Monforte de Lemos, 22 de outubro de 2022. O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, ven de inaugurar, na Casa da Cultura Poeta Lois Pereiro, a exposición que o Concello, xunto á Red de Juderías de España, Caminos de Sefarad, organizou baixo o título "Cociña Histórica Sefardí- Sabores e aromas de Sefarad".
“Con esta exposición de fotografías e paneis”, destacou José Tomé Roca, “propoñemos unha viaxe no tempo para coñecer a historia da gastronomía xudioespañola e para elo tomamos coma referencia o libro Sabores de Sefarad escrito por Javier Zafra”.
"Cociña Histórica Sefardí- Sabores e aromas de Sefarad ", consta de 27 láminas informativas de 115x62 cm. e vai acompañada dunha aplicación web que traduce os textos de cada lámina, que poden lerse ou escoitarse en audio.
No acto inaugural, o Alcalde estivo acompañado pola 1ª Tenente de Alcalde, Gloria Prada, e o Concelleiro de Obras, Medio Rural e Servizos, José Luís Losada.
A exposición permanecerá aberta na Casa da Cultura Poeta Lois Pereiro do ata o 4 de novembro.
Cociña Histórica Sefardí- Sabores e aromas de Sefarad
Falar de cociña medieval, xa sexa hebrea, cristiá ou musulmá, leva implícito falar de mulleres. Elas mantiveron viva a chama do fogar e a custodia dos receitarios arcanos, legados das súas nonas e das súas nais, incluso das súas sogras.
A cociña sefardí é diaspórica e foi asimilando a maneira de guisar e os alimentos das civilizacións peninsulares coas que conviviu: dende os fenicios, unha cociña mariñeira, a «Tétrada Íbera», a «Tríada Mediterránea» da tradición grecorromana e a “Revolución Verde Andalusí”, onde a cociña evolucionou ata converterse en gastronomía.
Tras a expulsión en 1492, a influencia viría da cociña arabizada do Imperio Otomán e doutras comunidades xudías do Mediterráneo.
A Red de Juderías de España, no seu labor de investigación, recuperación, divulgación e promoción da cultura sefardí, desenvolveu esta mostra dedicada á gastronomía histórica sefardí, entre cuxos obxectivos está non só o dispoñer dunha fonte contrastada e documentada sobre todos os aspectos da cociña: os ingredientes, receitas, usos e normas e características desta cociña, senón especialmente en como difundila para que coñezamos as conexións e volva a entrar nas nosas cociñas, recoñecendo as peculiaridades desta cociña e desta cultura.