O Alcalde anuncia a licitación do Servizo de Axuda no Fogar (SAF), para o que o Concello destina 3,3M€ en dous anos

Monforte de Lemos, 7 de outubro de 2022. O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, ven de informar que o Concello abriu o prazo de presentación de ofertas para a licitación do novo contrato do Servizo de Axuda no Fogar (SAF).

“Trátase dun investimento que alcanza os 3.351.482,40 euros (IVE incluído) para un contrato de 2 anos polo que dende o Concello facemos un esforzo moi importante para desenvolver este servizo social, como é o Servizo de axuda no Fogar”, destaca o Alcalde.

Neste senso, para este ano en curso, a partida que o Concello destinará para o SAF supón máis de 1,6M€ (1.675.741,20€), o que significa o 11% do orzamento anual do exercicio 2022.

Dende  o Goberno de José Tomé, traballouse concienzudamente na elaboración das bases para a licitación deste contrato, dada a importancia e relevancia social que ten, e para elo levouse a cabo unha análise pormenorizada e diversos estudos económicos, a fin de poder ofrecer un servizo o máis completo posible para as persoas que o necesitan.

O prazo para a presentación de ofertas a este servizo estará aberto  ata o 30 de outubro de 2022.

 

Obxecto do contrato

O obxecto deste contrato do SAF é a realización do servizo de axuda no fogar do Concello de Monforte de Lemos, na modalidade de libre concorrencia e de dependencia, entendido tecnicamente como un servizo integral, polivalente, e comunitario, orientado a unidades familiares que presentan dificultades para a realización das actividades elementais da vida diaria, proporcionándolles atención, mediante intervencións específicas que favorezan a súa permanencia e integración no seu entorno habitual, e compensen a súa restrición de autonomía funcional.

As bases deste prego de contratación foron confeccionadas de acordo coas prescricións técnicas elaboradas polo departamento de Servizos Sociais. Neste senso, o Alcalde destacou que “dende o Equipo de Goberno, traballamos concienzudamente na elaboración das bases para a licitación deste contrato dada a importancia e relevancia social que ten, tanto para os usuarios deste servizo, os nosos maiores, como para o persoal que traballa no servizo.”

O contrato definido ten a cualificación de contrato administrativo de servizos, de acordo co artigo 17 da Lei 9/2017, de 8 de novembro, de Contratos do Sector Público, pola que se traspoñen ao ordenamento xurídico español as Directivas do Parlamento Europeo e do Consello 2014/23/UE e 2014/24/UE, de 26 de febreiro de 2014.

 

Adxudicación por procedemento aberto

A forma de adxudicación do contrato será o procedemento aberto, no que todo empresario interesado coa habilitación necesaria como entidade prestadora do servizo poderá presentar unha proposición, quedando excluída toda negociación dos termos do contrato cos licitadores.

A adxudicación do contrato realizarase utilizando unha pluralidade de criterios de adxudicación en base á mellor relación calidade-prezo.

 

Prezo base de licitación e orzamento

O prezo base de licitación fíxase en termos unitarios (prezo/hora).

Para o servizo básico, en horario ordinario, o prezo hora de licitación é de 19,27€ (co IVE incluído do 10%), e de 22,16€ (co IVE incluído do 10%)  en horario festivo.

Para o servizo de dependencia, en horario ordinario, o prezo hora de licitación é de 18,22€ (co IVE incluído do 4%), e de 20,95€ (co IVE incluído do 4%) en horario festivo.

En ningún caso o prezo da hora pode superar estes prezos, incluído desprazamento, e poderá ser mellorado á baixa polos licitadores.

O montante previsto de horas a contratar queda establecido nun total de 89.777,74 horas ó ano. Por modalidades, no servizo básico serán, en horario ordinario 16.745,84 horas/ano, e en horario festivo 163,99 horas/ano; no servizo de dependencia,  en horario ordinario 64.860,95 horas/ano, e en horario festivo 8.007,05 horas/ano.

