Monforte de Lemos, 1 de xuño de 2022. O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, acompañado pola 1ª Tenente de Alcalde, Gloria Prada, e o Concelleiro de Obras, Medio Rural e Servizos, José Luís Losada, deu a coñecer hoxe 4 novos proxectos de mellora de vías, camiños e infraestruturas urbanas, do Concello de Monforte, “que supón a continuación do noso programa de melloras que, sen dúbida, van a dar continuidade ó noso obxectivo de dotar con mellores servizos e mellores infraestruturas ó noso Concello, en definitiva, ós nosos veciños e veciñas”.
A suma dos investimentos destinados a estes 4 proxectos supoñen unha inversión de case 200.000 euros.
“Deste xeito” engadiu o Alcalde, “o Equipo de Goberno deste Concello segue a licitar a contratación de obras, servizos e subministros públicos para seguir mellorando Monforte tal como vimos facendo dende que chegamos ó Goberno fai case 7 anos, e que seguiremos facendo para cumprir o compromiso que temos con todos os monfortinos e monfortinas”.
As actuacións comprenden a renovación dun tramo da rúa Veiguiña, na que se construirán novas beirarrúas, da rúa Marcial de Valladares e da rúa Frai Martín Sarmiento, que serán urbanizadas, e do Camiño das Bestas, que tamén verá renovado o seu firme.
O Concello tamén acometerá a reparación da Ponte de madeira do Malecón e o acondicionamento e peche dunha parcela propiedade municipal, ubicada na zona do Parque de Cobas, co obxecto de ampliar dito parque, e que suporá tamén retirada do establo que se ubica nesta zona.
Mellora dun tramo da rúa Veiguiña
O Alcalde explicou que “xunto á Administración de Facenda, había unha grúa que levaba moitos anos, sobre unha base grande de formigón que ocupaba unha zona grande da calzada, que obrigamos ó dono a retirala. Tamén, a rúa Veiguiña no seu tramo central tiña ata fai uns meses dúas edificacións que estaban dentro da aliñación oficial, ocupando parte da calzada e da beirarrúa”.
“Logo de facer xestións coa propietaria, que procedeu á demolición de ambas edificacións e ó retranqueo da pechadura das parcelas á alineación oficial, existe un tramo da rúa Veiguiña sen pavimentar, que é o que agora imos incorporar á vía pública con esta obra de mellora”.
Do mesmo xeito, o Concello realizará as obras de acondicionamento das beirarrúas nese tramo, completando así unha zona que na actualidade non tiña beirarrúa, e que ten unha lonxitude aproximada de 75 metros.
Para iso, realizarase a demolición das beirarrúas existentes nese tramo para posteriormente a construción dunhas novas coas mesmas anchuras e características que o resto da rúa (bordiño de formigón e baldosa hidráulica).
Tamén se colocarán dous sumidoiros nas zonas baixas e desprazaranse outros dous para adaptalos aos novos anchos de beirarrúas.
Ubicarase nesta zona da rúa Veiguiña un poste e luminaria na esquina coa rúa Ferrol, onde xa existe a cimentación e a arqueta correspondente. Tamén se cambiarán algunhas tapas de arquetas que na actualidade son de baldosas de cemento por tapas de fundición.
Unha vez terminadas esas actuacións procederase ó fresado do firme actual para a nova colocación dunha capa de aglomerado en quente neste tramo de 5 cm. de espesor, entre o edificio de Facenda e incluída a praza da que sae a rúa Ferrol. Para rematar, pintaranse as marcas viais, símbolos e cebreados.
Para esta actuación, o Concello destinou un orzamento de 48.344,38€.
Actuacións de mellora en Camiño das Bestas, na rúa Marcial de Valladares e na rúa Frai Martín Sarmiento
“Con este proxecto”, explicou José Tomé Roca, “o noso obxectivo é mellorar o firme e os servizos destas tres vías municipais, que están situadas todas elas no entorno da cidade”.
En concreto, no Camiño das Bestas actuarase sobre unha lonxitude total de 640 metros; na rúa Marcial de Valladares en 115 metros, e en Frai Martín Sarmiento, a mellora será sobre 75 metros lineais. En total, a actuación, nestas 3 rúas, abarcará un total de 830 metros de lonxitude.
No Camiño das Bestas, que actualmente é de terra, levarase a cabo un asfaltado con tres regos.
Na rúa Marcial de Valladares, que se ubica na Ronda Urbana, entre a rotonda do Hórreo e a rotonda da rúa Ourense, na súa marxe dereita, e que actualmente conta con riego, farase unha rexeneración do seu firme a través de 3 riegos asfálticos.
Na rúa Frei Martín Sarmiento, na marxe dereita con Poeta Noriega Varela, será dotada dos servizos de auga, luz e saneamento, ademais da renovación do seu firme con aglomerado en quente.
En todos os casos, levarase a cabo unha renovación total do firme destas vías, e nun dos casos, dotándoa de servizos (auga, luz e saneamento).
O orzamento que se destina dende o Equipo de Goberno para estas a mellora destas tres vías municipais é de 41.730,17 euros.
