O Alcalde asina a concesión de 200.000 euros en axudas directas ós 100 hostaleiros monfortinos que as solicitaron

Monforte de Lemos, 22 de maio de 2021. O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, ven de asinar a resolución das subvencións correspondentes ó 2º Plan Reactiva para a Hostalería de Monforte, e que supoñen a concesión de axudas directas ós hostaleiros de Monforte por un total de 200.000 euros.

O Alcalde destaca que “este Plan supón un éxito rotundo de participación, xa que superamos todas as previsións que dende o Concello establecíamos, pois calculabamos en 98 as posibles entidades hostaleiras que podían solicitar estas axudas, e finalmente, rematado o prazo o pasado venres 14, foron 100 as entidades solicitantes, todas elas resoltas favorablemente concedéndoselle a cada una delas 2.000 euros, para contribuír a paliar os prexuízos causados pola Covid”.

Para facilitar á petición destas axudas, o Concello de Monforte simplificou ó máximo os trámites e os requisitos para solicitalas, tendo que presentar os interesados soamente un único impreso de solicitude normalizado. Do mesmo xeito, o Concello resolveu de forma áxil e rápida a concesión das mesmas, a fin de que os hostaleiros poidan percibir canto antes as axudas demandadas.

Do mesmo xeito, o rexedor monfortino anunciou que “unha vez resoltas e concedidas todas as axudas o pasado mércores día 19 de maio, dende a próxima semana, procederemos xa ó pago das mesmas, para que as axudas cheguen canto antes a este sector hostaleiro tan necesitado”.

O decreto asinado polo Alcalde monfortino resolve conceder axudas directas de 2.000 euros a cada unha das 100 solicitudes presentadas ata o venres 14 de maio. Neste senso, a resolución de subvencións concedidas, ven de ser publicada na páxina web do Concello, a través do enlace:

http://www.monfortedelemos.es/gl/coronavirus/plan-reactiva-hosteleria

O mércores 31 de marzo, o rexedor municipal dera a coñecer posta en marcha desta liña de axudas directas á hostalería monfortina, dotada cun total de 200.000 euros, ás que podían optar todos os negocios de hostalería con domicilio fiscal en Monforte.

O obxectivo destas axudas postas en marcha polo Equipo de Goberno monfortino foi contribuír a paliar os efectos da Covid e os peches decretados pola Xunta de Galicia neste sector, concedéndose unha contía fixa de 2.000 euros, ás pequenas empresas, isto é, autónomos e entidades mercantís, con ou sen personalidade xurídica propia, que foran titulares de establecementos de hostalería, é dicir bares, restaurantes, cafeterías, con domicilio fiscal en Monforte, que estiveran abertos ó público antes do día 1 de xaneiro de 2021.

-“Con esta nova liña de axudas, que supuxo todo un éxito de participación, o Concello de Monforte segue apoiando ás empresas e ás familias, neste caso ó sector hostaleiro. Con esta nova partida, chegamos a 1.2 millóns de euros en axudas distribuídas por este Concello por mor da Covid, o que representa un 8,5% do orzamento municipal, porcentaxe que no temos noticia que haxa alcanzado ningunha outra administración” subliña o rexedor municipal.

José Tomé concluíu recordando que “este Equipo de Goberno segue demostrando o seu compromiso decidido cos nosos veciños e coas empresas de Monforte, neste caso de hostalería, a través de axudas áxiles, directas e efectivas que teñen por obxectivo paliar as dificultades económicas derivadas da crise sanitaria da Covid-19. E mentres sexa necesario, este Concello seguirá destinando todas aquelas partidas económicos e servizos que sexan necesarios para axudar ó tecido social e empresarial de Monforte”.


imaxe de arquivo correspondente ó día en que o Alcalde presentou esta liña de axudas para a hostalería de Monforte.