Monforte de Lemos, 14 de outubro de 2022. O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, inaugurou na tarde de hoxe a Reunión de Consenso do Grupo Galego de Coloproctoloxía da Sociedade de Cirurxía de Galicia (SOCIGA) que acolle ata mañá sábado 15 de outubro o Parador de Turismo e que xira arredor da investigación sobre o cancro de recto.
Esta importante reunión de médicos e investigadores aborda, a través de diferentes conferencia e mesas redondas diferentes aspectos sobre a cirurxía do cancro de recto, definición e medición de tumores ou tratamento de pacientes, entre outros temas.
Na inauguración das xornadas, que tivo lugar ás 18:45 h., o rexedor monfortino estivo acompañado polo Presidente da Sociedade de Ciruxía de Galicia, José Conde Vales, o Coordinador da Reunión de Consenso “Cancro de recto”, José Enrique Casal Núñez, e o Coordinador do Grupo Galego de Coloproctoloxía, Alberto Parajó Calvo.
O Alcalde deu a benvida ós 30 poñentes e asistentes, provintes de diversas cidades de Galicia, e entre os que se atopan xefes de servizo de cirurxía xeral dos 7 hospitais galegos, manifestou ó seu apoio a este tipo de encontro pois “dende o Equipo de Goberno deste Concello mantemos un compromiso e unha aposta firmes pola Sanidade Pública, porque cremos que, os servizos públicos básicos, como é a Sanidade, son a garantía dos dereitos das persoas”.
O rexedor municipal aproveito a súa intervención para animar ós asistentes a disfrutar de Monforte e da Ribeira Sacra e descubrir a súa riqueza cultural, patrimonial, paisaxística e gastronómica.
Neste senso, José Tomé, salientou que “para o Concello de Monforte é unha satisfacción, poder volver a acoller na nosa cidade reunións e congresos desta índole, pois non so traen coñecementos, tan necesarios para a saúde dos nosos cidadáns, senón que tamén xeran actividade entorno á hostalería e ó comercio, e permítennos dar a coñecer o encanto da nosa terra”.
Concluíu a súa intervención José Tomé, desexando “que esta reunión serva para avanzar nos traballos de investigación e de coñecemento que permitan avanzar na prevención e na curación desta enfermidade”, e recoñecendo a labor destes médicos e investigadores “porque sabemos do enorme mérito do traballo que levan a cabo, moitas veces invisible, pero sempre necesario e insubstituíble.”
Esta reunión de consenso arredor do cancro de recto, que deu comezo ás 4 da tarde, terá continuidade durante toda a mañá deste sábado 15 de outubro.
Descarga Programa completo en:
Programa_Reunion_Consenso_Cancro_Recto_GGCP_SOCIGA_Monforte_2022.pdf