O Alcalde da a coñecer o Programa Deportivo de Verán, que oferta 814 prazas, o maior número dos últimos anos

Monforte de Lemos, 14 de maio de 2022. O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, informa da posta en marcha do “Programa Deportivo de Verán do Concello de Monforte 2022”, que nesta edición está composto por composto por catro actividades deportivas, engadindo unha máis con respecto ó ano 2021:

  • O Campamento de Verán.
  • O XVI Campus de Fútbol Cidade de Monforte – Real Club Celta de Vigo.
  • Cursos de natación na Piscina climatizada municipal.
  • Curso de Tenis, que é a novidade deste ano.

O Alcalde salientou que “dende o Equipo de Goberno, decidimos organizar unha nova edición deste programa xa tradicional na época de verán, motivados principalmente pola necesidade de conciliación familiar que teñen moitos monfortinos e monfortinas cada ano, especialmente no período estival, ademais para ofrecer ós nosos nenos e nenas unha actividade de verán divertida e saudable”.

“O noso obxectivo”, continuou Tomé Roca, “é facilitar a conciliación das familias no período de vacacións escolares, e, sobre todo, para que os nenos e nenas de Monforte poidan disfrutar das súas vacacións practicando as actividades que máis lles gustan”.

José Tomé Roca, destaca que “dende o Concello, fixemos un esforzo moi importante para poder manter a celebración destas actividades de verán, nas que ofertamos un total de 814 prazas, que é o número máis alto dos últimos anos que dende o Concello puxemos en marcha para as actividades de verán e que supoñen un incremento do 32% con respecto a 2021 (616), con 198 prazas máis ofertadas”.

 

PRINCIPAIS NOVIDADES

O Alcalde subliñou as principais novidades que o Equipo de Goberno decidiu aplicar nesta edición do Programa Deportivo de Verán.

No que se refire ó Campamento de Verán, “aumentamos o número de prazas ofertadas, con 72 prazas máis que na edición anterior (288), cun total de 360 prazas, o que supón un incremento do 25%”, sinalou José Tomé.

Tamén se incrementan do número de prazas a disposición dos servizos sociais de Monforte, que pasa de 4 a 8, o que supón un incremento do 100%.

“Das prazas ofertadas por quenda, reservamos 6 prazas para persoas con discapacidade superior ou igual ó 33%, 2 máis que o ano pasado, un 50% máis”.

Finalmente, tamén se mantén unha quincena máis de actividade no mes de agosto, “a pesares de que esta se establecera especificamente para a época máis dura da pandemia do Covid-19” explicou o rexedor monfortino.

Na XVI edición do Campus de Fútbol Cidade de Monforte – Real Club Celta de Vigo, a principal novidade está tamén no incremento do número de prazas ofertadas: 28 prazas máis que na edición anterior (72) o que supón un aumento do 38%, con 100 prazas en total.

Os Cursos de natación contarán cun total de 300 prazas o que supón un 17% máis que o ano pasado.

E polo que respecta á nova actividade incorporada este ano, os Cursos de tenis, contarán con 54 prazas novas de actividade.

 

CAMPAMENTOS DE VERÁN

O Campamento de Verán desenvolveranse, por terceiro ano consecutivo, nun período de tempo máis amplo do habitual, do 1 de xullo ao 12 de agosto.

Deste xeito, ó igual que en 2021, serán tres quincenas, cun total de 30 días de actividade, “polo que quero resaltar que facemos un esforzo considerable dende o Concello, esforzo que xa fixemos o ano pasado por mor da pandemia, e que este ano volvemos a facer, polo ben das familias e dos nenos e nenas de Monforte” salientou o Alcalde.

Neste senso, en anos anteriores, establecíanse 2 quincenas durante o mes de xullo, con 20 días de actividade. “Polo tanto, isto quere dicir que en 2022 aumentamos nun 30% a duración dos campamentos de verán”.

A distribución das 3 quendas será a seguinte, sempre de luns a venres, non festivos, de 10 a 14 horas:

  • A primeira, do 1 ó 15 de xullo.
  • A segunda do 18 ó 29 de xullo.
  • A última do 1 ó 12 de agosto.

“Esta distribución en 3 quendas” explicou José Tomé, “que comezou na edición do ano 2020, estivo motivada polas limitacións impostas pola pandemia do Covid-19. Na actualidade, podemos dicir que recuperamos a normalidade case na súa totalidade; por iso, o Concello de Monforte decide continuar ofertando as 3 quendas para dar así un servizo que chegue a moitas máis persoas, dada a súa demanda”.

O número de prazas ofertadas por quenda será de 120 prazas distribuídas en 8 grupos de traballo, o que establece unha ratio de 15 alumnos/as por monitor/a. 

En total, o número máximo de prazas que o Concello ofertará para o Campamento Deportivo de Verán será de 360 prazas, 72 prazas máis que en 2021, que foron 288, un 25% máis.

Das prazas ofertadas por quenda, reservanse 6 prazas para persoas con discapacidade superior ó 33%, 2 máis que o ano pasado, un 50% máis, e 8 prazas que se poñen a disposición dos Servizos Sociais do Concello de Monforte, o dobre que na edición anterior.

As actividades ofertadas, como en pasadas edicións combinarán accións multideportivas con obradoiros variados, e excursións diversas.  As actividades levaranse a cabo na área deportiva da Pinguela.

Nos campamentos poderán participar nenos e nenas de entre os 5 e os 12 anos de idade, que poderán realizar a preinscrición de xeito telemático a través da páxina web do Concello, a partir do luns 23 de maio.

No momento da preinscrición, as persoas interesadas poderán solicitar a participación entre 1, 2 ou 3 quendas e terán que asignarlle a orde de preferencia a cada unha delas.

Na asignación de prazas para a quenda preferente terán prioridade as persoas empadroadas no Concello de Monforte, así como persoas cuxos proxenitores estean ambos traballando e familias monoparentais.

Para a asignación do resto de quendas terán prioridade unicamente as persoas empadroadas no Concello de Monforte.

O prazo para levar a cabo esta preinscrición será entre o 23 e o 31 de maio de 2022. O 3 de xuño procederemos á publicación da lista de persoas preinscritas. No caso de que a demanda supere ó número de prazas ofertadas, levaremos a cabo un sorteo de prazas o 6 de xuño, e o 8 de xuño daremos a coñecer a lista de persoas admitidas así como a lista de espera.

A inscrición definitiva, coa aportación da documentación requirida, efectuarase entre o 9 e o 17 de xuño.

O custe da actividade será ó igual que en pasadas edicións de 51,75 euros por quincena para matrículas sen transporte e de 67,28 euros para aqueles nenos e nenas que necesiten transporte para achegarse ó seu campamento, xa que, ó igual que outros anos, seguiremos ofertando o servicio de transporte en autobús para todos aqueles que o necesiten. As familias numerosas terán un 50% de desconto.

 

XVI CAMPUS DE FÚTBOL CIDADE DE MONFORTE – R.C. CELTA DE VIGO

A actividade de este Campus, que con esta suma xa 16 edicións, celebrarase na primeira semana do mes de agosto, entre os días 1 e 5.

Trátase dunha actividade dirixida a nenos e nenas de entre 7 e 14 anos que, de igual xeito que para o Campamento Deportivo, poderán realizar a súa preinscrición online, entre o 23 e o 31 de maio.

O número de prazas ofertadas será de 100, que se distribuirán en 6 grupos de traballo, que son 28 máis que en 2021, polo tanto, un 38%  máis.

Á hora da adxudicación das prazas terán prioridade as persoas empadroadas en Monforte de Lemos.

 

CURSOS DE NATACIÓN NA PISCINA CLIMATIZADA MUNICIPAL

Estes cursos están dirixidos tanto a nenos e nenas como a persoas adultas e terán lugar durante os meses de xullo e agosto. Haberá cursos intensivos de 15 días con clases de luns a venres para categorías infantil e nenos, e cursos mensuais de dous días á semana para bebés e adultos.

-Para levar a cabo as inscricións nalgún dos cursos ofertados, as persoas interesadas deberán acudir á piscina climatizada municipal: as persoas aboadas a partir do 20 de xuño, e a partir do 23 de xuño, as non aboadas.

Estes cursos de natación contarán cun total de 300 prazas, fronte ás 256 ofertadas o ano pasado, é dicir, son 44 prazas máis, o que supón un 17% máis. Por meses, ofertaranse 180 no mes de xullo e 120 no mes de agosto..

 

NOVA ACTIVIDADE: CURSOS DE TENIS

Este ano 2022 será novidosa a organización de Cursos de tenis que se desenvolverán entre o 1 e o 12 de agosto.

En total son 54 prazas, dirixidas a nenos e nenas de entre 6 e 12 anos, que se ofertan repartidas en tres quincenas, do mesmo xeito que os campamentos deportivos.

As clases terán lugar nas Pistas de Tenis municipais da Pinguela e levaranse a cabo os martes e os xoves.