Monforte de Lemos, 15 de decembro de 2022. O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, acompañado polos Concelleiros de Servizos, José Luis Losada, e de Medio Ambiente, Miguel Tomé, asistiu hoxe á XXII Mostra de Panxoliñas para Centros de Ensino do Concello de Monforte de Lemos, organizada dende a Concellería de Cultura, e na que nenas e nenos de Infantil e Primaria de diferentes centros de ensino da cidade interpretaron composicións musicais de Nadal.
A Concelleira de Cultura, Marina Doutón, foi a encargada de presentar as actuacións dos distintos centros educativos, acompañada en cada caso por alumnos e alumnas de cada un deles.
A mostra, que se desenvolve en todas as edicións con grande éxito, chegou este ano á súa vixésima segunda convocatoria, e encheu novamente o auditorio do Edificio Multiusos de público.
A última edición deste certame foi en 2019, e por mor da pandemia da Covid-19, non se puido volver celebrar ata o presente ano.
Nesta 22ª edición os centros de ensino participantes foron o Colexio PP. Escolapios, a Fundación Educativa Torre De Lemos e o Colexio P. Ferroviario.
Tras as 5 actuacións a cargo de alumnos e alumnas de infantil e primaria, o Alcalde obsequiou a cada centro cun trofeo conmemorativo da ocasión.