Monforte de Lemos, 13 de maio de 2022. O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, ven de informar que o Concello abrirá mañá sábado 14 de maio o prazo de presentación de ofertas para a licitación do contrato do Servizo de Axuda no Fogar (SAF).
“Trátase dun investimento que alcanza os 3.201.277,64 euros (IVE incluído) para un contrato de 2 anos polo que dende o Concello facemos un esforzo moi importante para desenvolver este servizo social, como é o Servizo de axuda no Fogar”, destaca o Alcalde.
Neste senso, para este ano en curso, a partida que o Concello destinará para o SAF supón 1,6M€, o que significa o 10,75% do orzamento anual do exercicio 2022.
Dende o Goberno de José Tomé, traballouse concienzudamente na elaboración das bases para a licitación deste contrato, dada a importancia e relevancia social que ten, e para elo levouse a cabo unha análise pormenorizada e diversos estudos económicos, a fin de poder ofrecer un servizo o máis completo posible para as persoas que no necesitan.
O prazo para a presentación de ofertas a este servizo, logo da súa publicación hoxe na Plataforma de Contratos do Sector Público, estará aberto ata o 13 de xuño de 2022.
Obxecto do contrato
O obxecto deste contrato do SAF é a realización do servizo de axuda no fogar do Concello de Monforte de Lemos, na modalidade de libre concorrencia e de dependencia, entendido tecnicamente como un servizo integral, polivalente, e comunitario, orientado a unidades familiares que presentan dificultades para a realización das actividades elementais da vida diaria, proporcionándolles atención, mediante intervencións específicas que favorezan a súa permanencia e integración no seu entorno habitual, e compensen a súa restrición de autonomía funcional.
As bases deste prego de contratación foron confeccionadas dacordo coas prescricións técnicas elaboradas polo departamento de servizos sociais.
O contrato definido ten a cualificación de contrato administrativo de servizos, de acordo co artigo 17 da Lei 9/2017, de 8 de novembro, de Contratos do Sector Público, pola que se traspoñen ao ordenamento xurídico español as Directivas do Parlamento Europeo e do Consello 2014/23/UE e 2014/24/UE, de 26 de febreiro de 2014.
Adxudicación por procedemento aberto
A forma de adxudicación do contrato será o procedemento aberto, no que todo empresario interesado coa habilitación necesaria como entidade prestadora do servizo poderá presentar unha proposición, quedando excluída toda negociación dos termos do contrato cos licitadores.
A adxudicación do contrato realizarase utilizando unha pluralidade de criterios de adxudicación en base á mellor relación calidade-prezo.
Prezo base de licitación e orzamento
O prezo base de licitación fíxase en termos unitarios (prezo/hora).
Para o servizo básico, en horario ordinario, o prezo hora de licitación é de 18,95€ (co IVE incluído do 10%), e de 21,80€ (co IVE incluído do 10%) en horario festivo.
Para o servizo de dependencia, en horario ordinario, o prezo hora de licitación é de 17,92€ (co IVE incluído do 4%), e de 20,61€ (co IVE incluído do 4%) en horario festivo.
En ningún caso o prezo da hora pode superar estes prezos, incluído desprazamento, e poderá ser mellorado á baixa polos licitadores.
O montante previsto de horas a contratar queda establecido nun total de 87.031,83 horas ó ano. Por modalidades, no servizo básico serán, en horario ordinario 16.108,73 horas/ano, e en horario festivo 217,55 horas/ano; no servizo de dependencia, en horario ordinario 61.921,14 horas/ano, e en horario festivo 8.784,41 horas/ano.
O orzamento base de licitación do contrato por dous anos ascende a 3.201.277,64 euros IVE incluído. Este prezo poderá rexistrar lixeiras variacións derivadas do redondeo ao segundo decimal na suma de cada unha das modalidades.
O prego inclúe ademais a posibilidade de dúas prórrogas dun ano cada unha polo que o valor estimado do contrato a 4 anos é de 6.402.555,28 ive incluído.
Poderán presentar proposicións as persoas naturais ou xurídicas, españolas ou estranxeiras, que teñan plena capacidade de obrar, non estean incursas en prohibicións de contratar, e acrediten a súa solvencia económica, financeira e técnica ou profesional, tal e como ese recolle nas bases do contrato.
Criterios de adxudicación
Para a valoración das proposicións e a determinación da mellor oferta atenderase a unha pluralidade de criterios de adxudicación en base á mellor relación calidade-prezo.
- Oferta económica: ata 50 puntos
- Proxecto técnico: ata 40 puntos.
- Planificación e organización do servizo: ata 20 puntos.
- Medios persoais: ata 10 puntos
- Soporte informático de xestión do servizo: ata 5 puntos
- Sistema de control presencial do persoal: ata 5 puntos
- Melloras: ata 10 puntos.
- Coordinador/a con diplomatura na área de servizos sociais: ata 3 puntos
- Persoal auxiliar administrativo: ata 2 puntos
- Préstamo de axudas técnicas: ata 2 puntos, onde se recolle a oferta de:
- Grúas de mobilización persoal
- Camas articuladas motorizadas con colchón adaptado
- Colchóns “anti escaras”
- Andadores
- Limpezas de choque e/ou profundidade en domicilio: ata 1 punto
- Horas anuais para atencións específicas complementarias: ata 1 punto:
- Podoloxía a domicilio
- Fisioterapia a domicilio s
- Terapia ocupacional a domicilio
- Servizo de transporte asociado a servizos de acompañamento: ata 1 punto.