O Alcalde inaugurou as actuacións de mellora que renovaron a Pista Polideportiva da Compañía

Monforte de Lemos, 9 de abril de 2022. O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, inaugurou na tarde de onte venres 8 de abril as actuacións de mellora que o Concello acometeu na Pista Polideportiva da Compañía, e que forman parte do programa do Equipo de Goberno para a mellora de instalacións e infraestruturas municipais, neste caso, do eido deportivo.

O rexedor monfortino destacou que “esta nova actuación permítenos contar dende hoxe nesta pista polideportiva cun pavimento de céspede artificial totalmente renovado. Tamén melloramos a malla metálica desta instalación deportiva municipal, que é moi utilizada por atoparse nunha zona moi céntrica da cidade, á que tamén dotamos de  2 porterías antivandálicas e 4 canastras de baloncesto novas”.

Esta obra de mellora fora adxudicada hai unhas semanas á empresa Calfensa SL, e contou cun orzamento de 48.279 euros, provintes de fondos municipais. A pista polideportiva xa quedou aberta dende onte para o disfrute dos seus usuarios.

“Con esta actuación, completamos as accións de mellora que dende o Concello levamos a cabo na zona da Compañía, e que significaron a construción dunha pista de Skate (64.737,42 euros €), a consecución dun novo Parque Infantil (145.164,91€) e a mellora da fonte cibernética da praza da Compañía (51.532,33€), polo que o investimento total que destinamos para mellorar a que é unha das zonas de esparcemento e lecer máis utilizadas da cidade, alcanza os 310.000 euros (309.713,66€)”, subliñou o Alcalde.

No acto de apertura da renovada pista polideportiva da Compañía, o Alcalde estivo acompañado pola 1ª Tenente de Alcalde, Gloria Prada, o concelleiro de Deportes, José Manuel Mougán, de Obras, Medio Rural e Servizos, José Luís Losada, de Tecnoloxía e Innovación, Guillermo Díaz, de Medio Ambiente, Miguel Tomé, e a concelleira de Consumo, Regina López, así como polo técnico municipal de Deportes, Óscar Rodríguez e representantes da empresa encargada de levar a cabo as actuacións en dita pista.

 

Renovación da Pista Polideportiva da Compañía

A Pista Polideportiva obxecto desta mellora atópase dentro do parque da Compañía, que se ubica na zona centro do casco urbano de Monforte.

A actuación ideada polo Concello para a renovación desta pista polideportiva ó aire libre, consistiu na reparación e corrección de baches de soleira de formigón, na renovación do seu pavimento de céspede artificial e renovación e mellora de malla metálica, así como na instalación de renovados elementos de xogo, como son 4 canastras e 2 porterías antivandálicas.

A obra iniciouse coa retirada do anterior pavimento de céspede artificial, co seu recheo de area, deixando ó descuberto a actual soleira de formigón sobre a que se apoia. Continuou coa homoxeneización da superficie da soleira, por medio da aplicación de leitada bituminosa “Slurry” nas zonas que presentasen irregularidades. Acabado o anterior, colocouse un novo pavimento de céspede artificial, sobre soporte de polipropileno e lastrado de area, co marcado das liñas de xogo.

Ademais, nas proteccións metálicas de detrás das porterías renovouse a antiga malla metálica e mellorouse o estado dos tubos de suxeición desta, por medio do lixado e pintado dos mesmos.

Finalmente, procedese a instalación de 2 novas porterías antivandálicas e de 4 canastras de baloncesto.