Monforte de Lemos, 31 de maio de 2021. O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, inaugurou na mañá de hoxe a nova cámara web instalada por Meteogalicia na Torre da Homenaxe e que permitirá coñecer en tempo real as condicións meteorolóxicas de Monforte. En concreto, a cámara foi ubicada na cima do muro que rodea a Torre da Homenaxe, orientada cara os Escolapios.
No acto inaugural, o Alcalde estivo acompañado pola Directora Xeral de Calidade Ambiental, Sostibilidade e Cambio Climático, Sagrario Pérez Castellanos, o Delegado da Xunta en Lugo, Javier Arias, o así como pola 1ª Tenente de Alcalde do Concello, Gloria Prada, e o Concelleiro de Obras, Medio Rural e Servizos, José Luís Losada.
A cámara web é a última das tres instalacións deste tipo ubicadas en Monforte, tras a instalación dunha Estación meteorolóxica na Pinguela, e dunha Pantalla de información meteorolóxica e de calidade do aire, no Campo de San Antonio anexa á Casa do Concello, todas elas demandadas mediante petición formal que efectuou o Alcalde monfortino a Meteogalicia en 2015, petición que foi atendida coa instalación dos referidos elementos en febreiro (Estación meteorolóxica de A Pinguela) e xuño de 2019 (Pantalla de información meteorolóxica), e recentemente en maio de 2021 a referida cámara web.
“Monforte conta, por primeira vez, con todas as ferramentas necesarias para que os nosos cidadáns poidan coñecer os aspectos relacionados coa meteoroloxía da cidade e saber en tempo real os datos relacionados co clima e a meteoroloxía do noso Concello. Estas tres instalacións permiten que a nosa cidade se sitúe ó mesmo nivel de información climática que o resto das cidades de Galicia”, salienta o Alcalde monfortino.
“Non era lóxico que cando se daban datos do tempo meteorolóxico referidos a Monforte, foran procedentes de Concellos limítrofes que diferían bastante dos da nosa cidade, dado que todos os Concellos de arredor teñen unha altitude bastante máis elevada, e iso fai variar as temperaturas, a humidade ou a velocidade do vento” recordou Tomé Roca.
Os datos xerados por estes tres elementos informativos para o coñecemento do clima na cidade pódense consultar a través da web de Meteogalicia www.meteogalicia.gal ou na súa APP.
Cámara Web
A Cámara web de Monforte, amplía a rede de cámaras que xa ten instaladas, para poder ver en tempo real as condicións meteorolóxicas de calquera punto da xeografía galega, neste caso en Monforte.
Isto vai permitir obter imaxes en tempo real e poñelas a disposición do público na APP ou na páxina web de Meteogalicia, de maneira gratuíta e para que calquera persoa poida planificar as súas actividades persoais ou profesionais.
A ubicación escollida para esta cámara foi na cima do muro que rodea a Torre da Homenaxe, orientada cara os Escolapios. A cámara conta cun pequeno armario de comunicación e alimentación.
Estación Meteorolóxica
A Estación Meteorolóxica, instalada en febreiro de 2019 na Pinguela, forma parte da rede de estacións meteorolóxicas de Meteogalicia e permite coñecer os datos climáticos reais de Monforte, que son empregados diariamente por moitos usuarios para as diversas actividades, para informes ou para xustificar danos nas propiedades ou nos cultivos por causas meteorolóxicas.
As medicións que rexistra a estación meteorolóxica son as seguintes:
- Velocidade e dirección do vento ademais do refacho.
- Temperatura e humidade do aire.
- Presión atmosférica.
- Temperatura do chan.
- Temperatura da herba.
- Radiación solar.
- Choiva ou precipitación.
A estación meteorolóxica conta con sensores de vento, de temperatura, de humidade, de radiación solar e un armario cos equipos de alimentación, procesado e envío de datos.
A estación non require de alimentación eléctrica externa, xa que esta é subministrada por un pequeno panel solar. A comunicación é por telefonía móbil mediante o sistema de 3G.
Pantalla de información meteorolóxica e calidade do aire
O terceiro elemento instalado en Monforte foi a Pantalla de información pública de Meteoroloxía e Calidade do aire, que permite coñecer outros temas de interese e seguridade para os cidadáns, como os avisos diante de fenómenos meteorolóxicos extremos ou posibles eventos da mala calidade do aire por contaminación.
Esta pantalla foi instalada en xuño de 2019 e está ubicada na esquina dereita da Casa do Concello, orientada cara a rúa e a Praza do Campo de San Antonio, onde remata a rampla de acceso lateral.
As características da pantalla son as seguintes:
- Horizontal, de 2 metros de longa por 1 metro de alta.
- Colocada sobre un poste metálico de 2,20 metros de alto e conectada á rede de alumeado municipal.
O Concello decidiu ubicala neste punto, en coordinación con Meteogalicia, porque é unha zona moi frecuentada polos monfortinos, que acoden habitualmente a facer as súas xestións ó Concello, e porque pasan tamén por esta zona os peregrinos do Camiño de Inverno a Santiago.