O Alcalde informa que as obras para arranxar a Ponte de Piñeira avanzan segundo o previsto

Monforte de Lemos, 14 de outubro de 2022. O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, informa de que os traballos de construción do novo pilar da ponte de Piñeira avanzan segundo o previsto, logo de que se iniciaran os mesmos no mes de setembro tras a conclusión dos pertinentes informes técnicos.

Estas actuacións consisten na reposición do pilar nº2 da ponte, logo de que esta estrutura fora pechada ó tráfico e ós peatóns a finais do pasado mes de xuño, tras detectarse unha deficiencia en dito pilar.

O pasado mes de xuño, tras detectar o Concello deficiencias neste pilar da ponte de Piñeira que podían poñer en perigo ós seus usuarios, o Alcalde decidiu decretar o seu peche, tanto ó tráfico de peatóns como de vehículos, co obxecto de levar a cabo os estudos pertinentes encamiñados a analizar polo miúdo a deficiencia do pilar, así como revisar o seu estado xeral, para proceder á súa reparación.

-“Tras seren executados os correspondentes traballos de enxeñería a cargo da empresa Extraco e do director de obra designado polo Concello, traballos necesarios para determinar a situación do pilar da ponte e para darlle unha solución á deficiencia dectectada, levouse a cabo a colocación de micropilotes nunha profundidade de 9 metros, con cimentación para estabilizar o terreo, e nestes momentos estase a proceder á construción do novo pilar, logo da retirada do anterior,coa mesma forma dos pilares existentes”, subliñou o Alcalde.

Tal e como anunciara o rexedor monfortino hai unhas semanas, os traballos estarán rematados na súa totalidade, si as circunstancias do tempo o permiten, aproximadamente a finais do mes de outubro.

Debido a que as obras foran contratadas por emerxencia, o custe das actuacións estímase segundo os técnicos, en 200.000 euros máis ive, o que ascenderá a 242.000 euros aproximadamente.

”Unha vez estean rematadas as obras de arranxe da ponte de Piñeira”, concluíu o Alcalde, procederemos ó restablecemento do tráfico de vehículos e de persoas, previsiblemente en novembro, unha vez que estea endurecido o novo pilar”.

 

Diagnose do estado do pilar da ponte

Deste xeito, os traballos de enxeñería mencionados polo Alcalde, comprenderon a inspección da ponte, así como o levantamento topográfico do cauce, a elaboración dun estudo hidrolóxico, a emisión dun informe xeotécnico e o correspondente proxecto técnico da reconstrución do pilar afectado.

En concreto, os informes emitidos indican que se produciu un descalce da cimentación que provocou un asento e un xiro do pilar, que tivo como consecuencia a perda de apoio entre o taboleiro e dito pilar.

Esta perda de apoio “obrigou ó corte da vía, xa que o vano resultante conta co dobre de luz que os vanos iniciais, non tendo a capacidade estrutural necesaria para soportar as cargas do tráfico, nin estando garantida a capacidade estrutural baixo o propio peso”, indica o informe.

    

    

 

Traballos de reposición do pilar

Unha vez analizada a situación da ponte e emitidos os pertinentes informes, trala revisión de estrutura e coa conformidade das administracións autonómica e do Estado, competentes na materia, os traballos que se están a levar a cabo para a reparación da ponte son os seguintes.

1.- Desvío do cauce a través dos vanos da marxe esquerda do río Cabe:

Para elo execútanse as seguintes accións:

  • Colocación de barreiras antiturbidez
  • Desbroce das marxes.
  • Retirada de material existente na marxe esquerda para a recuperación do ancho  orixinal, alcanzando a capacidade necesaria para o desvío.
  • Formación de camiño de acceso a través da área recreativa.

2.- Formación de plataforma de traballo, con recheo de escollera:

A construción desta plataforma é necesaria para:

  • Apeo do correspondente taboleiro.
  • Execución dos sondeos necesarios para a caracterización do solo, para a elección da solución máis axeitada para as condicións da cimentación co obxecto de reconstruír o pilar.

3.- Colocación de cimbra de apeo do taboleiro:

Esta colocación lévase a cabo en dous puntos situados antes e despois do pilar dúas, co que se permitirá a execución dos traballos necesarios para a reconstrución do pilar afectado.

4.- Execución da cimentación profunda mediante micropilotes e encepado, nunha profundidade de 9 metros para estabilizar o terreo, sobre a que se construirá de novo o pilar, coa mesma forma dos pilares existentes.

5.-Reposición ao estado inicial do cauce do río Cabe:

Unha vez levada a cabo a cimentación profunda do pilar, procederase á:

  • Retirada da delimitación do canal de derivación da marxe esquerda
  • Retirada da cimbra
  • Retirada da escollera da marxe dereita
  • Restauración do cauce do río.
  • Restauración da zona de acceso á ponte, de persoas e vehículos.