O Alcalde salienta o éxito do Polígono do Reboredo, froito da promoción e dos proxectos de mellora promovidos polo Concello nos últimos anos

Monforte de Lemos, 25 de agosto de 2021. O Alcalde de Monforte de Lemos, José Tomé Roca, salientou, na visita levada a cabo na mañá de hoxe ó Polígono Industrial de O Reboredo,  na que estivo acompañado polo Vicepresidente segundo da Xunta e Conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, o bo estado de saúde do que goza esta área empresarial “froito da promoción e dos proxectos de mellora promovidos polo Concello neste polígono nos últimos anos. O éxito que agora vive o Polígono débese en gran medida á aposta decidida que fixemos dende o Equipo de Goberno por desenvolver esta área industrial do Reboredo”.

Este éxito fundaméntase nos proxectos desenvoltos polo Equipo de Goberno monfortino nos últimos anos, cunha inversión total realizada, no período 2016-2021, que supera o 1,1M€ (concretamente, 1.108.949,26 €), dos cales o Concello aportou 602.703,84 euros e conseguiu axudas da Xunta de Galicia por importe de 506.245,42 euros.

“Dende o Concello, apostamos claramente polo desenvolvemento deste Polígono de O Reboredo, tanto nas súas infraestruturas viarias, como nos servizos de mellora de alumeado, mellora do firme das súas rúas, melloras no saneamento e na súa depuradora, así como na promoción diante do tecido empresarial, o que está dando uns excelentes resultados, dado o nivel de demanda e venta de parcelas fai que a oferta de terreo estea practicamente esgotada”, destacou o Alcalde.

As inversións levadas a cabo polo Concello monfortino no período 2016-2021, supuxeron melloras moi significativas en concreto, a renovación do pavimento, sinalizacións e beirarrúas das rúas números 1, 2 e 3, así como a reforma da Depuradora (EDAR), ou a renovación do alumeado do Polígono.

Ademais, o Alcalde tamén recordou o proxecto que no pasado mes de xullo licitou o Concello para a conversión dun camiño público do Polígono nunha nova vía, “dotada de todos os servizos e cun ancho de carril axeitado para cubrir as necesidades comunicativas tanto das empresas que actualmente teñen as súas sedes nel, como as futuras empresas que o polígono albergará nos vindeiros meses,  contribuíndo así ó seu desenvolvemento e ampliación”.

Outra das iniciativas nas que o Concello está a traballar xa é na rehabilitación dunha nave do polígono, propiedade municipal, para convertela nun futuro Viveiro de Empresas, para o cal a inversión destinada polo Equipo de Goberno monfortino supera os 235.000 euros.

Na visita levada a cabo hoxe ó Polígono de O Reboredo, o Alcalde estivo acompañado, ademais de polo Vicepresidente segundo e Conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, polo Delegado territorial da Xunta de Galicia en Lugo, Javier Arias, a 1ª Tenente de Alcalde, Gloria Prada, o Concelleiro de Medio Rural, Obras e Servizos, José Luís Losada, concelleiro Roberto Eireos e a deputada do Parlamento de Galicia, Raquel Arias.

 

Aposta firme do Concello de Monforte polo Polígono do Reboredo

O Polígono do Reboredo é un polígono con moitas posibilidades e ben comunicado, por atoparse a 1,5 Km da N-120 e tamén da futura autovía A-76, así como unha ubicación xeográfica que o pode facer atractivo para empresas de fora do ámbito territorial local.

“Afortunadamente, o Polígono, despois de moitos anos nos que non tiña a demanda que se esperaba cando se construíu, a principios dos anos 80, e logo dunha boa promoción que fixemos ó longo do tempo, temos case a práctica totalidade das súas parcelas vendidas a empresas interesadas en instalarse aquí ou crecer”, destacou o Alcalde.

Neste senso, durante o presente ano 2021, pecháronse 7 operacións de venta de terreos, que supoñen un total de 51.000 metros cadrados. As ventas destas parcelas alcanzaron 1.085.923 euros.

Boa mostra da saúde da que goza é a necesidade da ampliación do Polígono para cubrir a demanda actual, necesidade que dende o Concello xa lle foi solicitada hai unhas semanas á SEPE e a Suelo Empresarial del Atlántico, que é a entidade que se encarga da xestión e venta das súas parcelas de uso industrial.

“O polígono do Reboredo está de noraboa porque está crecendo e dende o Concello pensamos en articular novas medidas de crecemento, motivo polo cal solicitamos hai unhas semanas o SEPES o incremento da súa superficie, para que haxa máis posibilidades industriais nesta zona do interior de Galicia”, destacou José Tomé.

 

Investimentos que superan os 1,1 millóns de euros en 5 anos

Dende a chegada ó goberno municipal do actual Alcalde, a súa preocupación por mellorar as infraestruturas e servizos do Polígono Industrial do Reboredo foi constante, o que se traduce en investimentos que superan o 1,1M€ (concretamente, 1.108.949,26 €), dos cales o Concello aportou 602.703,84 euros e conseguiu axudas da Xunta de Galicia por importe de 506.245,42 euros, no período 2016-2021.

Deste xeito, en 2016, levouse a cabo a renovación do pavimento e a sinalización horizontal dun primeiro tramo da rúa nº 1 do Polígono, cun investimento a cargo do Concello de algo máis de 83.000 euros.

No ano 2017, acometeuse a mellora do alumeado das rúas do polígono, coa colocación de novas luminarias LED que supuxeron un aforro enerxético e unha mellora medioambiental singnificativas. A inversión total neste proxecto superou os 53.000 euros.

A reforma da Depuradora do Polígono (EDAR) tivo lugar en 2018, cunha inversión cercana ós 99.000 euros. Os traballos consistiron no aumento da súa capacidade de tratamento en 219.000 metros cúbicos ó ano, o que supuxo un aumento de preto do 50%.

A mellora das infraestruturas viarias do Polígono tivo continuidade o pasado ano 2020, coa renovación  do pavimento e sinalizacións horizontais do segundo tramo da rúa nº 1, así como das rúas nº 2 e nº 3 completas. Nesta ocasión, o investimento superou os 90.000 euros.

 

Novas actuacións de mellora

No pasado mes de xullo deste ano 2021, o Concello licitou o proxecto para a conversión dun camiño público do Polígono nunha nova vía que facilitará as comunicacións internas do polígono, así como o seu desenvolvemento e ampliación.

Neste proxecto, o Concello investirá case 236.000 euros, cun orzamento total de 355.627,16 euros, para acadar unha vía de 16,50 metros de ancho e dotada de todos os servizos de iluminación, saneamento e beirarrúas.

Outra das iniciativas propias nas que o Concello está a traballar xa é na rehabilitación dunha nave do polígono, propiedade municipal, para convertela nun futuro Viveiro de Empresas, para o cal a inversión destinada polo Equipo de Goberno monfortino supera os 235.000 euros, dun orzamento total de máis de 427.000 euros, e con posibilidades de ampliación, si fose necesario.

“Dende o Concello, agardamos seguir nesta liña de colaboración coa Xunta, porque é a forma de seguir apoiando o desenvolvemento do noso tecido industrial, que quizais no interior de Galicia o necesita máis”, concluíu o rexedor municipal.