O Alcalde presenta 10 proxectos de melloras en vías urbanas e rurais de Monforte que alcanzan o medio millón de euros

Monforte de Lemos, 9 de xuño de 2021. O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, acompañado pola 1ª Tenente de Alcalde, Gloria Prada, deu a coñecer hoxe 10 novos proxectos de mellora de rúas, vías e camiños, tanto urbanos como rurais, do Concello de Monforte, “que supón a continuación do noso programa de melloras das infraestruturas viarias municipais que, sen dúbida, van a dar continuidade ó noso obxectivo de dotar con mellores servizos e mellores infraestruturas ó noso Concello, en definitiva, ós nosos veciños e veciñas”.

A suma dos investimentos destinados a estes 10 proxectos supoñen unha inversión de case medio millón de euros, en concreto, 457.653,31 euros.

“Deste xeito” engadiu o Alcalde, “o Equipo de Goberno deste Concello segue a licitar a contratación de obras, servizos e subministros públicos para seguir mellorando Monforte tal como vimos facendo dende que chegamos ó Goberno fai case 6 anos, e que seguiremos facendo para cumprir o compromiso que temos con todos os monfortinos e monfortinas”.

As actuacións comprenden a renovación do firme, a colocación de sinalización, e o pintado das correspondentes sinais viarias, e está previsto que se vaian poñendo en marcha nas vindeiras semanas.

No ámbito urbano, as actuacións de mellora levaranse a cabo na zona de vivendas do Val de Lemos, na vía principal de Rioseco, na parte baixa da rúa Corredoira e na rúa Concepción Arenal. Nestes dous últimos casos, as obras suporán a renovación de todas as rúas tanto do barrio do Hospital, como do barrio da Estación, levadas a cabo durante o mandato deste Alcalde.

No eido rural, as obras desenvolveranse nos camiños entre Morade Grande e A Pena, na estrada entre Gándaras (Vilamarín) e Morade Grande, na vía situada entre Vilamarín e a estrada de Rozavales, no Camiño As Fontes-Reigada, en diversas vías de Ribasaltas, e en todas as vías principais da parroquia de Distriz. Finalmente, na parroquia de Piñeira, acometeranse as melloras nos camiños municipais de A Barxela, O Carballo e a zona de As Bodegas.

 

Actuacións de mellora en rúas urbanas

As actuacións en rúas do casco urbano refléxanse en 4 proxectos de mellora:

-Vías municipais situadas na zona das Vivendas Val de Lemos: levarase a cabo a rexeneración do seu firme, sobre unha lonxitude de 725 metros de rúas, “o que significa que imos renovar todas as rúas do barrio Val de Lemos”, destaca o Alcalde. Para esta actuación, o Concello destina un orzamento de 59.604,07 euros.

 

-En Rioseco, acometerase a mellora da vía principal, dende o enlace coa vía Chamoso Lamas ata a pista do Canal, que da acceso a “Hormigones La Estrella” sobre unha lonxitude de 740 metros, cun orzamento de 30.301,46 euros.

-Actuacións de mellora un tramo da rúa Corredoira, en concreto o tramo que vai dende o inicio da mesma, na rúa Santa Clara, ata o seu encontro coa rúa Irmáns da Pena, xusto antes do acceso ó recinto do Hospital Comarcal, actuando sobre unha lonxitude aproximada de 290 metros, cunha inversión de 47.383,39 euros.

Neste senso o Alcalde subliña que “todas as rúas urbanizadas do barrio do Hospital, foron renovadas desde que iniciamos o noso mandato neste Concello. E do mesmo xeito, detrás do Hospital, tamén arranxaremos algunhas pistas máis, algo que anunciaremos en vindeiras datas”.

-Finalmente, neste ámbito urbano se levará a cabo a mellora da rúa Concepción Arenal, sobre unha lonxitude aproximada de 235 metros, dende a plazuela da Estación ata a rúa Morín. A mellora do seu firme suporá un investimento de 23.554,07 euros.

“Esta obra suporá que todas as rúas do barrio da Estación, outro dos barrios emblemáticos da nosa cidade, foron xa renovadas e arranxadas no seu firme” aclarou o rexedor municipal.

 

Obras de mellora en vías e camiños rurais

As actuacións que se desenvolverán no eido das parroquias de Monforte abarcan 6 proxectos de mellora:

-O primeiro dos proxectos no eido rural, ten que ver coa mellora de pistas no perímetro rural de Monforte. Concretamente os camiños e vías locais que se van mellorar son os correspondentes a catro zonas:

  • Camiño entre Morade Grande e A Pena, entre as parroquias de A Penela e Vilamarín, cunha actuación sobre o firme de 1.990 metros.
  • Estrada entre Gándaras (Vilamarín) e Morade Grande, sobre 575 metros.
  • A vía situada entre Vilamarín e a estrada de Rozavales, en 965 metros.
  • E o Camiño As Fontes-Reigada, sobre 1.760 metros de vía.

En total, as pistas que se inclúen neste proxecto, que todas elas forman parte da rede viaria municipal do Concello de Monforte, suman unha actuación de 5,29 quilómetros, e vai supoñer unha mellora importante nas parroquias afectadas. Para esta actuación en vías rurais de titularidade municipal, a inversión é de 72.048,24 euros.

-O segundo dos proxectos levarase a cabo na parroquia de Ribasaltas, no que se acometerá a rexeneración do firme duns tramos de varias vías desta parroquia, cunha extensión total de 835 metros, e destinamos unha inversión para elo de 45.199,54 euros. Nestas melloras, destaca o arranxo da vía principal, que vai dende o paso inferior ata onde rematan as casas na pista do Canal.

-Outros dos camiños que se van ver mellorados son os correspondentes á parroquia de Distriz, para o cal destinarase un orzamento de 93.629,06 €, que servirá para mellorar 1.548 metros de vías. Serán, neste caso, todas as principais pistas desta parroquia, cunha inversión certamente importante, de preto de 100.000 euros.

-Finalmente, na parroquia de Piñeira, abordaranse as tres actuacións restantes que completan os 10 proxectos de mellora anunciados polo Alcalde:

  • A mellora do camiño municipal en A Barxela, cunha inversión de 21.199,51 euros para mellorar 210 metros de vía.
  • A renovación do camiño municipal en O Carballo, que require dun investimento de 43.702,70 euros nun tramo de 975 metros.
  • E a mellora do camiño municipal situado na zona de As Bodegas, entre a igrexa e o local social que leva asignada unha inversión de 21.031,27 euros.

En total, na parroquia de Piñeira, a inversión alcanza os 85.933,48 euros.

 

O Alcalde concluíu a súa intervención anunciando que “en próximas datas, iremos dando a coñecer outros proxectos importantes para seguir mellorando a nosa cidade e tamén o conxunto do Concello. Como ven, continuamos así co desenvolvemento dun ambicioso programa de mellora de infraestruturas viarias da nosa cidade e das nosas parroquias, porque este é un compromiso que eu como Alcalde teño adquirido cos monfortinos e coas monfortinas”.