Monforte de Lemos, 22 de xaneiro de 2022. O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, participou durante o transcurso da feira Fitur nun acto promocional no stand da Red de Juderías, no que estivo acompañado pola primeira Tenente de Alcalde, Gloria Prada, e a xerente da Red, Marta Puig.
O Alcalde puxo en valor a aposta decidida que o Concello leva facendo ó longo dos últimos anos por dar a coñecer e promocionar o pasado xudeu da cidade, dende que Monforte entrou a formar parte da Rede de Xudarías no ano 2001.
No mesmo senso, o rexedor monfortino aproveitou para salientar en Fitur a crecente potencialidade que a Ribeira Sacra e Monforte de Lemos, están tendo como destinos turísticos en auxe.
“Monforte e a Ribeira Sacra, da que a cidade é capital, están de moda, algo que é froito dun traballo intenso e ben feito de moitos ano, o cal fai que hoxe sexan un dos principais destinos escollidos polos turistas cando visitan Galicia”.
Neste senso, Monforte e a Ribeira Sacra son actualmente un dos destinos turísticos máis solicitados de Galicia, “o que dá boa mostra do noso potencial e do actual incremento da afluencia turística que estamos tendo nos últimos anos. Proba diso, é que a Ribeira Sacra ocupa o primeiro posto no ranking da Xunta dos 10 lugares únicos en Galicia”, destacou Tomé Roca.
O rexedor monfortino tamén subliñou a importancia que ten, como ferramenta de promoción, a Guía das Xudarías Galegas, que foi presentada o pasado mes de xullo de 2021 pola Red de Juderías en Santiago de Compostela, coa presencia do Alcalde monfortino, e presentada onte en Fitur, onde a xudaría de Monforte é protagonista xunto ás cidades de Tui e Ribadavia, que son as outras dúas cidades galegas que están integradas nesta Rede polo seu patrimonio xudeu.
Promoción no stand da Asociación Castillos y Palacios de España
O Alcalde tamén aproveitou a súa visita a Fitur para participar nun acto promocional no stand da Asociación Castillos y Palacios de España, á que pertence o Concello de Monforte, a través da Torre da Homenaxe, onde mantivo un encontro de traballo co presidente de dita Asociación, Javier Fitz-James Stuart, co que departiu sobre a oferta e o potencial turístico de Monforte e da Ribeira Sacra.
Desta forma, José Tomé resaltou “a potencialidade da Torre da Homenaxe, un dos emblemas máis selleiros da cidade de Monforte que se erixe na cima do val de Lemos presidindo o Conxunto monumental de San Vicente do Pino, e que é ademais un miradoiro privilexiado, e lugar de visita por excelencia de todos os que se achegan á nosa cidade”.