O Alcalde anuncia para 2022 a conmemoración dos 25 anos da Coral Polifónica do Concello de Monforte

Monforte de Lemos, 1 de setembro de 2021. O Alcalde de Monforte, José Tomé Roca, anunciou hoxe en rolda de prensa que “se a evolución da pandemia da Covid-19 nolo permite, no vindeiro ano 2022, dende o Concello levaremos a cabo unha serie de actos para conmemorar o 25 aniversario da Coral Polifónica de Monforte”.

Este anuncio ven motivado porque a Coral Polifónica monfortina alcanzou neste ano 2021 os vinte cinco anos da súa fundación, pero debido á situación sanitaria derivada da pandemia do Coronavirus, “non podemos levar a cabo os actos conmemorativos que tiñamos previstos para este ano”, aclarou o rexedor municipal, quen tamén informou de que “dende o inicio desta crise sanitaria, a Coral Polifónica non puido levar a cabo os seus ensaios con normalidade, nin tampouco celebrar as actuacións que habitualmente se inclúen no seu calendario anual.”

A comparecencia do Alcalde, na que estivo acompañado pola Concelleira de Cultura, Marina Doutón, a actual presidenta da Coral, María del Carmen Lobo, e o ex presidente da Coral (dende o ano da súa fundación en 1996 ata 2019), Ramón Rodríguez Buján, serviu para dar a coñecer o calendario de actos conmemorativos nos que se está a traballar dende o Concello en coordinación cos responsables da Coral Polifónica.

 

Actos conmemorativos do XXV aniversario da Coral Polifónica de Monforte

O Alcalde relatou o programa de actividades que “agardamos poder celebrar no vindeiro ano 2022 para conmemorar como se merece os 25 anos da Coral monfortina”.

Acto conmemorativo do 25 anos da creación da Coral Polifónica:

O 25 aniversario da Coral será celebrado cun concerto especial no que, ademais da actuación da propia Coral Polifónica de Monforte, contarase cunha Coral de prestixio que será anunciada no seu momento.

Neste acto conmemorativo, levarase a cabo recordo moi especial cos integrantes xa desaparecidos da Coral, así como con aqueles que a deixaron.

Actividades artísticas:

Ó longo do 2022, dende o Concello organizarase unha exposición fotográfica a modo de retrospectiva dos 25 anos da Coral, na que se incluirán fotos das actuacións máis destacadas, das viaxes efectuadas, dos grupos e corais coas que se fixeron concertos conxuntos, etc.

Do mesmo xeito, tamén se proxectarán diversos vídeos recopilatorios das diferentes actuacións da Coral ó longo destes anos.

Actividades educativas:

-Co gallo do 25 aniversario da Coral, celebrarase unha conferencia sobre “O canto coral en Galicia”, na que estarán presentes diferentes expertos sobre a historia das corais no noso país, e tamén se organizará un Curso Coral.

O programa das Festas Patronais de 2022 incluirá un escrito específico sobre o XXV aniversario da Coral e as súa historia.

Elaboración de material conmemorativo

Os 25 anos da Coral permanecerán no recordo coa adquisición que dende o Concello se levará a cabo dunha peza artesanía conmemorativa que será colocada nos expositores que a Coral posúe no Edificio Multiusos.

Co material recopilado para as exposicións audiovisuais, elaborarase unha  montaxe cos vídeos e fotografías das actuacións da Coral nestes anos e será entregada, gravados nun lápiz de memoria, ós compoñentes da Coral, familiares, ex-compoñentes e autoridades.

No mesmo senso, tamén se elaborará un pin conmemorativo para entregar ós compoñentes deste grupo coral e autoridades.

 

XXV anos da Coral Polifónica de Monforte

José Tomé fixo tamén un repaso polos 25 anos de historia da Coral, que foi fundada en marzo de 1996, sendo o seu primeiro director Xoan Antón Vazquez Casas. En maio de 1997, faise cargo Fernando Sanmartino Pérez, que na actualidade compaxina a dirección da Coral coa actividade de director do Conservatorio e da Banda de Música do Concello de Monforte.

A Coral está integrada actualmente por 50 voces mixtas e seu repertorio inclúe Música Sacra, Música Popular Galega, Panxoliñas, Habaneras, etc.

No seu haber, nestes 25 anos de historia, a Coral realizou un total de 238 actuacións, das cales 143 foron na cidade de Monforte e 81 repartidas entre localidades de Galicia (como Cee, Ribadeo, Marín, Pontedeume, Mondoñedo, O Grove), Asturias (Cudillero, Mieres, Villaviciosa, Candás) ou Castela e León (Zamora, León).

Tamén destacan as 14 prestixiosas actuacións en diversos países europeos como Suíza, Francia, Italia, Dinamarca, Alemania, Suecia, Bélxica ou Portugal.

En música Sacra, destacan as súas actuacións na Catedral de Tui, en Nosa Señora das Neves, ou en San Martiño Pinario, en Santiago de Compostela. No ano 1999 gravou o seu primeiro CD de polifonía variada.

O Concello de Monforte colabora estreitamente coa Coral Polifónica a través de diversas liñas de actuación, proporcionándolle un local de ensaios, no Edificio Multiusos, aportando a figura do Director da Coral, sufragando as súas saídas para a realización de concertos, para a súa participación no programa ”Europeades”, ou os intercambios con outras corais e adquirindo o material que necesitan para desenvolver a súa actividade.

Do mesmo xeito, froito desta colaboración, a Coral participa anualmente en concertos e actividades organizadas pola nosa Concellería de Cultura: concertos de Nadal, Habaneras, Festas Patronais, así como outros concertos institucionais, relixiosos, interpretacións en inauguracións e diferentes actividades culturais, sociais e educativas do Concello.

 

O Alcalde concluíu subliñando que “dende o Concello agardamos que para o ano 2022, a incidencia da Covid-19 remita ou, polo menos, que nos permita levar a cabo este completo programa de actividades que lles veño de expoñer, e conmemorar como se merece os 25 anos da nosa Coral Polifónica de Monforte”.