O orzamento base de licitación do contrato por dous anos ascende a 3.351.482,40 euros IVE incluído. Este prezo poderá rexistrar lixeiras variacións derivadas do redondeo ao segundo decimal na suma de cada unha das modalidades.

O prego inclúe ademais a posibilidade de dúas prórrogas dun ano cada unha polo que o valor estimado do contrato a 4 anos é de 6.702.964,80 ive incluído.

O Alcalde sinalou que “para chegar a este prezo tívose en conta tanto o custo da man de obra, é dicir, a retribución de todos os traballadores a subrogar,  incluíndo o incremento do IPC para o ano 2022, que ascende a 6,5%, que é a parte máis relevante do custo do contrato, así como de todos os custos laborais derivados do convenio colectivo de aplicación no ámbito autonómico, concretamente do II Convenio colectivo da actividade de axuda no fogar de Galicia.

Poderán presentar proposicións as persoas naturais ou xurídicas, españolas ou estranxeiras, que teñan plena capacidade de obrar, non estean incursas en prohibicións de contratar, e acrediten a súa solvencia económica, financeira e técnica ou profesional, tal e como ese recolle nas bases do contrato.

 

Criterios de adxudicación

Para a valoración das proposicións e a determinación da mellor oferta atenderase a unha pluralidade de criterios de adxudicación en base á mellor relación calidade-prezo.

  • Oferta económica: ata 50 puntos
  • Proxecto técnico: ata 40 puntos.
    • Planificación e organización do servizo: ata 20 puntos.
    • Medios persoais: ata 10 puntos
    • Soporte informático de xestión do servizo: ata 5 puntos
    • Sistema de control presencial do persoal: ata 5 puntos
  • Melloras: ata 10 puntos.
    • Coordinador/a con diplomatura na área de servizos sociais: ata 3 puntos
    • Persoal auxiliar administrativo: ata 2 puntos
    • Préstamo de axudas técnicas: ata 2 puntos, onde se recolle a oferta de:
      • Grúas de mobilización persoal
      • Camas articuladas motorizadas con colchón adaptado
      • Colchóns “anti escaras”
      • Andadores
    • Limpezas de choque e/ou profundidade en domicilio: ata 1 punto
    • Horas anuais para atencións específicas complementarias: ata 1 punto:
      • Podoloxía a domicilio
      • Fisioterapia a domicilio s
      • Terapia ocupacional a domicilio
    • Servizo de transporte asociado a servizos de acompañamento: ata 1 punto.

 

Obrigas da empresa adxudicataria

Dentro do prego de prescricións administrativas recóllese a obriga da empresa que resulte adxudicataria de cumprir a normativa laboral vixente en materia laboral e de seguridade social, quedando obrigada o adxudicataria, durante toda a vixencia do contrato, a cumprir coas condicións establecidas no convenio colectivo de aplicación. Polo tanto, é deber e obriga do contratista cumprir o disposto no convenio colectivo de aplicación para os seus traballadores.

A relación contractual do Concello de Monforte de Lemos será única e exclusivamente coa empresa adxudicataria, polo que o Concello non terá ningunha relación laboral cos traballadores que presten servizos na empresa adxudicataria.

Así mesmo, constitúese como causa de extinción do contrato o impago dos salarios ós traballadores así como o pagamento intempestivo dos mesmos.

 

José Tomé recordou que dende o Equipo de Goberno “levamos postas en marcha diferentes medidas sociais  como axudas para a eficiencia enerxética, aumento orzamentario para emerxencias sociais, actividades gratuítas para maiores e para o público en xeral, axudas a entidades sociais, etc..., ós que se engade este incremento do importe do contrato do Servizo de Axuda no Fogar, pasando de 11 €/hora a 19,27 €/hora, nesta nova licitación”.

“Este goberno pon primeiro ás persoas, e porque os nosos maiores deben ser atendidos como se merecen, licitamos este novo contrato de Axuda no Fogar por un importe importante e histórico neste Concello”, concluíu o Alcalde monfortino.