse ó Reiníciate, encamiña o teu futuro un total de 120 persoas, sen límite de idade, que acrediten levar un ano, como mínimo, inscritas no Servizo Público de Emprego.
O programa, que está dotado con 355.000€, constará dunha parte de formación gratuíta en aqueles sectores con alta demanda de persoal capacitado, e doutra parte de formación práctica. Haberá establecidas tres zonas de actuación para impartir as formacións, que comezarán a finais de abril: a zona norte (Burela) a zona sur (Monforte de Lemos) e a zona centro (Lugo). Todas as persoas participantes acadarán a capacitación básica e clave para acceder a un posto de traballo cualificado, o que permitirá a aquelas que carezan de formación mínima -graduado escolar ou ESO- acceder a capacitacións profesionais. Segundo explicou o Alcalde, no caso da formación relacionada co sector do viño, “a formación práctica poderá ser en adegas, e despois crearemos unha bolsa de emprego á que empresarios e empresarias poderán acudir para contratar a este persoal capacitado”.
Ademais da formación relacionada co viño, haberá formación noutros sectores con demanda, como a atención sociosanitaria ou os idiomas.
Sinalou o José Tomé que “con este novo plan de formación e emprego cumpriremos un dobre obxectivo: Por unha parte, favorecemos a inserción laboral destas persoas, que teñen especiais dificultades para encontrar traballo, e, ó mesmo tempo, facilitamos que diferentes sectores profesionais, como o vitivinícola, poida nutrirse de man de obra cualificada, tan demandada e tan necesaria”.
O mandatario provincial engadiu que este programa forma parte do paquete do Plan de Impulso da Economía da Provincia, “que lanzamos o ano pasado dende a Deputación de Lugo para axudar a paliar o impacto da pandemia nos sectores produtivos e a recuperar a actividade de maneira sostible”.
“Penso que calquera persoa merece novas oportunidades. Ás veces na vida unha circunstancia, como puido ser a pandemia, ou a enfermidade dun familiar, obríganos a
desconectar da vida laboral. Este programa vai diso, de dar novas oportunidades á xente que sufriu un revés e ten vontade de traballar, pero ó mellor non ten os medios adecuados para facelo”, valorou José Tomé.
Outros programas de dinamización
O Presidente e Alcalde de Monforte tamén explicou ós bodegueiros e bodegueiras da Ribeira Sacra que a Deputación ten en marcha outros dous programas dos que poden beneficiarse: o Reiníciate: dixitaliza a túa empresa e o Reiníciate: enfoca o teu futuro.
O primeiro, un programa de formación e de asesoramento personalizado que se ofrece ás empresas da provincia de Lugo de maneira totalmente gratuíta para axudarlles a aproveitar os recursos das novas tecnoloxías para modernizar e para mellorar o seu negocio.
O segundo, unha iniciativa que ten como obxectivo favorecer a inserción no mercado de traballo da xente nova da provincia dándolle formación gratuíta e prácticas remuneradas en empresas e entidades en profesións con alta demanda vinculadas coas novas tecnoloxías e coa dixitalización.
Neste último programa está aberto o prazo para que as empresas e asociacións interesadas poidan solicitar unha axuda económica para incorporar a estes rapaces, xa formados, durante un período de tres meses en réxime de prácticas non laborais remuneradas.