O Alcalde inaugura o novo local social de Probeiros, que dará servizo ós veciños da parroquia de A Parte

Monforte de Lemos, 30 de maio de 2022. O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, ven de inaugurar o novo local social de Probeiros, que servirá para que os veciños da parroquia de A Parte poidan desenvolver as súas actividades formativas e de ocio, nunhas instalacións modernas e dotadas de todos os servizos necesarios.

O Alcalde manifestou que “o compromiso que mantemos dende o Equipo de Goberno cos monfortinos segue a ser firme, e apostamos por dotar de novos servizos e infraestruturas, neste caso, as parroquias do rural, como é o caso de A Parte, que dende hoxe conta cun novo local social para uso e disfrute de todos os veciños e veciñas desta parroquia”.

Na inauguración do novo local social, José Tomé estivo acompañado pola primeira Tenente de Alcalde, Gloria Prada, o Concelleiro de Obras, Medio Rural e Servizos, José Luís Losada, así coma unha trintena de veciños e veciñas da parroquia, que acudiron a coñecer as instalacións da nova edificación.

 

Novo local social en Probeiros cunha inversión de 90.000€

A construción deste novo local social en Probeiros foi executada polo Concello de Monforte en dúas fases.

Nunha primeira fase, desenvolta en xaneiro 2021, levouse a cabo a construción da estrutura do novo edificio, dotándoo dunha pranta de 11 m. de longo por 7 m. de ancho, á que se lle engadiu a construción dun porche de 1,50 m. de fondo ó longo de toda a fachada principal, onde se situou a porta de acceso ó local e diverdas ventás.

Tamén, dotouse á nova edificación dunha cuberta a dúas augas con tella cerámica curva e unha pendente do 30%.

Nesta primeira fase, o Equipo de Goberno destinou unha inversión de 44.189,18 euros.

Nunha segunda fase, iniciada en maio de 2021, levouse a cabo a preparación da súa planta baixa para destinala a local social.

Así, dentro desta planta baixa, nun amplo espazo diáfano procedeuse á construción dunha cociña completa (dotada de frigorífico, encimeira, fregadeiro, mobles, placa vitrocerámica, campá estractora e termo eléctrico), dunha zona de aseos (con 2 inodoros e tres lavabos), e un espazo para reunións, no que se ubicou unha pantalla de televisión. Este espazo, destinado a albergar xuntanzas e actividades de todo tipo, tamén foi dotado con mesas e bancos corridos.

Ademais, nunha zona próxima ó edificio, instalouse unha foxa con pozo filtrante para o tratamento das augas residuais e o local tamén foi dotado da correspondente instalación eléctrica.

Para esta segunda fase destinouse un investimento de 44.189,18 euros. Ambas fases foron desenvoltas pola empresa Couso Souto S.L.

En total, o investimento destinado polo Concello para dotar dun novo local social á parroquia de A Parte, foi de case 90.000 euros (87.870,12€).

O Alcalde, José Tomé Roca, destaca que con esta actuación “seguimos levando a cabo obras de mellora nas parroquias da cidade, e neste caso, dotando dunha nova e importante infraestrutura mediante a cal os veciños e veciñas de Probeiros, na parroquia de A Parte, dispoñen xa dun novo local social no que desenvolver actividades formativas e de ocio e lecer”.