Monforte de Lemos, 19 de outubro de 2022. O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, inaugurou na mañá de hoxe o Congreso Internacional: VII Conde de Lemos no IV Centenario da súa morte (1622-2022) que acolle ata este venres 21 de outubro a Casa da Cultura Poeta Lois Pereiro de Monforte e porá en valor a figura de D. Pedro Fernández de Castro e Andrade.
Este importante encontro internacional abordará, a través de investigadores e especialistas no VII Conde de Lemos diversos aspectos relativos ó legado deixado por este nobre en Galicia e Monforte, así como a súa importancia dentro da historia de España.
Na inauguración das xornadas, o rexedor monfortino estivo acompañado pola Catedrática en Historia, especialista no VI Conde de Lemos e presidenta do comité organizador deste congreso, a monfortina Manuela Sáez González, a Directora do Centro Asociado á UNED en Lugo, Ana Belén Traseira Pena e a Profesora titular do Departamento de Historia da Arte da UNED, Diana Carrió Invernizzi.
O Alcalde deu a benvida ós poñentes e asistentes, provintes de toda Galicia, así como diversos puntos de España e Italia e destacou a importancia deste encontro académico “que sen dúbida aportará novos datos históricos arredor dunha das figuras máis sobresaíntes da Idade Moderna en Galicia, e que serve ademais para conmemorar o 400 aniversario da morte de Don Pedro, que exactamente se cumpre hoxe, pois foi o 19 de outubro de 1622 cando o Conde faleceu no seu palacio de Madrid.”
José Tomé agradeceu “á UNED, e en especial a Dª Manuela Sáez, o seu empeño e interese por organizar e celebrar este congreso en Monforte, como non podía ser doutra maneira, pois o VII Conde de Lemos foi un dos artífices do que é esta cidade hoxe en día. É moito o que os monfortinos e os galegos lle debemos a Don Pedro.”
Importancia do VII Conde de Lemos Monforte
O Alcalde monfortino fixo tamén na súa intervención un esbozo da da importancia que ten o VII Conde de Lemos sendo dos principais nobres da súa época en Galicia e España.
Grande de España, vicerrei de Nápoles, presidente do Consello Supremo de Italia e alguacil maior do Reino de Galicia, foron só algúns dos seus cargos. Destacou polas súas cualidades como estadista, como intelectual e mecenas, consolidando a tradición na familia dos Castro, honrada tamén polo seu tío, o Cardeal Rodrigo de Castro.
José Tomé salientou que “Don Pedro deixou boa proba do seu amor por Monforte. Sempre respaldou á comunidade das Clarisas, á que a súa viúva, Dª Catalina de la Cerda y Sandoval, lle construíu logo da súa morte un novo convento”.
Converteu o palacio condal nunha sorte de museo e academia literaria, onde se podían apreciar as súas coleccións de arte, perdidas no incendio de 1672, e debater sobre cultura”.
“Sen dúbida”, subliñou o Alcalde, “o carácter monumental de Monforte e a súa importancia na historia de Galicia non terían acadado a mesma relevancia sen a súa figura”.
Xunto coa súa formidable carreira pública, Pedro Fernández de Castro foi un home dunha vasta cultura. Foi xeneroso mecenas da ciencia, da arte, da música ou do teatro, foi protector dun bo número de grandes escritores do Século de Ouro, como Cervantes (quen adicou ó Conde a segunda parte do Quijote), Lope de Vega, Luís de Góngora (quen adicou un fermoso soneto a Monforte de Lemos) ou ós irmáns Argensola.
A través de múltiples cartas, poemas e dedicatorias, é posible comprobar o aprecio que toda a elite intelectual sentía cara ó noso Conde. Estes escritos revelan unha forte amizade entre eles, que transcendía a pura relación entre mecenas e artista.
Tamén foi coleccionista de criterio e autor de obras de sátira política. Súa é a imaxe que identifica ó pobo galego cun buho sabio que fala coas outras aves que representan ós reinos de España.
Promoción de Monforte e da Ribeira Sacra
O rexedor municipal aproveito a súa intervención para animar ós asistentes a disfrutar de Monforte e da Ribeira Sacra e descubrir a súa riqueza cultural, patrimonial, paisaxística e gastronómica.
Fixo así un repaso polos principais valores artísticos e patrimoniais cos que conta a cidade, incidindo naqueles espazos que gardan relación co VII Conde, como o Conxunto Monumental do monte de San Vicente coa Torre da Homenaxe, o Casco Histórico Medieval, o Museo das Clarisas ou os Escolapios.
Tampouco esqueceu poñer en valor a Ribeira Sacra a través do “Miradoiro do Duque no Canón do Sil, situado xusto encima do embarcadoiro Ponte do Sil, de onde saen os catamaráns da Deputación de Lugo que me honra presidir, para descubrir a través del a beleza e a maxestuosidade dos viñedos da Ribeira Sacra, fronte a Castro Caldelas”. E resaltou o valor gastronómico da zoa así coma os “nosos viños con denominación de orixe Ribeira Sacra, que criados en barrica, compiten con calquera outra denominación de orixe, serán un complemento imprescindible para completar a súa estancia con nos”.
Concluíu a súa intervención José Tomé, desexando ós asistentes ó Congreso “que aproveiten ó máximo este congreso, e agradézolles a poñentes e investigadores as que sen dúbida serán novas e importantes achegas arredor dun das figuras máis sobranceiras de toda a nosa historia, para que, como monfortinos e monfortinas, poidamos presumir con orgullo do legado que nos deixou o VII Conde de Lemos.”
PARA SEGUIR O CONGRESO EN DIRECTO: https://youtu.be/OQxE_eOur_M
Descarga Programa completo en: