Os veciños da parroquia de A Parte contarán cun novo local social en Probeiros

Monforte de Lemos, 9 de xaneiro de 2021. O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, ven de anunciar que, tal como tiña comprometido cos veciños da parroquia de A Parte, a vindeira semana darán comezo as obras de reforma e mellora da edificación que acollerá o futuro local social de Probeiros.

O Concello de Monforte destina 44.189,18 euros a estas obras de mellora do conxunto da estrutura do actual edificio existente, que foron adxudicadas á empresa Couso Souto S.L. Para a execución dos traballos, que a continuación se describen, estímase un prazo de 10 semanas.

A parcela na que se ubica o edificio obxecto da reforma, sitúase en solo rústico de protección ordinaria e a edificación obxecto desta reforma ubícase nun dos laterais dunha pista de formigón existente.

O local conta cunha planta baixa de 11 metros de longo por 7 metros de ancho, que é sobre a que o Concello levará a cabo a rehabilitación, que será destinada a equipamentos públicos e como local social.

Coa rehabilitación desta planta, acadarase un local diáfano, que será preparado ademais para acoller nun futuro unha cociña e unha zona de aseos.

Do mesmo xeito, construirase un porche de 1,50 metros de fondo ó longo de toda a fachada principal, onde se situará a porta de acceso ó local e dúas ventás. No resto das fachadas distribuiranse outros ocos de ventás con fin de conseguir unha boa iluminación e ventilación. Finalmente, a cuberta desenvolverase a dúas augas con tella cerámica curva e unha pendente do 30%.

“O Concello de Monforte” destaca o Alcalde, “segue a levar a cabo obras de mellora nas parroquias da cidade, e neste caso, dotando dunha importante infraestrutura mediante a cal os veciños e veciñas de Probeiros, na parroquia de A Parte, disporán dun novo local social no que desenvolver actividades formativas e de ocio e lecer. O compromiso que mantemos dende o Equipo de Goberno cos veciños do Concello de Monforte segue a ser firme, e apostamos por dotar de novos servizos e infraestruturas, neste caso, as parroquias do rural”.

 

Rehabilitación do futuro local social de Probeiros

O Concello levará a cabo as seguintes actuacións no edificio existente en Probeiros co obxectivo de adecualo como novo local social municipal.

Cimentación: A cimentación da edificación resolverase con zapata corrida de formigón armado baixo muro de contención das capas que formarán a base e sub-base da soleira. Dita cimentación executarase enriba do firme do terreo resistente axeitado, unha vez feita a escavación necesaria para atopalo.

A soleira executarase con formigón armado con mallazo de aceiro sobre recheo de material seleccionado procedente da propia escavación, capa de encachado de grava, capa de area de río lavada e lámina impermeable de polietileno. Previamente á execución da soleira deixarase colocada a instalación de saneamento horizontal correspondente.

Cerramentos: Os cerramentos da edificación executaranse con dobre folla de fábrica de ladrillo con illamento de polistireno extruído e cámara de aire intermedios. O cerramento, de exterior a interior, estará integrado polos seguintes elementos: fábrica de ladrillo perforado colocado a medio pé, cámara de aire, illamento de polistireno extruído de 8 cm. e fábrica de ladrillo oco dobre colocado a tabicón. Tanto polo exterior coma polo interior, os cerramentos quedarán sen revestir ata próximas fases de actuación nas que se finalizará a obra.

Cuberta: A cuberta da edificación resolverase con dúas augas sobre estrutura portante de madeira laminada, formada por dúas tesoiras de par e pendulón sobre as que se disporán correas de madeira de pino tratado. O taboleiro da cuberta estará formado por panel sándwich, composto de: cara superior de taboleiro de aglomerado hidrófugo de 19 mm de espesor, núcleo illante de espuma de polistireno extruído de 100 mm de espesor e cara inferior de friso de abeto vernizado.  Sobre dito taboleiro colocarase unha lámina impermeable transpirable de polietileno estabilizado tipo “Tyvek”.

A cuberta  será de de fibrocemento de cor natural de 6 mm de espesura, tipo "Naturvex granonda", libre de fibra de amianto, sobre restreles de piñeiro galego.  A fixación das placas de fibrocemento, serán xuntas sempre sobre pontóns e colocados a distancias nunca superiores a 105 cm. Aplicarase un tratamento funxicida e anticouza da madeira colocada por todas as súas caras.

Posteriormente, levarase a cabo a cubrición sobre placa ondulada con tella cerámica curva tradicional de cor vermello, de 45 x 19 cm., recibida con ganchos de aceiro inoxidable e masa de cal graxo e area 1:4. Para a recollida de augas da cuberta, colocaranse canlóns e baixantes de aluminio lacado necesarios para recoller as augas da cuberta, con canlóns de sección semicircular e baixantes de sección circular.

Porche: O porche executarase mediante a prolongación da estrutura e do material da vertente da cuberta que nesta zona estará integrada por pontóns de madeira de pino tratado, fincados no cerramento do local e na correspondente viga continua de madeira laminada colocada entre as catro columnas de granito abuxardado que, xunto co cerramento do local, servirán de soporte ó taboleiro de cuberta que formará o porche.

Carpinterías exteriores: Nesta fase non se colocarán as carpinterías exteriores, unicamente se deixarán os precercos colocados.

Compartimentación: Nesta fase, executaranse as particións interiores proxectadas con tabicón de ladrillo oco dobre. Non se colocarán as carpinterías interiores, unicamente se colocarán os premarcos de madeira.

Acabados e instalacións: nesta fase non se levarán a cabo os acabados e instalacións finais; si se deixarán colocadas a parte das instalacións que van enterradas na cimentación do edificio como o saneamento horizontal e de toma de terra correspondentes, deixando previstas as futuras conexións.