Monforte de Lemos, 15 de xullo de 2021. O Concello de Monforte acollerá a vindeira semana o segundo dos cursos de verán que este ano celebra a Univarsidade de Santiago de Compostela na cidade.
En concreto, o Curso de Verán leva por título “A Ribeira Sacra: paisaxe, patrimonio, gastronomía e terra de viños (Ribeiras do Miño)” e está organizado polo Campus Terra da Universidade de Santiago de Compostela (USC) e en colaboración co Concello de Monforte e a Deputación de Lugo.
O curso celebrarase na Casa da Cultura Poeta Lois Pereiro, dende o vindeiro luns 19 e ata o venres 23 de xullo e está dirixido polo profesor Ignacio J. Díaz-Maroto Hidalgo.
O curso será inaugurado o luns 19 ás 9:30 horas polo Alcalde de Monforte e Presidente da Deputación, José Tomé Roca, e tamén está prevista a asistencia do Adxunto á Vicerreitoría de Coordinación do Campus de Lugo para Estudantes, Internacionalización, Cultura e Servizos, Jesús Varela Zapata, e o Presidente do Consorcio de Turismo da Ribeira Sacra, Luís Fernández Guitián.
O programa está composto por charlas e sesións lúdico-formativas a cargo de docentes, investigadores e profesionais de diversas áreas como son a cultura tradicional, a conservación do patrimonio etnográfico e arqueolóxico, a paisaxe, a gastronomía e a viticultura.
Ademais das charlas formativas, tamén está previsto a realización dunha viaxe pola Ribeira Sacra, que incluirá a visita ó Ecomuseo de Arxeríz, ó museo de San Paio de Diomondi, percorrerase un tramo do Camiño de Inverno, tamén se visitarán dúas adegas da zona para realizar a correspondente cata de viños das últimas colleitas.