Monforte de Lemos, 6 de novembro de 2022. O Alcalde de Monforte de Lemos, José Tomé Roca, acompañado pola 1ª Tenente de Alcalde, Gloria Prada, e os Concelleiros de Deportes e Servizos, José Manuel Mougán e José Luis Losada, ademais do Presidente do Club Lemos, Óscar Manuel López, inaugurou na tarde de hoxe o novo céspede do Campo municipal de fútbol de A Pinguela, logo de que remataran a obras de renovación do terreo de xogo de dito campo.
O rexedor monfortino recordou que “esta foi a primeira actuación deste tipo que se acometeu no Campo da Pinguela dende a súa inauguración no ano 1999, e gracias a ela dende o Equipo de Goberno vimos de mellorar significativamente estas instalacións e os servizos que nelas ofertamos”.
A obra consistiu na renovación total do terreo de xogo do campo, para o cal retirouse a cuberta vexetal de toda a superficie de céspede, e posteriormente realizouse un sementado en toda a área de xogo.
Este proxecto de mellora enmárcase dentro das actuacións en instalacións deportivas do Concello que está levando o Equipo de Goberno, e que inclúe o campo dos PP Escolapios así como o Campo Municipal de Fútbol Luís Bodegas.
A empresa que levou a cabo a obra de mellora no Campo municipal da Pinguela foi “Calfensa Proyectos S.L.” e o Concello destinou un orzamento de 48.309,25 €.
Logo do acto inaugural, no que tamén tivo lugar a actuación do grupo monfortino Batukada Creativa, foi o partido entre o Club Lemos e a Sarriana, o encargado de estrear o novo céspede.
Mellora do terreo de xogo do Campo municipal da Pinguela
As actuacións que se levaron a cabo foron as seguintes:
1. Traballos previos:
- Levantamento topográfico: estudos preliminares e replanteos.
- Desmontaxe de porterias para posterior colocación.
- Desmontaxe do sistema de rego para posterior colocación.
2. Movemento de terras:
- Retirada da cuberta vexetal do terreo a unha profundidade de 3,5 – 4 cm.
- Descompactación do terreo a unha profundidade de 15 – 20 cm.
3. Capa de enraizamento:
- Suministro, extendido, nivelación e compactación de area 0,1 – 2,5 mm de natureza silícea, para formación de capa de enraizamento.
4. Preparación do terreo e sembra:
- Preparación, laboreo, compactación e nivelación superficial do terreo.
- Semente de fórmula específica de céspede para a práctica deportiva.
- Aboado de fondo e de cobertura.
- Tratamento necesario con productos fitosanitarios.
- Replanteo e pintado das liñas do terreo de xogo.