Reparación da Ponte de madeira do Malecón
Está é a Ponte de madeira sobre o río Cabe que se sitúa entre a rúa Santa Clara e o Paseo do Malecón, Ponte que foi construída en madeira laminada e colocada no ano 1.999, fai case 23 anos. A súa lonxitude total é de 36 metros e posúe un dobre arco lateral con taboleiro central. Cada un dos arcos laterais está formado, á súa vez, por outros dous unidos transversalmente.
“Dende o Concello, decidimos acometer esta actuación de mellora, debido ó estado actual de conservación da Ponte, sobre a que é necesario actuar en algunhas zonas deterioradas, especialmente as ferraxes de aceiro galvanizado situados baixo o taboleiro. Os acabados da madeira están en estado regular e é necesaria a actuación neles” indicou o Alcalde.
“Polo tanto, decidimos actuar para mellorar esta Ponte, co dobre obxectivo de evitar que se siga deteriorando a madeira e de garantir a seguridade das persoas que pola Ponte transitan todos os días”.
As obras que se realizarán para a reparación da Ponte consistirán na:
- Comprobación e reparación dos elementos de unión das vigas, para subsanar o estado de oxidación dos elementos metálicos.
- Limpeza, lixado e lasurado de todas as pezas de madeira da Ponte.
- Reparación de grietas existentes nalgunhas pezas, coa aplicación de resina epoxi.
Para esta actuación de mellora da Ponte do Malecón, o Concello destina un orzamento de 48.387,90 euros.
Acondicionamento e peche dunha parcela municipal ubicada na zona do Parque de Cobas
Nesta cuarta actuación o Alcalde explicou ós medios de comunicación que “tal e como xa anunciara hai un tempo, levaremos a cabo o acondicionamento e peche dunha parcela propiedade do Concello de Monforte, ubicada na zona do Parque de Cobas, co obxecto de ampliar este parque, e que suporá tamén a retirada do establo que se ubica nesta zona”.
A parcela referida polo rexedor monfortino linda, polo oeste, cunha vía de titularidade municipal que da acceso o actual Parque de Cobas, co aparcadoiro existente e con outra parcela de titularidade privada. Polo sur, linda co paseo peonil da marxe dereita do Río Cabe que une a cidade con Piñeira. Polo norte, linda cunha edificación e peche dunha parcela de titularidade privada. E polo leste linda cun espazo aberto, sen edificar ata o río Cabe.
A orografía do terreo onde se atopa a parcela e plana con leve inclinación descendente cara o Río Cabe. No seu entorno existen xa varias zonas habilitadas para o paseo e repouso nun entorno natural moi preto da cidade.
“Pois ben”, continuou José Tomé, “con este proxecto levaremos a cabo as actuacións necesarias para o acondicionamento, peche e urbanización parcial de dita parcela de titularidade municipal, que está situada nun entorno natural, nun dos meandros da marxe dereita do Río Cabe”.
Para elo, o Concello actuará sobre dúas parcelas que foron recentemente parceladas, unha de titularidade municipal cunha superficie de 6.654 m2 e outra de titularidade privada de 3.997 m2, na que se ubica un establo.
Para acadar o novo parcelamento, o Concello levou a cabo cesión ó titular desta parcela privada de 3.997 m2 dunha porción de terreo igual a que este cedeu ó Concello, de tal xeito que ambas parcelas dispoñen da mesma superficie total que a previa ó novo parcelamento.
“Con este proxecto adecuaremos a realidade física destas dúas parcelas ó novo parcelamento, de tal xeito que a parcela municipal linde polo leste coa vía de acceso á Área Recreativa de Cobas para que poida servir para ampliar a citada Área e o seu aparcadoiro, así como mellorar a accesibilidade á mesma”.
Eliminarase así toda a estrutura de peche que rodea ó establo, así como o propio establo, e este terreo será engadido ó resto da parcela municipal.
Para elo, construirase un novo peche dacordo cos novos límites entre a parcela municipal e a parcela lindeira polo oeste; ampliarase a vía de acceso á area recreativa, e tamén se ampliará o aparcadoiro existente, dotándoo de 13 prazas máis de aparcamento para turismos, que se engadirán ás 15 prazas xa existentes, polo que o novo aparcadoiro contará cun total de 28 prazas.
Na nova zona da parcela municipal destinada a espazo libre e zona verde, aportarase terra vexetal e sementase novamente con céspede.
Para esta actuación que suporá unha mellora considerable para o Parque de Cobas, o Goberno de José Tomé destinará un investimento de 45.153,90 €.
A mellora na Ponte de madeira do Malecón foi adxudicada á empresa IDM Timber Engeineering SLU, empresa de Ponferrada especializada neste tipo de infraestruturas, e as outras 3 actuacións, foron adxudicadas á empresa Ovisa; as catro supoñen un orzamento global de preto de 200.000 euros.
O Alcalde concluíu a súa intervención anunciando que “en próximas datas, iremos dando a coñecer outros proxectos importantes para seguir mellorando a nosa cidade e tamén o conxunto do Concello. Como ven, continuamos así co desenvolvemento dun ambicioso programa de mellora de infraestruturas viarias da nosa cidade e das nosas parroquias, porque este é un compromiso que eu como Alcalde teño adquirido cos monfortinos e coas monfortinas dende o principio do meu mandato, e non olvidamos a ningunha parroquia, nin a ningún barrio de Monforte de Lemos”.